dcsimg

Xesta ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician
Para ver outros vexetais de igual nome ver os artigos dos xéneros Cytisus e Genista.

Dun xeito cientificamente estrito (independentemente dos nomes comúns) as únicas xestas son as pertencentes ao xénero Cytisus, pois algúns dos membros do xénero Genista, real e propiamente, deberían denominarse piornos.

A xesta, xesta común ou xesta brava (Cytisus scoparius) é unha especie de planta perenne, arbustiva, da familia das leguminosas, moi común en Galicia.

Baixo deste nome común, con ou sen adxectivos, denomínase conxuntamente unha serie de arbustos semellantes (maiormente do xénero Cytisus) que corresponden a distintas especies, das que esta é a máis frecuente.

A xesta de Ons (Cytisus insularis) é unha especie de planta caducifolia, endémica de Illas Atlánticas e descrita no ano 2001. É o único endemismo do xénero Cytisus evolucionado en Galiza.

Etimoloxía

O termo xesta (en portugués: giesta), procede do latín vulgar genĕsta, que, á súa vez, deriva do nome latino clásico da planta genista, por iso tamén dá o mesmo nome ás especies do xénero Genista. Tradicionalmente en galego atópase coa grafía gèsta ou gesteira[1]

Nalgunhas zonas recibe o nome de piorno ou codeso (non confundir con outras especies). O nome de codeso orixinaríase a partir dunha forma do latín vulgar cŭtĭsus, no canto do clásico cytĭsus, procedente este do grego χυτισοξ. Segundo algúns ese nome derivaría da illa das Cícladas Kytnos. O nome piorno probabelmente provén do latín vībŭrnum, co significado de planta semellante ao vimbio.

Outros nomes comúns son: xesta brava, xesta de vasoiras, xesta mansa, xesta amarela, xesta molar ou xesta moura.

A formación dominada polas xestas denomínase xestal ou xesteira.

Dun xeito máis aproximado á clasificación científica, as denominacións precisas relacionarían cada unha das formacións segundo a súa dominancia xenérica deste xeito: xesteiras (Cytisus), codesais e piornais (Adenocarpus); relacionados xunta con outras (tamén moi características en Galiza) coma os carqueixais (Genista) e as toxeiras (Ulex).

Difusión

É nativa da Europa Occidental e da central, que se estende desde o norte da Península Ibérica até as Illas Británicas e a Escandinavia meridional, e polo leste continental até a Polonia e Romanía, onde se pode atopar en sitios soleados e tamén umbrosos, polo normal sobre solos secos e silíceos e a baixas altitudes; porén, pode resistir temperaturas de até -25 °C.

Foi introducida noutros continentes, nalgúns dos cales é considerada como unha especie nociva e invasiva, así en California e o Noroeste do Pacífico nos Estados Unidos de América e en Nova Zelandia. O rápido medre desta especie entre árbores, no momento da reforestación, inhibe a medra dos plantóns, pois compite con este. En Oregón estímase que a xesta é responsábel da perda duns 47 millóns de dólares na produción de madeira cada ano por esa causa. Nalgunhas zonas afectadas tentáronse métodos de control biolóxico, usando algúns insectos que se alimentan da xesta como a Arytainilla spartiophylla, o escaravello Bruchidius villosus, e unha avelaíña, a Leucoptera spartifoliella.

Descrición

A xesta atinxe unha altura de 1 a 3 m, e incluso até 4 m. As ramas principais son verdes, estriadas e magras e poden acadar un diámetro de 5 a 10 cm. É un arbusto moi ramificado, con talos verdes angulosos, de pequenas e poucas follas caedizas, simples e lanceoladas ou ben compostas e trifoliadas, que miden de 5 a 15 mm de longo.

Na primavera (abril a xullo), recóbrese enteiramente dunha multitude de flores amarelas papilonadas recendentes, duns 15 a 20 mm de ancho e entre 20 a 30 mm de longo, que en pouco tempo deixan ver os estames. No final do verán aparece o froito, un legume a xeito de vaxas oblongas, de 2 a 3 cm de longo, 8 mm de ancho e 2 a 3 mm de espesor, vóltanse negras, estoupan con ruído seco e espallan as súas sementes arredor da planta nai.

Utilidade

É unha planta tóxica para o ser humano, mais non para o gado. A casca era usada para curtido de coiros e para a fabricación de cordas; as varas, preparadas, foron usadas como aguilladas para arrear o gado. Tamén se utilizou na elaboración de teas de alumeado. O uso máis común foi para fabricar vasoiras, de feito en moitas zonas do país denomínanse xestas. Outro uso común é coma combustíbel para roxar o fornos de pan ou a súa utilización para facer adobo, xa que como leguminosa aporta nitróxeno ao solo. O estrume conseguido nas cortes era utilizado coma fertilizante para facer medrar as xestas até uns 3 m, despois os aclaraban e formábase unha paisaxe de mato e pasto no que pacía e se protexía o gado. Desgraciadamente a transformación de extensas superficies destes matos en terreos de produción forestal (eucaliptais ou piñeirais) ou forraxeira e o uso de fertilizantes inorgánicos están a perder definitivamente este tipo de sistema produtivo sostíbel. Este uso era abundante nas montañas orientais, onde se utilizaba a xesta branca.

Foi tamén usada, en lugar do colmo habitual, en zonas montañosas para cuberta de vivendas xa que repele o paso da auga e permite a transpiración dos fumes que se producen no interior das construcións. En Francia é aínda posíbel atopar casas con ese tipo de cuberta na alta Ardèche e en Lozère.

Uso medicinal

Ten uso medicinal polas súas propiedades cardiotónicas e estimulantes. Actualmente as pólas da xesta empréganse para a extracción de esparteína, un alcaloide que impide a chegada de estímulos non desexados ao cerebro e que axuda no parto ao estimular as paredes do útero.

As flores son aperitivas e utilízanse en infusión coma diuréticas polos seus flavonoides.

Etnografía

A xesta ten un sabor moi agre, por iso compárase con todo o que é amarguexo:

  • Ser amargo coma as xestas, persoa áspera ou xota.[2]
  • Estar na xesta, dise que 'está na xesta' o viño que está a ferver e aínda amarga.[2]

Sinonimia

  • Colutea scoparia (L.) Bercht. & J.Presl
  • Corema scoparium (L.) Bercht. & J. Presl
  • Cytisogenista scoparia var. leiostyla (Willk.) Rothm.
  • Cytisogenista scoparia var. oxyphylla (Boiss.) Rothm.
  • Cytisogenista scoparia (L.) Rothm.
  • Cytisus insularis S. Ortiz & Pulgar
  • Cytisus lusitanicus (Mill.) Maire
  • Cytisus reverchonii (Degen & Hervier) Bean
  • Genista andreana Puiss.
  • Genista angulata (Raf.) Poir. in Lam.
  • Genista glabra (Mill.) Spach
  • Genista hirsuta Moench
  • Genista scoparia (L.) Lam.
  • Sarothamnus andreanus (Puiss.) Bergmans
  • Sarothamnus bourgaei Boiss.
  • Sarothamnus eliasii Sennen
  • Sarothamnus lusitanicus (Mill.) Pau
  • Sarothamnus oxyphyllus Boiss.
  • Sarothamnus scoparius subsp. andreanus (Puiss.) P.Fourn.
  • Sarothamnus scoparius subsp. reverchonii Degen & Hervier
  • Sarothamnus scoparius var. leiostylos Willk. in Willk. & Lange
  • Sarothamnus scoparius (L.) W.D.J.Koch
  • Sarothamnus vulgaris var. leiostylos (Willk.) C.Vicioso
  • Sarothamnus vulgaris var. reverchonii (Degen & Hervier) C. Vicioso
  • Sarothamnus vulgaris Wimm.
  • Spartium angulatum Raf.
  • Spartium glabrum Mill.
  • Spartium lusitanicus Mill.
  • Spartium scoparium L.[3]

Galería de imaxes

Notas

  1. Marcial Valladares Núñez (1884): Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar
  2. 2,0 2,1 Dicionario de Dicionarios, Corpus lexicográfico da lingua galega
  3. Sinónimos en Real Jardín Botánico

Véxase tamén

Outros artigos

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician

Xesta: Brief Summary ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician
Para ver outros vexetais de igual nome ver os artigos dos xéneros Cytisus e Genista.

Dun xeito cientificamente estrito (independentemente dos nomes comúns) as únicas xestas son as pertencentes ao xénero Cytisus, pois algúns dos membros do xénero Genista, real e propiamente, deberían denominarse piornos.

A xesta, xesta común ou xesta brava (Cytisus scoparius) é unha especie de planta perenne, arbustiva, da familia das leguminosas, moi común en Galicia.

Baixo deste nome común, con ou sen adxectivos, denomínase conxuntamente unha serie de arbustos semellantes (maiormente do xénero Cytisus) que corresponden a distintas especies, das que esta é a máis frecuente.

A xesta de Ons (Cytisus insularis) é unha especie de planta caducifolia, endémica de Illas Atlánticas e descrita no ano 2001. É o único endemismo do xénero Cytisus evolucionado en Galiza.

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician