O xabaril (do árabe djabalí[1])) ou porco bravo (Sus scrofa, L. 1758) é un mamífero artiodáctilo e suídeo de medio porte e corpo robusto. É considerado o antepasado a partir do cal evoluíu o actual porco doméstico (Sus domesticus ou Sus scrofa domesticus). A forma xabarín está considerada polo DRAG como menos recomendable.[2] Pola súa semellanza co porco, antigamente recibiu tamén denominacións derivadas deste: cocho bravo[3], porco montés[4] e porco fero[5].
Ten unha ampla distribución xeográfica, desde a área mediterránea de Europa ata Asia e Indonesia. En Galicia tamén está amplamente distribuído.
Das diferentes subespecies que existen do Sus scrofa, na Península Ibérica danse dúas:
O peso medio oscila entre os 70 e os 90 quilos dos machos e os 45 e 65 das femias, aínda que hai machos que poden acadar os 150 kg [6]. Mide entre 110 e 160 cm de cumprimento e 65–70 cm de altura. O corpo é robusto, co pescozo curto. A cola é de tamaño medio, cun penacho no cabo. Ten unha cabeza relativamente grande, triangular, cun longo fociño. Ollos pequenos e orellas relativamente grandes. Nos machos, a mandíbula superior está provista de dous caninos grandes e encorvados cara arriba (que se valoran como trofeo de caza [1]). Posúen un oído e un olfacto moi desenvolvidos, mentres que a vista é regular, particularmente a longa distancia.
A pelaxe, máis longa e densa no inverno, é rixa, con presenza de sedas moi fortes, e de cor parda escura. Medra especialmente no lombo e na base das orellas, formando unha crina abundante. As crías presentan unha pelaxe mimética característica (á que deben o nome en castelán: rayones), a base de raias leonadas e marróns; os exemplares subadultos -a partir dos seis meses de idade- preséntana máis acastañada, polo que reciben o nome de vermellos.
O tempo de vida medio é de 10-12 anos, alcanzando os 20 nos exemplares en catividade.
O xabaril habita en zonas boscosas e de matogueira densa, pero tamén en zonas asulagadas e brañas, sen mostrar temperamento territorial definido; pode atoparse tanto á beira do mar como nas terras máis altas dos Ancares. Son animais gregarios que, fóra da época de celo, viven en grupos familiares formados por unha femia, as súas crías e exemplares xuvenís de partos anteriores, constituíndo mandas de entre 5 e 20 individuos. Os machos adultos viven illados e arrexúntanse ao grupo soamente na época de reprodución, que ten lugar entre novembro e xaneiro. A xestación vén sendo dunhas 12 semanas (114 días) e o parto prodúcese entre marzo a abril, parindo en cada camada de 3 a 12 crías (normalmente, 4-5).
A madurez sexual alcánzase ós 8-20 meses, nas femias, e ós 10 meses, nos machos.
É un animal omnívoro pero con clara preferencia polos produtos vexetais: herbas, landras, tubérculos, millo, cogomelos, castañas e froitas diversas, pero tamén come insectos, miñocas, réptiles, ovos e carniza. Por outra banda, o xabaril vén sendo unha presa habitual do lobo.
É de hábitos principalmente crepusculares e nocturnos pero resulta habitual que tamén saia dos seus agochos durante o día. Unha das actividades características desta especie son os baños de lama que teñen unha función de termorregulación e, probablemente, algún papel na selección sexual, xa que durante o período de celo as balsas de baño están ocupadas case exclusivamente por machos adultos, mentres que no verán son utilizados por exemplares de calquera idade e ámbolos dous sexos. Neste sentido, a lama que se fixa á pelaxe podería intervir na persistencia do olor sexual [7].
O xabaril é quen de provocar danos na agricultura ó realizar incursións nas terras de cultivo (preferentemente millo e patacas), nas que provoca maiores danos có valor dos froitos que consome. Tamén estraga os prados ó fozar neles na busca de raíces e invertebrados. Para compensar ós agricultores, a Xunta de Galicia inclúe estes danos entre os prexuízos subvencionables, realizando por este concepto pagos de 51.353 euros en 2006, 79.104 en 2007 e 109.576 en 2008 [8].
En Galicia, debido á súa caza masiva, ficou reducido á zona oriental ata que a partir da década dos sesenta comezou a espallarse de novo por case todo o país. Este aumento dos censos deuse tamén no resto do Estado Español, probablemente polo efecto combinado do control da caza, o descenso nas poboacións dos seus predadores (especialmente do lobo) e o abandono do medio rural (especialmente das zonas de monte, co que aumentaron as zonas aptas para a súa cría). López Seoane catalogouno en 1861 como escaso en Galicia pero nos anos 1980-1985 puido comprobarse a súa presenza en todo o país agás nas áreas costeiras da Coruña e Pontevedra [9].
Non dispón de ningunha figura de protección ó ser unha especie abundante e cazable.
Dende o ano 2015 téñense detectado nos montes galegos un novo híbrido de porco bravo, froito do cruzamento entre o xabaril e porco vietnamita. Os porcos vietnaminas úsanse coma mascotas, porén, debido ao gran tamaño dos individuos adultos, moitos foron abandonados nos bosques. Estes conseguiron adaptarse bastante ben, chegando a cruzárense co porco bravo e dando lugar a unha nova variedade. No pelame é semellante ao xabaril, mais a forma do corpo lembra máis á dun porco vietnamita. Disque as maneiras son torpes e que non conseguiu adaptarse ben ao medio polo de agora. Se ben, supón unha ameaza ecolóxica para o monte galego xa que ademais de conseguir introducirse por moitos dos cerramentos polos que o xabaril non é quen, supón tamén un perigo para a sobrevivencia do xabaril autóctono. Téñense identificado máis dun centenar nas catro provincias galegas[10].
O recente nome: porcoril (de porco– polo porco vietnamita e mais –ril, en alusión ao xabaril), aínda non aceptado pola Real Academia Galega, é unha solución que foi prendendo entre os falantes galegos, coa empuxada da difusión polos medios de comunicación; de feito, é desde este ámbito de onde reclaman a autoría do neoloxismo (TVG, agosto de 2016)[11].
Desde a Antigüidade clásica á Idade Media, o xabaril foi sempre considerado como especie cinexética de prestixio, especialmente os machos adultos que eran vistos como o paradigma da coraxe e bravura. Antes das armas de fogo, o xabaril era cazado usualmente cun tipo de lanza específico para o obxectivo. A caza ao xabaril é aínda hoxe en día moi popular.
En Galicia, segundo datos da Consellería de Medio Ambiente, o número de exemplares cazados foi medrando paseniño desde os 1.603 na tempada de caza 2000-2001 ata os 7.452 na tempada 2007-2008.
Na actualidade existe granxas nas que se cría o xabaril en réxime de semiliberdade.
A carne do xabaril adulto é de cor moura e con moi pouca graxa, e resulta dura aínda tras un cociñado prolongado, polo que se prefire a dos exemplares novos. Por mor dos seus hábitos nutritivos e da lonxevidade que poden alcanzar, o consumo de carne de xabaril presenta o risco de transmitir a triquinose, polo que cómpre realizar en todo caso un detido exame parasitolóxico.
As referencias culturais ao xabaril son abundantes desde polo menos a Grecia Antiga:
O unto de porco bravo emprégase para cura-lo fogo ardente (denominación popular do ergotismo) (LIS QUIBÉN:24).
Os cairos do xabaril utilizábanse adoito como amuleto protector. Púñase atado na man dos meniños para protexelos do mal de ollo e outras doenzas. Tamén se levaba, co mesmo fin, cosidos na roupa ou convertidos en colgantes.
O xabaril (do árabe djabalí)) ou porco bravo (Sus scrofa, L. 1758) é un mamífero artiodáctilo e suídeo de medio porte e corpo robusto. É considerado o antepasado a partir do cal evoluíu o actual porco doméstico (Sus domesticus ou Sus scrofa domesticus). A forma xabarín está considerada polo DRAG como menos recomendable. Pola súa semellanza co porco, antigamente recibiu tamén denominacións derivadas deste: cocho bravo, porco montés e porco fero.
Ten unha ampla distribución xeográfica, desde a área mediterránea de Europa ata Asia e Indonesia. En Galicia tamén está amplamente distribuído.
Das diferentes subespecies que existen do Sus scrofa, na Península Ibérica danse dúas:
Albar ou Sus scofra castilianus: de distribución máis norteña, tamaño maior e pelaxe máis clara e tupida, formada por sedas e borra. Arocho ou Sus scofra baeticus: propia do sur da península, menor có anterior, de cor máis moura e menos pelo, formado só por sedas.