O congro,[2] Conger conger (Linnaeus, 1758), é unha especie de peixe teleósteo da orde dos angüiliformes e familia dos cóngridos, común nas costas orientais do océano Atlántico norte, incluído o mar Báltico, desde Noruega até Senegal, así como en todo o Mediterráneo, até o mar Negro.[3][4]
O congro é unha especie pesqueira de grande importancia comercial en Europa, onde se capturaban anualmente na década de 1990 entre 10.000 e 15.000 toneladas.[5]
A especie foi descrita por primeira vez en 1785 por Linneo, na décima edición do seu Systema Naturae. Nesta obra deulle o nome de Muraena conger.[6]
O nome científico inicial, Muraena conger, deriva dos termos latinos muraena, morea, e conger, congro; é dicir a morea congro. E o actualmente válido, Conger conger, podemos traducilo como o congro propiamente dito.
Despois de varios cambios na súa posición sistemática, o congro foi finalmente situado dentro do xénero Conger, que fundara Bosc en 1817. A continuación, a lista dos sinónimos científicos da especie:[1]
Ademais de polo nome máis frecuente, e normativo, congro, nalgúns portos de Galicia denomínano tamén anguiacho e corriolo (este, aos exemplares cando son pequenos).
María do Carmo Ríos Panisse, na súa monumental Nomenclatura,[9] recolle, entre outros, os nomes de
para os exemplares adultos, e os de
para os individuos xuvenís.
As principais características morfolóxicas do congro son:[5][11][12][13]
Habita en augas europeas e norteafricanas. No Atlántico, desde as costas de Noruega e Islandia ás do Senegal, e nas das illas Azores, Madeira e Canarias, e en todo o Mediterráneo até a parte oriental do mar Negro.[14]
O congro é unha especie bentónica, que vive desde a superficie até os 100 m de profundidade (máximo, 500 m), en costas rochosas con agochos en fendas, ou onde haxa barcos afundidos, onde pode refuxiarse, e tamén en fondos areosos, onde se enterra.[5][11][13]
Algunhas persoas cren que existen dúas especies de congro, o gris e o negro. Porén, son dúas variedades xeográficas de Conger conger, sendo os exemplares grises os que viven enterrados na area ou na lama, e os negros os que habitan entre as rochas.
Vive en agochos ou enterrado nos fondos areosos, axexan do ás súas presas. É unha especie moi voraz, pero pouco agresiva, e presenta gran resistencia ás feridas e á emersión. Bastante sedentario, ten actividade sobre todo nocturna.[11]
Carnívoro, aliméntase de pequenos peixes, crustáceos e cefalópodos.[5]
Alcanza a madurez sexual á idades entre os 5 e os 15 anos. A desova prodúcese no verán, producindo de 2 a 8 millóns de ovos. Durante o período de reprodución, o tubo dixestivo e outros órganos dexeneran, se lles caen os dentes e o esqueleto descalcifícase, ao tempo que as gónadas aumentan considerabelmente de tamaño, de xeito que xusto antes da desova constitúen a metade do peso toral do corpo. Machos e femias morren despois de reproducírense. Despois de eclorionarenm os ovos, as larvas leptocéfalas transparentes, en forma de folla de salgueiro, durante un ou dous anos teñen unha vida peláxica, até os 200 m de profundidade e, cando alcanzan os 15 cm de lonxitude, transfórmanse en anguiachos, que medran moi rapidamente (en acuarios teñen alcanzado os 2 kg en 5 anos).[5][13]
Congro. Debuxo de Gervais
A primeira cita da especie en Galicia débese a Cornide en 1788, na súa obra Ensayo de una historia de los peces y de otras producciones marinas de la costa de Galicia arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo, na que a menciona co seu nome científico daquela, Muraena conger).[15] O seguinte rexistro xa foi no século XX, en 1935, e débese a de Buen, que o cita como Laeptocephalis conger.[16]
No terceiro terzo do século pasado, e xa co epíteto actual, Conger conger, podemos mencionar as de López Veiga el al., en 1976, sobre a súa distribución e abundancia,[17] e de 1977, sobre análise da pescaría.[18] Traballos posteriores son os de Alonso Allende et al. (1978), Fernández el al. (1978), Fariña el al. (1983), Iglesias e González Gurriarán (1984), R. González (1986) e Sánchez e Pereiro (1992).[13][19]
Adoita pescarse con palangres de fondo, nasas, fisgas, arpóns (na pesca submarina), liña ou cana (empregando como carnada frecuentemente sardiña). Os pescadores deportivos buscan especialmente os exemplares máis grandes.[10][11]
As capturas comerciais en Europa alcanzaban anualmente, na década de 1990, entre as 10 000 e asd 15 000 toneladas.[5]
O congro é un peixe azul, xa que contén aproximadamente un 5 % de graxa. A súa carne branca é de textura fina e suave, e está en comida sobre todo entre novembro e xuño. Contrariamente ao que sucede coa maioría dos peixes grandes, a mellor parte do congro é a do ventre, chamada aberta, pois a máis próxima á cola, ou pechada, posúe abundancia de diminutas espiñas que fan practicamente impracticábel o seu consumo. A súa cabeza é excepcional para preparar sopas de peixe e fumets, e se complenta nesta función con calquuera especie de peixe de rocha. A variedade negra é máis estimada que a gris abrancazada, de carne máis branda e graxenta que a primeira.[10]
No mercados pódese encontrar fresco, conxelado ou seco, e pódese consumir frito, guisado, cocido, ao forno ou á grella. En seco consérvase durante moito tempo, e o seu consumo era moi popular antigamente na coresma en cidades como Soria e Calatayud, que contaban con secadoiros propios.[20]
En Galicia son famosas as empanadas de congro, e tamén se come habitualmente cociñado á galega (cocido con patacas, en allada) ou en caldeirada, só ou mesturado con outros peixes.[10]
En Cataluña e nos chamados Países Cataláns, o congro é un peixe apreciado desde tempos moi antigos e tradicionalmente se comía fervido.[21] Actualmente consómese adoito mesturado con outros peixes ou con mariscos en arroces e cassoletes.
En Inglaterra tamén é moi apreciado, e é moi coñecida a súa preparación asado, que se cociña con sidra e se acompaña con col en vinagre.[22]
Segundo asegura unha milenaria tradición helénica cando o deus Poseidón abandonaba o mar e ascendía ao Olimpo para visitar o seu irmán Zeus, adoitaba agasallalo cun fermoso congro. Tal era o aprecio que na Grecia antiga se sentía por esta especie.[10]
Na península Ibérica o seu consumo tivo o seu apoxeo na Idade Media. Por exemplo, aparece mencionado no Libro de buen amor, do Arcipreste de Hita (ca. 1284-ca. 1351), na pasaxe da batalla que sostiveron don Carnal e dona Coresma. E nun documento da facenda de Xoán II de Aragón (1398-1479) rei de Navarra (1425-1479) e de Aragón, Mallorca, Valencia Sardeña e Sicilia, datado en 1412 e denominado cea real, exixíanse, a xeito de imposto, varias cantidades de congro salgado e seco aos municipios de Sabiñánigo, Monreal, Calamocha e Murviedro (hoxe Sagunto).[10]
Porén, desde aqueles tempos, o congro foi perdendo lentamente parte da súa antiga consideración. Proba deste menosprezo é que, desde o primeiro terzo do século XX, os camións que facían a rota Vigo-Barcelona, ao atravesar o vila burgalesa de Aranda de Duero descargaban as pezas de congro, que ali se vendían en calidade de mercadoría de segunda orde. Deste xeito, o congro á arandina chegou a tomar carta de natureza, constituíndo unha deliciosa especialidade da cociña castelá.[10]
O congro, Conger conger (Linnaeus, 1758), é unha especie de peixe teleósteo da orde dos angüiliformes e familia dos cóngridos, común nas costas orientais do océano Atlántico norte, incluído o mar Báltico, desde Noruega até Senegal, así como en todo o Mediterráneo, até o mar Negro.
O congro é unha especie pesqueira de grande importancia comercial en Europa, onde se capturaban anualmente na década de 1990 entre 10.000 e 15.000 toneladas.