dcsimg

Bilurico bailón ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

O bilurico bailón[2] ou bilurico das rochas (Actitis hypoleucos) é unha ave limícola de tamaño pequeno. É unha das aves incluídas no Acordo para a conservación das aves acuáticas migratorias de África e Eurasia (AEWA).

Descrición

Os exemplares adultos miden ata 22 cm. de lonxitude e teñen unha envergadura de alas de entre 32 e 35 cm. Pesan de 40 a 80 gramos. Teñen a parte superior do corpo acastañada, e a inferior abrancazada. Os ollos son negros e as patas, relativamente curtas, oliváceas. O bico é de tamaño mediano, coa base pálida e a punta negra, e unha lista ocular escura. Machos e femias son semellantes. Os individuos novos son barrados na parte inferior do corpo e as beiras das plumas das alas son da cor do ante.

Coa especie irmá americana, o bilurico maculado (A. macularia) forma o xénero Actitis. As dúas especies ocupan zonas xeográficas complementarias. Nos casos en que algún individuo extraviado dunha das dúas especies aparece no territorio da outra poden producirse hibridacións, feito que tamén foi testemuñado entre o bilurico bailón e o bilurico alinegro (Tringa ochropus).

Voan a pouca distancia da auga cun voo rápido e uniforme. Poden nadar e mergullarse durante uns 20 segundos ata un metro de profundidade. Non son aves gregarias polo que é raro velas formar grandes bandos.

Distribución e hábitat

Crían en Asia e en case toda Europa (agás en Islandia). En Europa están presentes entre abril e outubro e crían preto de ríos e regos pero tamén ás veces en zonas de augas estancadas.

Os seus cuarteis de inverno comprenden dende a cunca do Mediterráneo ata Suráfrica, o sur de Asia e Australasia.

Alimentación

Aliméntanse de insectos e arañas e inclúen tamén na súa dieta crustáceos e moluscos pequenos, que apañan das augas superficiais co bico. Poden cazar insectos en voo.

Reprodución

A súa época reprodutora vai de maio a agosto. O niño é unha cinca no chan cuberta con anacos de plantas. Constrúeno en illas ou preto da beira da auga, agachado na vexetación mesta. Poñen de media catro ovos, duns 35 mm. de lonxitude, que chocan por quendas os dous membros da parella unhas tres semanas.

Curiosidades

Na lingua nukumanu das illas Nukumanu, de Papúa Nova Guinea, un dos nomes aplicados a esta especie, matakakoni, é considerado unha palabra parcialmente tabú, porque viría a significar "ave que camiña un pouco e despois copula", o que faría referencia aos movementos característicos da cabeza e á posición da cola da ave mentres busca comida.(Hadden, 2004).

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician

Bilurico bailón: Brief Summary ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

O bilurico bailón ou bilurico das rochas (Actitis hypoleucos) é unha ave limícola de tamaño pequeno. É unha das aves incluídas no Acordo para a conservación das aves acuáticas migratorias de África e Eurasia (AEWA).

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician