O pato branco[2][3] (Tadorna tadorna) é unha especie de ave anseriforme da familia Anatidae. É un pato común e amplamente estendido en Eurasia e o norte de África. En Galicia é un invernante escaso.[3]
O pato branco é unha ave rechamante con aspecto intermedio entre pato e ganso. A súa plumaxe é principalmente branca con zonas negras e de cor castaña avermellada. Ten a cabeza e a parte superior do pescozo negras con irisacións verdes. Presenta unha ancha banda pectoral de cor castaña avermellada que tamén rodea o manto. Presenta zonas de plumaxe negra na liña do ventre, a punta da cola, dúas franxas escapulares e as rémixes (agás as secundarias interiores que tamén son castañas). Tamén presenta unha mancha de cor canela enferruxada na zona infracaudal de beiras difusas. O bico é vermello e as patas rosadas. Ambos os sexos son similares, pero o macho presenta unha protuberancia na base do bico a modo de escudo frontal que xunto co bico incrementa a intensidade da súa cor na época reprodutora. As femias teñen a franxa pectoral máis estreita e presentan algunhas manchas faciais brancas. Os xuvenís carecen da franxa pectoral e o rostro manchado de branco.
O pato branco foi descrito cientificamente por Carl von Linné en 1758 na décima edición da súa obra Systema naturae, co nome de Anas tadorna,[4] que significa 'pato manchado', en referencia á coloración da súa plumaxe. En 1822 Heinrich Boie trasladouno como especie tipo ao xénero Tadorna que creara.[5] É unha especie monotípica, é dicir, non se recoñecen subespecies diferenciadas.[6]
O nome do seu xénero e especie, Tadorna, é unha palabra que procede do nome francés tadorne da ave, que á súa vez procede do termo celta tadorne que significa 'pato manchado'.[7]
Certos ósos fósiles de Dorkovo (Bulgaria) descritos como Balcanas pliocaenica poden en realidade pertencer a esta especie. Máis probablemente é unha especie extinta de Tadorna (se non a un xénero distinto) debido á súa idade do Plioceno temperán; a especie presente non está inequivocamente testemuñada polo rexistro fósil ata uns 2 ou 3 millóns de anos despois (Plioceno tardío/Plistoceno temperán).[8]
O pato branco cría na zona temperada de Eurasia. A maioría das poboacións emigran a zonas subtropicais en inverno, pero reside permanentemente en amplas zonas costeiras do oeste de Europa, á parte de movementos cara a zonas máis seguras na época de muda, como o mar de Frisia na costa do norte de Alemaña e os Países Baixos.
Na península Ibérica, o pato branco é invernante, pero aniña esporadicamente nalgunhas zonas. Ocupa zonas costeiras e tamén lagoas e encoros do interior.
A maioría das parellas abandonan as súas crías antes de que alcancen o seu completo desenvolvemento e marchan a lugares seguros e tranquilos xunto ao mar na época de muda. En dita época, os patos brancos (igual que outros patos) perden as plumas rémixes, o que os fai moi vulnerables aos seus depredadores, porque lles impide voar ata que lles saen as novas. Os polos quedan agrupados en "garderías", ao coidado dunhas poucas femias.
O pato branco habita estuarios, costas pouco profundas e ribeiras de lagos interiores salinos en terreos abertos. Aliméntase de moluscos, pequenos crustáceos, insectos e pequenas cantidades de materia vexetal.
O pato branco (Tadorna tadorna) é unha especie de ave anseriforme da familia Anatidae. É un pato común e amplamente estendido en Eurasia e o norte de África. En Galicia é un invernante escaso.