O ratel[3] (Mellivora capensis) é unha especie de mamífero, única especie do xénero Mellivora e este o único xénero da subfamilia Mellivorinae dos mustélidos. É nativo de África, suroeste de Asia e o subcontinente indio. Está clasificado como nunha situación "pouco preocupante" pola IUCN debido á súa extensa área de distribción e adaptacións ambientais xerais. É principalmente carnívoro e ten poucos predadores naturais a causa da súa grosa pel e gran ferocidade á hora de defenderse.
Ratel é unha palabra da lingua afrikaans (bóer) de Suráfrica, posiblemente derivada da palabra do holandés medio raat, que significa 'panal de mel' (sexa por onomatopea polo son que emite ou polo seu gusto polo mel).
O ratel é a especie monotípica do xénero Mellivora. Aínda que na década de 1860 clasificouse na subfamilia do teixugo (Melinae), agora considérase que ten poucas semellanzas cos Melinae, e que está máis relacionado coa subfamilia das martas (Mustelinae), pero con características propias dabondo como paraser asignado á súa propia subfamilia (Mellivorinae).[4] Entre as diferenzas entre Mellivorinae e Melinae está as súas distintas fórmulas dentais. Aínda que non é da mesma subfamilia que os glutóns, que son un xénero de gran tamaño e bastante atípico dos Mustelinae, o ratel pode ser considerado como outra forma análoga extra grande de denosiña ou furón.
A especie apareceu no Plioceno medio en Asia. Os seus parentes máis próximos eran as especies do xénero extinto Eomellivora, que se coñecen desde o Mioceno superior, e evolucionaron dando diferentes especies ao longo de todo o Plioceno tanto no Vello coma no Novo Mundo.[5]
En 2005 recoñecíanse 12 subespecies.[6] Aspectos que se tiveron en consideración para distinguir as diferentes subespecies son o tamaño e a extensión da cor branca ou gris no dorso.[7]
O ratel ten un corpo bastante longo, pero está claramente engrosado e é ancho nas costas. A pel é frouxa e isto facilítalle xirar e retorcerse dentro dela.[12] A pel do pescozo ten un grosor de 6 mm, o que é unha adaptación ás loitas conespecíficas.[13] A cabeza é pequena e plana cun curto fociño. Os ollos son pequenos e as orellas son tan pequenas que son como cristas na pel,[12] o que é outra posible adaptación para evitar danos durante as loitas.[13]
Ten patas curtas e robustas, con cinco dedos en cada pé. Os pés están armados con fortes garras, que son curtas nas patas traseiras e notablemente grandes nas patas anteriores. É un plantígrado parcial cuxas plantas dos pés están moi acolchadas e espidas ata a articulación dos pulsos. A cola é curta e cuberta de longos pelos, excepto baixo a base.
En África son os maiores mustélidos terrestres. Os adultos miden de 23 a 28 cm de altura ata a cruz e de 55 a 77 cm de lonxitude corporal, e a cola mide outros 12 a 30 cm adicionais. As femias son menores que os machos.[12][14] Os machos pesan de 9 a 16 kg e as femias de 5 a 10 kg como media. A lonxitude do cranio é de 13,9 a 14,5 cm nos machos e de 13 cm nas femias.[15][16]
Teñen dous pares de glándulas mamarias.[17] O ratel posúe unha bolsa anal eversible, o cal é raro nos mustélidos,[18] un trazo que tamén se observa en hienas e mangostas. O cheiro da bolsa dise que é "asfixiante", e pode axudar a acalmar as abellas cando o ratel está asaltando as colmeas.[19]
O cranio ten poucas semellanzas co dos teixugos europeos e lembra moito máis a unha versión aumentada do dun furón búlgaro.[20] É un cranio moi sólido e o dos adultos non ten trazas de estruturas óseas independentes. A caixa cranial é máis ancha que a dun can.
A fórmula dental é: 3.1.3.13.1.3.1. Os dentes adoitan mostrar signos dun desenvolvemento irregular, e algúns dentes son excepcionalmente pequenos, inseridos en ángulos pouco frecuentes ou están ausentes. Os da subespecie signata teñen un segundo molar inferior no lado esquerdo da mandíbula, pero non no dereito. Aínda que se alimenta predominantemente de comidas moles, as pezas dentais da zona das meixelas a miúdo están moi gastadas. Os dentes caninos son excepcionalmente curtos para ser un carnívoro.[21] A lingua ten papilas bicudas que apuntan cara atrás, o que axuda a comer alimentos duros.[22]
A pelaxe de inverno é longa (cunha lonxitude de 40 a 50 mm na parte de atrás), e consta de pelos como sedas rudas e ásperas e carece da capa inferior de pelos. Os pelos están aínda máis espallados nos flancos, ventre e inguas. A pelaxe de verán é máis curta (de só 15 mm de longo na parte de atrás) e aínda máis escasa, co ventre medio espido. Os laterais da cabeza e parte inferior do corpo son totalmente negras, pero unha gran banda branca cobre a parte superior, empezando na cabeza e chegando á base da cola.[23] Os da subespecie cottoni son os únicos completamente negros.[9]
Aínda que é un animal principalmente solitario, o ratel pode cazar en parellas durante a tempada de apareamento en maio.[22] Sábese pouco dos hábitos de apareamento do ratel. O seu período de xestación crese que é de polo menos seis meses e xeralmente nacen dúas crías, que nacen cegas. Vocalizan con xemidos queixumentos. A súa esperanza de vida é descoñecida na natureza, mais en catividade sábese que algúns individuos viviron uns 24 anos.[7]
Viven sós en toqueiras que eles mesmos escavan. Son expertos escavadores, capaces de escavar túneles en terreo duro en dez minutos. Estas toqueiras teñen xeralmente un só corredor e unha cámara de cría e adoitan ter de 1 a 3 m de lonxitude. Non colocan un leito de material brando para estrar a cámara de cría.[24] Aínda que normalmente escavan as súas propias toqueiras, poden tomar posesión de toqueiras baleiras de porco formigueiro e xabaril verrugoso ou termiteiros.[22]
Son animais intelixentes e unha das poucas especies qaue pode utilizar ferramentas. Na serie documental de 1997 Land of the Tiger, víase un ratel da India utilizar unha ferramenta (facía rolar un tronco e subíase despois a el) para alcanzar unha presa.[25] Un vídeo feito no centro Moholoholo de Suráfrica mostra un par de rateis usando paus, angazos, montes de lama e pedras para escapar dun pozo.[26]
Como outros mustélidos de tamaño relativamente grande, como os glutóns e teixugos, os rateis son notables pola súa forza, ferocidade e resistencia. Víronse atacar salvaxe e ferozmente a case calquera animal cando están acurralados e escapar parece imposible, e mesmo poden repeler predadores moito máis grnades como os leóns.[27] Os aguillóns das abellas, púas de porco espiños e mordeduras de animais raramente penetran a súa pel. Se cabalos, vacas ou búfalos cafres pasan sobre a toqueira do ratel, esta atácaos. Son virtualmente incansables no combate e poden esgotar a animais moito máis grandes nas confrontacións físicas.[21] A aversión da maioría dos predadores a cazar rateis fixo que se formulase a teoría de que as pelaxes das crías de guepardo evolucionaron para imitar a coloración dos rateis e espantar así os predadores.[28]
Emiten sons roucos. Cando se aparean os machos emiten altos gruñidos.[29] As crías vocalizan xemidos.[7] Cando loitan contra cans, os rateis chían como crías de oso.[30]
Despois do glutón, o ratel ten a dieta menos especializada entre os mustélidos.[13] En zonas non desenvolvidas o ratel pode cazar a calquera hora do día, aínda que se fai nocturno en zonas con poboación humana. Cando caza trota cos seus dedos anteriores xirados. Gústalles o mel das abellas e adoitan buscar as colmeas para conseguilo, ao cal debe o seu nome. Son tamén carnívoros e comen insectos, ras, tartarugas, roedores, lagartos, serpes, ovos e aves. Incluso se os ten visto espantar leóns xoves para facerse coas presas que estes cazaron. Comen froitas e outros vexetais como bagas, raíces e bulbos.[22] Malia unha crenza popular estendida, non hai probas claras de que o paxaro guía do mel (que come larvas de abella) o guíe ata as colmeas, pero si pode aproveitarse dos restos das colmeas destruídos.[31][32]
Pode cazar ras e roedores, como os xerbilos e os esquíos de terra (Marmotini), ao desenterralos das súas toqueiras. Poden comer tartarugas se dificultade grazas ás súas poderosas mandíbulas. Matan e comen serpes, mesmo as que son grandes ou moi velenosas. Na India houbo casos en que desenterraron cadáveres humanos.[33] Devoran todas as partes da súa presa, incluíndo a pel, pelos, plumas, carne e ósos, agarrando contra o chan a comida coas patas anteriores.[34] Cando buscan comida vexetal, levantan pedras ou rachan a codia das árbores.[22]
A especie vive na maioría da África subsahariana, desde a provincia de Cabo Occidental en Suráfrica ao sur de Marrocos e suroeste de Alxeria, e fóra de África en Arabia, Irán e polo occidente de Asia ata Turkmenistán e a India. Vive ata alturas sobre o nivel do mar de 2.600 m no Alto Atlas marroquí e a 4.000 m nas Montañas Bale etíopes.[1]
Nalgúns sitios son importantes predadores das aves de curral. Como son tan fortes e resistentes son difíciles de disuadir. Rachan grosas táboas dos galiñeiros ou escavan por debaixo dos alicerces de pedra. Nestes casos é fecuente que maten máis do que poden comer.[22]
Debido ao resistente e frouxa que é a súa pel, son moi difíciles de matar usando cans. A pel é difícil de penetrar e a súa frouxeza permítelles xirar e revolverse contra os seus atacantes se o agarran. O único punto seguro para agarrar un ratel é o dorso e o pescozo. A pel é tamén forte dabondo para resistir varios golpes de machete. A única maneira segura de matalos rapidamente é cun golpe no cranio cun pau ou maza ou un tiro na cabeza; a súa pel é case inmune ás frechas e lanzas.[35]
En Kenya, o ratel é un reservoro importante da rabia[36][37] e sospéitase que contribúe de forma importante ao ciclo silvestre desa enfermidade.[38]
O ratel (Mellivora capensis) é unha especie de mamífero, única especie do xénero Mellivora e este o único xénero da subfamilia Mellivorinae dos mustélidos. É nativo de África, suroeste de Asia e o subcontinente indio. Está clasificado como nunha situación "pouco preocupante" pola IUCN debido á súa extensa área de distribción e adaptacións ambientais xerais. É principalmente carnívoro e ten poucos predadores naturais a causa da súa grosa pel e gran ferocidade á hora de defenderse.