A ostra común, ostra plana ou ostra europea (Ostrea edulis, Linnaeus 1758) é un molusco bivalvo mariño moi apreciado pertencente á familia dos ostreidos (Ostreidae), da orde Ostreoida.
A cuncha é basicamente circular pero de bordo irregular, alcanzando tamaños de 4 a 11 cm de diámetro, pero poden atoparse exemplares moito maiores. Está constituída por láminas calcáreas escamosas que conforman unha superficie moi irregular, e que se rompen e desprenden con facilidade. A cor é tamén variable, entre abrancazada e castaña ou púrpura, sendo o interior branco nacarado uniforme (sen marcas do seo paleal).
As valvas son desiguais: convexa a valva esquerda ou inferior e plana a dereita ou superior. Na valva dereita (plana) márcanse liñas concéntricas e sucos e na esquerda (convexa) poden apreciarse amplas costelas radiais.
Distribución pola costa europea do Atlántico, desde Noruega ata Marrocos, e mais o Mediterráneo. Vive, en condicións normais, fixada ás rocas da franxa infralitoral ou enterrada en fondos de area, pero actualmente é obxecto de cultivo intensivo en bateas, que son a orixe a totalidade das ostras postas no mercado.
É un molusco filtrador, que retén nas branquias as substancias orgánicas en suspensión na auga, normalmente algas microscópicas.
Presenta hermafroditismo alternativo, o que quer dicir que pasa alternativamente por épocas de sexo masculino e feminino, chegando a atravesar catro fases sexuais ó ano. O desove é continuo pero máis evidente durante os meses de xuño a outubro. A posta pode alcanzar cifras dun millón de larvas por individuo, pero só rematan o desenvolvemento larvario o 2,5%. Unha vez fixada as larvas a un sustrato duro, a mortandade pode ser do 90% antes do primeiro inverno.
A forma máis usual de consumir as ostras é en cru, engadíndolle ou non unhas pingas de limón. Esta forma de consumo en cru fai que sexan especialmente delicadas e posible causa de abrochos de intoxicación alimentaria como consecuencia dunha depuración insuficiente ou unha mala conservación.
Hai anos tamén se escabechaban ou comían fritidas. Marcial Valladares dicía:
Cómense as ostras de mil maneiras: crúas con zume de limón, fritidas e rebozadas con fariña, guisadas, empanadas, en escabeche etc. [3]
Eladio Rodríguez engadiu:
A ostra foi coñecida desde os tempos prehistóricos polas súas propiedades medicinais, como un bo emenagogo e un notable afrodisíaco [4]
Os exemplares pequenos reciben o nome de morruncho nome que tamén se aplica a outras especies semellantes.
A ostra común, ostra plana ou ostra europea (Ostrea edulis, Linnaeus 1758) é un molusco bivalvo mariño moi apreciado pertencente á familia dos ostreidos (Ostreidae), da orde Ostreoida.