Paralichthys dentatus é unha especie de peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, suborde dos pleuronectoideos e familia dos paralictíidos,[1] coñecida en galego como rapante de verán.[2]
É un peixe plano mariño que se encontra no océano Atlántico nororiental, na costa leste de Canadá e os Estados Unidos.
A especie foi descrita por primeira vez en 1766 polo naturalista sueco Carolus Linnaeus, na 12ª edición do seu Systema Naturae, co nome de Pleuronectes dentatus.
Por iso tamén se coñece polo sinónimo de Pleironectes dentatus Linnaeus, 1766.[1]
É un peixe plano de corpo ovalado, deprimido, sinistro (é dicir, cos dous ollos situados no lado esquerdo do corpo), de até 94 cm de lonxitude, e un peso máximo rexistrado de 12 kg.[3]
Distribúese pola costa leste de Canadá e os Estados Unidos, entre os 45° N e os 29° N,[4] desde o sur do golfo de Maine (e quizais desde as costas da Nova Escocia) até Carolina do Sur, e ocasionalmente até a Florida,[5] sendo especialmente abundante nas augas desde Massachusetts até Carolina do Norte.[3]
Vive en fondos areosos e lamacentos de baías e estuarios desde finais da primavera a principios do outono; porén, os espécimes máis grandes permanecen máis lonxe da costa, a profundidades de 70 a 155 m ou máis. Tamén se encontra en marismas e praderías de fanerógamas mariñas con substratos limosos e, en ocasións, en cursos de auga doce.[6][7]
O exemplar máis vello capturado tiña 9 anos.[8]
O rapante de verán péscase na zona pesqueira 21 (noroeste do Atlántico),[2] onde o apañan os arrastreiros. Os pescadores deportivos, debido ao seu parecido co seu parente Hippoglossina oblonga (o rapante de catro ollos),[2] co que comparte área de distribución, aparencia e hábitos alimentarios. Porén, pode distinguirse del, pola súa forma un pouco menos alongada e polos ollos "auténticos" proporcionalmente menores. A súa carne é branca e de sabor moi suave, semellante ao do rapante de catro ollos e a de Paralichthys lethostigma.
Este peixe consómese fresco ou conxelado. Pode cocerse ao vapor, fritirse, cocerse, asado ao forno e no microondas.[9] Expórtase en fresco ao Xapón, para sashimi.
Na actualidade (2015) a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN), cualificou o status da especie como LC (pouco preocupante), debido a que, aínda que é explotada comercialmente, aínda é abundantes en toda a súa área de distribución, e os índices de biomasa indican que as súas poboacións non están diminuíndo.[6]
Paralichthys dentatus é unha especie de peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, suborde dos pleuronectoideos e familia dos paralictíidos, coñecida en galego como rapante de verán.
É un peixe plano mariño que se encontra no océano Atlántico nororiental, na costa leste de Canadá e os Estados Unidos.