O rinoceronte branco (Ceratotherium simum) é a meirande e máis numerosa especie de rinocerontes que existe. Ten unha boca ancha que usa para pastar e é a máis social de tódalas especies de rinocerontes. O rinoceronte branco ten dúas subespecies: o rinoceronte branco do sur, con arredor de 19 682–21 077 animais en estado salvaxe no ano 2015,[1] e o máis raro rinoceronte branco do norte. A subespecie do norte ten moi poucos exemplares, con tan só dous exemplares no 2018 (dúas femias, Fatu e Najin), ámbalas dúas en catividade. Sudan, o derradeiro rinoceronte branco do norte macho, morreu en Kenya o 19 de marzo de 2018.[2][3]
Unha popular teoría da orixe do nome "rinoceronte branco" é a mala tradución dende o neerlandés ó inglés. A palabra inglesa "white" (branco) deriva da palabra neerlandesa "wijd", que significa "ancho" ou "grande". A palabra "wide" refírese á anchura da boca do rinoceronte. Os colonos anglófonos do Sur de África interpretaron a palabra "wijd" por "white" e o rinoceronte coa boca ancha acabou chamándose rinoceronte branco e o outro, coa boca en punta estreita, chamouse rinoceronte negro. Ironicamente, neerlandeses (e Afrikaners) usaron un calco da palabra inglesa, e tamén eles chaman branco ó rinoceronte. Isto suxire que a orixe da palabra foi anterior á codificación polos escritores neerlandeses. Unha revisión da literatura neerlandesa e afrikaans sobre o rinoceronte no presentou ningunha proba de que a verba wijd se empregara nunca para describir ó rinoceronte fóra do uso oral.[4] Outras teorías populares suxiren que o nome provén da súa gran dispersión en África, á cor debido a envorcarse en terra calcaria ou excrementos de aves ou pola cor máis clara do seu corno.
O rinoceronte branco é probablemente descendente do Ceratotherium praecox que viviu hai 7 millóns de anos. Restos deste rinoceronte foron atopados en Langebaanweg, preto de Cidade do Cabo.[5] Porén, unha revisión dos restos fósiles dos rinocerontes de África por Denis Geraads suxire que a especie de Langebaanweg é do xénero Ceratotherium, pero non Ceratotherium praecox como o exemplar tipo de Ceratotherium praecox debe ser, senón Diceros praecox, xa que amosa afinidades estreitas co rinoceronte negro Diceros bicornis.[6] Suxeriuse tamén que o rinoceronte branco moderno ten un cranio máis longo que o Ceratotherium praecox para facilitar o consumo de pastos máis curtos como resultado da tendencia a longo prazo das condicións máis secas de África.[7] Mais, se Ceratotherium praecox é realmente o Diceros praecox, entón o cranio máis curto podería indicar unha especie de pasto. Dentes de fósiles atribuídos a Ceratotherium atopados en Makapansgat, foron analizados por isótopos de carbono e os investigadores concluíron que eses animais consumiron un 30% máis de pasto na súa dieta, o que supón que non son os fósiles do extinto Ceratotherium simum que só come herba.[8] Polo tanto a verdadeira liñaxe do rinoceronte branco debería ser; Ceratotherium neumayri → Ceratotherium mauritanicum → C. simum sendo os rinocerontes de Langebaanweg Ceratotherium sp. (aínda sen nome), sendo os rinocerontes negros descendentes do C. neumayri via Diceros praecox.[6] É probable entón que o antepasado común dos rinocerontes brancos e negros fose un herbívoro mixto, e as dúas liñaxes especializáronse por separado en buscar e pastar.
Existen dúas subespecies de rinocerontes brancos; o rinoceronte branco do sur (Ceratotherium simum simum) e rinoceronte branco do norte. O 31 de decembro de 2007, calculouse uns 17.480 exemplares de rinoceronte branco do sur en liberdade (IUCN 2008), sendo a subespecie de rinoceronte máis abondosa do mundo. Suráfrica é o bastión desta subespecie (93.0%), conservando 16.255 individuos en liberdade no 2007 (IUCN 2008). Hai poboacións máis pequenas reintroducidas nos hábitats históricos en Namibia, Botswana, Cimbabue e Suazilandia, mentres unha pequena poboación sobrevive en Mozambique. Outras poboacións foron introducidas fóra do antigo hábitat, como en Kenya, Uganda e Zambia.[9]
Os brancos do sur capturados reprodúcense con facilidade en catividade con cantidades axeitadas de espazo e alimento, así como a presenza doutros rinocerontes femias en idade reprodutiva. Un exemplo disto son as 91 crías que naceron no San Diego Zoo Safari Park dende 1972. Porén, por razóns aínda descoñecidas, a taxa de reprodución é extremadamente baixa entre as femias de brancos do sur nadas en catividade.[10]
O rinoceronte branco do norte (Ceratotherium simum cottoni) está considerado en Perigo Crítico ou Extinto en Liberdade. Antigamente atopado en numerosos países do leste e centro de África baixo o Sáhara, está subespecie é un herbívoro dos prados e da sabana alborada. Inicialmente, seis destes rinocerontes viviron no Zoo Dvůr Králové da República Checa. Catro destes seis rinocerontes (que son tamén os únicos animais reprodutivos desta subespecie) foron transportados á Reserva Ol Pejeta de Kenya,[11] onde os científicos agardaban que se recuperase e se salvase da extinción. Un dos dous rinocerontes da República Checa morreu en maio de 2011.[12] Os dous machos quen de reproducirse naturalmente morreron en 2014 (un en Kenya o 18 de outubro e outro en San Diego o 15 de decembro).[13][14] En 2015, o goberno de Kenya puxo a Sudan, o derradeiro macho da subespecie en Ol Pejeta con vixilancia armada 24 horas para disuadir os furtivos, pero morreu o 19 de marzo de 2018, co que só restan dúas femias vivas.[15]
O rinoceronte branco (Ceratotherium simum) é a meirande e máis numerosa especie de rinocerontes que existe. Ten unha boca ancha que usa para pastar e é a máis social de tódalas especies de rinocerontes. O rinoceronte branco ten dúas subespecies: o rinoceronte branco do sur, con arredor de 19 682–21 077 animais en estado salvaxe no ano 2015, e o máis raro rinoceronte branco do norte. A subespecie do norte ten moi poucos exemplares, con tan só dous exemplares no 2018 (dúas femias, Fatu e Najin), ámbalas dúas en catividade. Sudan, o derradeiro rinoceronte branco do norte macho, morreu en Kenya o 19 de marzo de 2018.