A roseira brava ou silva macho (Rosa canina) é un arbusto espiñento, rubideiro e perenne da familia das rosáceas, nativo de Europa, o noroeste de África e Asia occidental. Tamén foi introducido en América do Norte e outras partes do mundo. Actualmente a súa distribución é bastante ampla. En Galicia é unha especie brava moi común en lugares frescos.
O nome científico foille dado pola forma das espiñas, semellantes aos caninos dos cans. O froito, as bagas de roseira brava son tamén chamados peros de can pola mesma razón. O nome galego claramente é porque non deixa de ser unha roseira silvestre. Tamén, como rosácea e coa semellanza coa silveira, leva o nome de silva.
Outros nomes dialectais en galego: silva macha, silvo macho', gabanceira, agavanzo, agabanza, agarbanza, silva madre, silvarda, silvardo, silvarro.
Arbusto de até 2 m de altura, con talos pénsiles de cor verde, cubertos de espiñas miúdas, fortes e curvas. As follas compóñense de 5 a 7 folíolos dentados ovais.
As flores, solitarias ou agrupadas en corimbos, son de cor rosa pálido ou abrancanzadas, de 4 a 6 cm de diámetro, con cinco pétalos, e maduran nunha froita ovoide de cor rubia intensa cun tamaño entre 1,5 e 2 cm chamada pero de can. En realidade é un falso froito carnoso no que o receptáculo da flor ou tálamo ten forma cóncava (con forma de copa), está inchado e contén no seu interior numerosos aquenios, que serían os froitos verdadeiros. O froito salienta polo alto contido en vitamina C (malia conter tamén carotenoides e Vitamina P) e por ser usado para facer marmeladas, confeituras e infusións. A roseira brava florece de maio a xullo e produce froitos a finais do verán ou a comezos do outono.
É unha planta nativa de Europa, as Illas Canarias, Madeira, o noroeste de África (Alxeria, Marrocos e Tunisia), o oeste de Asia (Afganistán, Irán, Iraq, Líbano, Palestina, Siria, Armenia, Acerbaixán, Xeorxia, o sur de Rusia e Taxiquistán) e o subcontinente indio. Porén, áchase naturalizada practicamente en todo o mundo, incluíndo América, Australia (sobre todo en Tasmania) e Nova Zelandia.
Na península ibérica, agás na beiramar das Canarias e nalgunhas zonas puntuais da costa andaluza e murciana con clima tropical, atópase en calquera parte, desde o nivel do mar deica os 1.500 m de altitude. En Galicia é moi común en todo o territorio pola fertilidade do solo e a abundante precipitación.
Considérase unha especie de clima atlántico e mediterráneo (zonas temperadas).
Non ten preferencia por solos específicos; incluso prefire zonas montañosas ou semi-montañosas, como o sotobosque arbustivo de especies caducifolias, mais tamén pode medrar noutros bosques, sebes, beiras dos camiños etc., e até en áreas costeiras, pois atura ben a salinidade. Agradece os solos con boa drenaxe e húmidos, algo fértiles e cun pH neutro (6,1-7,8).
As necesidades de auga fican arredor dos 675–900 mm ao ano. Pode soportar temperaturas moi baixas, até de -23 °C (zona de rusticidade: 7 a 10).
A roseira brava empregouse en Galiza coma planta medicinal. Ademais adoitaba ser unha das herbas máxicas de San Xoán.
A roseira brava ou silva macho (Rosa canina) é un arbusto espiñento, rubideiro e perenne da familia das rosáceas, nativo de Europa, o noroeste de África e Asia occidental. Tamén foi introducido en América do Norte e outras partes do mundo. Actualmente a súa distribución é bastante ampla. En Galicia é unha especie brava moi común en lugares frescos.