dcsimg

Grúidos ( Galego )

fornecido por wikipedia gl Galician

Os grúidos[1] (Gruidae) son unha familia de grandes aves de longas patas e pescozos da orde Gruiformes, que se chaman comunmente grúas[2] ou grous (grous son propiamente os machos[3]). Hai quince especies de grúas clasificadas en catro xéneros. A diferenza de aves de aspecto similar pero non relacionadas como as garzas, as grúas voan cos pescozos estirados en vez de dobrados cara atrás. As grúas viven en todos os continentes agás na Antártida e Suramérica. Visitan Galicia ocasionalmente as especies Grus grus (grúa cincenta ou, simplemente, grúa ou grou) e Anthropoides virgo (grou pequeno), polo que figuran na Lista de aves de Galicia.

Aliméntanse de forma oportunista e cambian a súa dieta segundo a estación e as súas propias necesidades de nutrientes. Comen diversos alimentos de tamaño axeitado desde roedores, peixes, anfibios e insectos ata cereais, bagas e plantas.

As grúas constrúen niños de tipo plataforma en augas pouco profundas e normalmente poñen dous ovos por posta. O macho e a femia axudan na crianza dos fillos, os cales permanecen con eles ata a seguinte estación de apareamento.[4]

Algunhas especies e poboacións de grúas migran a longas distancias; outras non migran en absoluto. As grúas son solitarias durante a estación reprodutora, cando se xuntan en parellas, pero durante o resto do ano son gregarias, formando grandes bandadas alí onde son abundantes.

A maioría das especies de grúas foron afectadas polas actividades humanas e están clasificadas polo menos como ameazadas, se non en crítico perigo.

Descrición

 src=
A área espida da pel na cara da grúa Grus canadensis. Esta pode cambiar de cor ou mesmo ampliarse cando a ave está excitada.

As grúas son aves grandes ou moi grandes, e entre elas están as aves voadoras máis altas do mundo. O seu tamaño vai desde o da Anthropoides virgo (ou Grus virgo), que mide 90 cm de lonxitude, ao da Grus antigone, que chega só a 176 cm, aínda que a máis pesada delas é a Grus japonensis, que pode pesar 12 kg antes de migrar. Son aves de patas e pescozos longos con corpos aerodinámicos e grandes ás arredondadas. Os machos e femias non varían en aparencia externa, pero a media de tamaños dos machos adoita ser lixeiramente maior que a das femias.[5]

A plumaxe das grúas varía co hábitat. As especies que habitan en vastas zonas húmidas abertas adoitan ter máis área branca na súa plmaxe que as especies que habitan zonas húmidas menores ou hábitats forestais, que tenden a ser máis grises. Estas especies brancas xeralmente son tamén máis grandes. O menor tamaño e cor das especies forestais crese que lles axuda a manter un perfil menos visible cando están aniñando; dúas destas especies (a Grus grus e a Grus canadensis) tamén enzoufan as súas plumas con lama para esconderse mellor mentres están aniñando.

 src=
Esquema da traquea longa e enroscada que produce as potentes chamadas da grúa Grus canadensis.

A maioría das especies de grúas teñen algunhas áreas de pel espida na face; as únicas dúas excepcións son a Grus paradisea e Anthropoides virgo. Esta pel sen plumas úsana na comunicación con outras grúas, e pode ampliarse contraendo ou relaxando músculos e cambia a intensidade da súa cor. As plumas da cabeza poden moverse e erguerse para comunicarse nos casos das especies Grus paradisea Grus carunculata e Anthropoides virgo.

Tamén é importante na comunicación a posición e lonxitude da súa traquea, que se asocia co óso esterno o mesmo as súas placas óseas se fusionan con el. Nas grúas Balearica pavonina e Balearica regulorum a traquea é máis curta e só está lixeiramente impresionada sobre o óso esterno, mentres que a traquea das outras especies é máis longa e penetra no esterno. Nalgunhas especies todo o esterno está fusionado coas placas óseas da traquea, e isto axuda a amplificar as chamadas das grúas, permitíndolles que se oian a varios quilómetros.[5][6]

Distribución e hábitat

 src=
Anthropoides virgo en Mongolia. As poboacións de Asia Central desta especie migran ao norte da India no inverno.

As grúas teñen unha distribución cosmopolita, e poden verse na maioría dos continentes. Porén, están ausentes da Antártida e, misteriosamente, de Suramérica. O leste de Asia é o centro da diversidade das grúas, onde viven oito especies, seguida de África, onde residen cinco especies e invernan poboacións dunha sesta especie. Australia, Europa e Norteamérica teñen dúas especies. Dos catro xéneros de grúidos, dous, Balearica (con dúas especies) e Bugeranus (unha especie) están restrinxidas a África, e o terceiro, Anthropoides, ten unha única especie completamente africana e outra máis que se encontra en África, Asia e Europa. O restante xénero, Grus, contén a maioría das especies e é o máis estendido, aínda que só unha das súas especies aparece en África como migrante invernal.[5]

A maioría das especies de grúas dependen das zonas húmidas e precisan grandes áreas de espazo aberto. A maioría das especies de grúas aniñan en zonas húmidas de pouca profundidade. Algunhas especies aniñan en zonas húmidas pero trasladan os seus poliños ás praderías para alimentarse (e tornan ás zonas húmidas pola noite), mentres que outras permanecen nas zonas húmidas durante toda a estación reprodutora. Incluso as dúas especies do xénero Anthropoides, que poden aniñar e alimentarse en praderías (mesmo en praderías secas e desertos), necesitan as zonas húmidas para repousar durante a noite. As únicas dúas especies que non sempre repousan nas zonas húmidas son as grúas africanas do xénero Balearica, que son as únicas que se pousan nas árbores.[5]

Algunhas especies de grúas son sedentarias, e permanecen na mesma área todo o ano, outras son moi migratorias, e viaxan miles de quilómetros todos os anos desde os seus lugares de reprodución. Unhas poucas especies teñen tanto poboacións migratorias coma sedentarias.

Comportamento e ecoloxía

 src=
A Grus grus en Israel. Moitas especies de grúas reúnense en grandes grupos durante a migración e nos territorios de invernada.

As grúas son aves diúrnas que varían a súa socialidade segundo a estación. Durante a estación do apareamento son territoriais e normalmente permanecen no seu territorio todo o tempo. Pero na estación non reprodutora tenden a ser gregarias, formando grandes bandadas para repousar e socializarse e nalgunhas especies alimentarse. As especies que se alimentan predominantemente de materia vexetal na estación non reprodutora xúntanse en bandadas para facelo, mentres que as que se alimentan de animais normalmente aliméntanse en grupos familiares, xuntándose en bandadas só durante os períodos de descanso, ou para preparar as viaxes migratorias. Estas grandes agregacións de grúas son importantes para a súa seguridade cando descansan e tamén como sitios onde os xoves non emparellados encontran a outros individuos.[5]

Chamadas e comunicación

As grúas son moi vocalizadoras e teñen un gran vocabulario de chamadas especializadas. As vocalizacións empezan pouco despois de eclosionaren con chamadas de contacto baixas rosmantes para manter contacto cos seus pais, e tamén chamadas para pedir alimento. Outras chamadas usadas polos pitiños inclúen chamadas de alarma e chamadas de "intención de voar", que as seguen facendo ambas durante a idade adulta. As chamadas de dúo das grúas son as máis impresionantes. Poden utilizalas para o recoñecemento individual (ver abaixo a ligazón externa).[7]

Alimentación

 src=
Anthropoides paradisea alimentándose no zoo de Roterdam.

Os grúidos poden comer unha gran variedade de alimentos, de orixe animal ou vexetal. Cando se alimentan en terra non asolagada comen sementes, follas, noces, landras, bagas, outras froitas, insectos, vermes, caracois, pequenos réptiles, mamíferos e aves. En zonas húmidas comen raíces, rizomas, tubérculos e ou partes aéreas das plantas, moluscos, peixes pequenos e anfibios. A composición exacta da dieta varía segundo a localidade, estación e dispoñibilidade. Dentro da ampla gama de alimentos consumidos hai algúns patróns; as especies con bicos máis curtos xeralmente comen en terras máis secas, mentres que as de bico mís longo se alimentan máis en zonas húmidas.[5]

As grúas empregan diferentes técnicas para procurar os distintos tipos de alimentos. Os tubérculos e rizomas obtéñenos escavando e as grúas fan unha escavación inicial e despois amplían o burato para atopalos. En contraste con esta técnica ou a de agardaren quietas e vixiaren cando cazan (igual que fan as garzas), poden tamén buscar insectos e presas animais ao moverse lentamente cara adiante coa cabeza baixa e sondando a auga cos peteiros.[5]

Onde vive máis dunha especie de grúa, cada especie adopta un nicho distinto para minimizar a competición por solapamento de nichos. Nun importante lago da provincia de Jiangxi en China, a grúa siberiana Grus leucogeranus aliméntase en lameiras e en augas pouco fondas, a Grus vipio nos límites das zonas húmidas, a Grus monacha en prados de xuncos, e estas dúas últimas especies tamén se alimentan en campos agrícolas xunto coas Grus grus.[5]

Reprodución

 src=
Cabeza e pescozo de Anthropoides virgo

As grúas reprodúcense mantendo unha monogamia permanente, xa que establecen lazos de parella a longo prazo que poden durar toda a vida dos animais. Os lazos de parella empezan a formarse no segundo ou terceiro anos de vida, pero isto pode acontecer varios anos antes da primeira tempada reprodutora con éxito, xa que os intentos iniciais de reprodución a miúdo fracasan, e en moitos casos poden desfacerse as parellas ("divorcio") despois de intentos de reprodución fracasados. As parellas que teñen éxito reprodutivo repetidamente permanecen xuntas mentres o sigan tendo.[5] Nun estudio feito sobre a Grus canadensis en Florida, 7 de cada 22 parellas estudadas permaneceron xuntas durante un período de 11 anos. Das parellas que se separaron o 53% foi debido a que morreu un dos membros, o 18% debido a un "divorcio" e do 29% restante non se sabe a razón.[8] Obtivéronse resultados similares por monitorización acústica (sonografía / análise de frecuencias sonoras do dúo e chamadas de protección) en tres áreas de reprodución de Grus grus en Alemaña durante 10 anos.[9]

As grúas son territoriais e xeralmente reprodutores estacionais. A estacionalidade varía tanto entre especies coma dentro dunha especie, dependendo das condicións locais. As especies migratorias empezan a reproducirse unha vez que chegan aos seus terreos de reprodución de verán, entre abril e xuño. Porén, a estación reprodutora das especies tropicais xeralmente está sincronizada para coincidir coa estación húmida ou monzónica. O tamaño dos territorios tamén varía dependendo da localidade. As especies tropicais poden manter territorios moi pequenos, por exemplo as Grus antigone na India poden reproducirse en territorios de só unha hectárea nas que a área é de calidade suficiente e as molestias causadas polos humanos están minimizadas. Ao contrario, os territorios da Grus japonensis poden ser de 500 hectáreas, e as parellas poden defender mesmo territorios aínda máis grandes, de ata mil hectáreas. A defensa do territorio realízaa xeralmente o macho.[5] A causa disto, é moito menos probable que conserven o territorio as femias que os machos en caso de morte do outro membro da parella.[8]

Taxonomía e sistemática

 src=
Balearica regulorum en catividade en Martin Mere, Reino Unido.
 src=
Grus japonensis (xénero Grus).

Hai 15 especies vivas de grúas distribuñidas en catro xéneros:

SUBFAMILIA BALEARICINAE

SUBFAMILIA GRUINAE

O rexistro fósil das grúas deixa moito que desexar. Aparentemente, as subfamilias estaban ben diferenciadas no Eoceno tardío (hai arredor de 35 millóns de anos). Os xéneros actuais teñen aparentemente unha antigüidade de 20 millóns de anos. A bioxeografía dos fósiles coñecidos e dos taxons vivos de grúas suxiren que o grupo é probablemente orixinario do Vello Mundo (de Laurasia?). A diversidade existente a nivel de xénero está centrada en África (oriental), pero lamentablemente non existe un rexistro fósil decente procedente de alí. Isto contrasta cos numerosos fósiles de Ciconiiformes que se documentaron alí; estas aves suponse que compartían entón gran parte do seu hábitat coas grúas. As grúas son un taxon irmán dos Eogruidae, unha liñaxe de aves non voadoras; como se predí polo rexistro fósil das verdadeiras grúas, os eogruídos eran nativos do Vello Mundo.

 src=
Os Eogruidae son unha liñaxe extinta de grúas principalmente non voadoras. Na imaxe é o Ergilornis de dúas dedas.

Os xéneros fósiles están provisionalmente asignados ás subfamilias existentes actualmente:

Gruinae

  • Palaeogrus (Eoceno medio de Alemaña e Italia – Mioceno medio de Francia)
  • Pliogrus (Plioceno temperán de Eppelsheim, Alemaña)
  • Camusia (Mioceno tardío de Menorca, Mediterráneo)
  • "Grus" conferta (Mioceno tardío/Plioceno inicial do condado de Contra Costa, EUA)[10]

Ás veces consideradas Balearicinae

Ás veces consideradas Gruidae incertae sedis

En mitoloxía e simbolismo

 src=
Ilustración no manuscrito inglés Harley Bestiary (século XIII) da lenda das grúas vixiantes. De noite as grúas fan quendas para vixiar os inimigos.
 src=
Ilustración de 1909 da fábula dos gansos e as grúas, de Esopo. Os gansos e as grúas estaban alimentándose no mesmo prado, cando un cazador de aves veu a atrapalas no seu niño. As lixeiras e rápidas grúas, fuxiron voando cando este se aproximaba, mentres que os gansos, que son máis lentos para botarse a voar e de corpo máis pesado, foron capturados.

A beleza das grúas e as súas espectaculares danzas de apareamento fixeron delas aves con gran simbolismo en moitas culturas desde tempos antigos. A mitoloxía relacionada coas grúas está moi espallada e pode encontrarse en rexións como a India, Exeo, sur de Arabia, China, Corea, Xapón e nas culturas dos nativos norteamericanos. No norte da illa xaponesa de Hokkaido, as mulleres do pobo ainu realizaban unha danza da grúa que foi captada en fotografías en 1908 por Arnold Genthe. En Corea, tamén se representaba unha danza da grúa no patio do templo de Tongdosa desde tempos da dinastía Silla (646 CE).

O primeiro dístico śloka do poema épico en sánscrito Valmiki está inspirado pola pena de ver como un macho de Grus antigone era cazado mentres facía a danza do apareamento.[11][12]

Na Meca, na Arabia preislámica, críase que Allāt, Uzza, e Manāt eran as tres deusas principais da Meca, e denominábanse as "tres grúas exaltadas" (usábase a palabra gharaniq, unha escura palabra para a cal 'grúa' é a glosa usual).

En China, varios estilos de kung fu inspíranse nos movementos das grúas na natureza; o máis famoso destes estilos é o Wing Chun, Hung Gar (grúa tigre), e o estilo Shaolín de cinco animais de loita. Os movementos das grúas son ben coñecidos pola súa fluidez e graza.

A palabra grega para grúa é Γερανος (Geranos), que deu lugar ao nome xeranio. A grúa era un ave de agoiro. No conto de Íbico e as grúas, un ladrón ataca a Íbico (un poeta do século VI a.C.) e déixao por morto. Íbico chamou a unha bandada de grúas que pasaban para que o axudasen, as cales seguiron ao atacante a un teatro e voaron sobre el, o que permitiu que fose detido.

Plinio o Vello escribiu que as grúas situaban un dos seus individuos como vixliante mentres os demais durmían. A sentinela termaba dunha pedra nas súas garras de modo que se quedaba durmido tiraría a pedra e espertaría. Unha grúa sostendo unha pedra nas súas garras é un símbolo heráldico denominado grúa en vixilancia.

Aristóteles describe a migración das grúas na súa Historia dos animais,[13] engadindo un relato das súas loitas cos pigmeos, xa que invernaban preto das fontes do Nilo. Describiu como non verídico o relato de que a grúa leva dentro unha pedra de toque que pode usarse para comprobar se un metal é ouro cando a vomitaban. (Esta segunda historia non é de todo absurda, xa que as grúas poden inxerir pedras, que poden ser do tipo apropiado como pedra de toque, e regurxitalas noutras rexións onde este tipo de pedras escasea.)

Os gregos e os romanos a miúdo representaban a danza das grúas como o amor polo gozo e celebración da vida, e as grúas estaban a miúdo asociadas tanto con Apolo coma con Hefesto.

En moitas partes de Asia a grúa é un símbolo da felicidade e a eterna mocidade. En Xapón, a grúa é unha das criaturas místicas ou sagradas (como tamén o son os dragóns e as tartarugas) e simbolizan a boa fortuna e vida longa a causa da da súa fabulosa lonxevidade de mil anos. A grúa é un suxeito favorito na tradición do origami ou papiroflexia. Unha antiga lenda xaponesa promete que a calquera que faga mil grúas de papel unha grúa lle concederá un desexo. Despois da Segunda guerra mundial, a grúa simbolizou a paz e as vítimas inocentes da guerra na historia da nena Sadako Sasaki e as súas mil grúas de papiroflexia. A nena sufrira o bombardeo atómico de Hiroshima e tiña leucemia, polo que sabía que ía morrer, e fixo mil grúas de papel antes de morrer aos 12 anos, polo que chegou a ser famosa e recoñecida como símbolo das vítimas inocentes da guerra.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para grúidos.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para grúa.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para grou.
  4. Archibald, George W. (1991). Forshaw, Joseph, ed. Encyclopaedia of Animals: Birds. London: Merehurst Press. pp. 95–96. ISBN 1-85391-186-0.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 5,8 5,9 Archibald, George; Meine, Curt (1996). "Family Gruidae (Cranes)". En del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi. Handbook of the Birds of the World. Volume 3, Hoatzin to Auks. Barcelona: Lynx Edicions. pp. 60–81. ISBN 84-87334-20-2.
  6. Gaunt, Abbot; Sandra L. L. Gaunt; Henry D. Prange; Jeremy S. Wasser (1987). "The effects of tracheal coiling on the vocalizations of cranes (Aves; Gruidae)". Journal of Comparative Physiology A 161 (1): 43–58. doi:10.1007/BF00609454.
  7. "craneworld.de". craneworld.de. Arquivado dende o orixinal o 20 de xullo de 2012. Consultado o 2012-07-29.
  8. 8,0 8,1 Nesbitt, Stephen A. (1989). "The Significance of Mate Loss in Florida Sandhill Cranes" (PDF). Wilson Bulletin 101 (4): 648–651.
  9. Wessling, B. (2003). "Acoustic individual monitoring over several years (mainly Common Crane and Whooping Crane)". Craneworld.de. Arquivado dende o orixinal o 09 de maio de 2006. Consultado o 14 de xaneiro de 2017.
  10. Miller, Alden H.; Sibley, Charles G. (1942). "A New Species of Crane from the Pliocene of California" (PDF). Condor 44 (3): 126–127. doi:10.2307/1364260.
  11. Leslie, J. (1998). "A bird bereaved: The identity and significance of Valmiki's kraunca". Journal of Indian Philosophy 26 (5): 455–487. doi:10.1023/A:1004335910775.
  12. Hammer, Niels (2009). "Why Sārus Cranes epitomize Karuṇarasa in the Rāmāyaṇa". Journal of the Royal Asiatic Society of Great Britain & Ireland. (Third Series) 19 (2): 187–211. doi:10.1017/S1356186308009334.
  13. "The Internet Classics Archive | The History of Animals by Aristotle". Classics.mit.edu. Consultado o 2012-07-29.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Hayes, M.A. (2005): Divorce and extra-pair paternity as alternative mating strategies in monogamous sandhill cranes. MS thesis, University of South Dakota, Vermilion, S.D.. 86 p. PDF fulltext at the International Crane Foundation's Library

Mitos e floclore

licença
cc-by-sa-3.0
direitos autorais
Autores e editores de Wikipedia
original
visite a fonte
site do parceiro
wikipedia gl Galician

Grúidos: Brief Summary ( Galego )

fornecido por wikipedia gl Galician

Os grúidos (Gruidae) son unha familia de grandes aves de longas patas e pescozos da orde Gruiformes, que se chaman comunmente grúas ou grous (grous son propiamente os machos). Hai quince especies de grúas clasificadas en catro xéneros. A diferenza de aves de aspecto similar pero non relacionadas como as garzas, as grúas voan cos pescozos estirados en vez de dobrados cara atrás. As grúas viven en todos os continentes agás na Antártida e Suramérica. Visitan Galicia ocasionalmente as especies Grus grus (grúa cincenta ou, simplemente, grúa ou grou) e Anthropoides virgo (grou pequeno), polo que figuran na Lista de aves de Galicia.

Aliméntanse de forma oportunista e cambian a súa dieta segundo a estación e as súas propias necesidades de nutrientes. Comen diversos alimentos de tamaño axeitado desde roedores, peixes, anfibios e insectos ata cereais, bagas e plantas.

As grúas constrúen niños de tipo plataforma en augas pouco profundas e normalmente poñen dous ovos por posta. O macho e a femia axudan na crianza dos fillos, os cales permanecen con eles ata a seguinte estación de apareamento.

Algunhas especies e poboacións de grúas migran a longas distancias; outras non migran en absoluto. As grúas son solitarias durante a estación reprodutora, cando se xuntan en parellas, pero durante o resto do ano son gregarias, formando grandes bandadas alí onde son abundantes.

A maioría das especies de grúas foron afectadas polas actividades humanas e están clasificadas polo menos como ameazadas, se non en crítico perigo.

licença
cc-by-sa-3.0
direitos autorais
Autores e editores de Wikipedia
original
visite a fonte
site do parceiro
wikipedia gl Galician