A cotorra de peito gris,[2] tamén chamada cotorra arxentina[3] ou cata[4] (Myiopsitta monachus) é unha especie de papagaio da familia Psittacidae. É un papagaio pequeno, de cor verde brillante cun peito gris e abdome amarelo cincento. A súa zona de orixe son as áreas temperadas ou subtropicais de Arxentina e países próximos en Suramérica. É un popular animal de compañía. Establecéronse poboacións silvestres en moitos lugares do mundo xeralmente a partir de animais escapados da catividade, principalmente en Norteamérica e Europa, incluíndo Galicia.[2]
Esta especie foi descrita polo polígrafo francés Georges-Louis Leclerc, conde de Buffon en 1780 na súa Histoire Naturelle des Oiseaux (Historia natural das aves).[5] O paxaro foi tamén ilustrado nunha placa gravada pintada a man de François-Nicolas Martinet nas Planches Enluminées D'Histoire Naturelle (Planchas iluminadas de historia natural), que se realizaron baixo a supervisión de Edme-Louis Daubenton para acompañar ao texto de Buffon.[6] Nin na descrición da placa nin no texto de Buffon se incluía o nome científico, pero en 1783 o naturalista holandés Pieter Boddaert acuñou para ela o nome binomial Psittacus monachus no seu catálogo de Planches Enluminées (Planchas iluminadas).[7] Como Buffon non especificou a orixe do seu espécime, en 1937 o ornitólogo alemán James Peters asignoulle como localización tipo Montevideo, Uruguai.[8] A cotorra de peito gris está agora situada no xénero Myiopsitta, que foi creado polo naturalista francés Charles Lucien Bonaparte en 1854.[9][10] O nome do xénero combina a palabra do grego antigo mus, muos, que significa 'rato' e a palabra neolatina psitta, que significa 'papagaio', aludindo á súa face e partes inferiores de cor gris como o pelo do rato. O epíteto de especie monachus procede do latín tardío e significa 'monxe'.[11]
É unha das especies do xénero Myiopsitta, que ten outra chamada Myiopsitta luchsi. Estas dúas cotorras eran antes consideradas unha soa especie. Porén, debido a diferenzas morfolóxicas e de comportamento e a desemellanzas xeográficas, a especie M. luchsi foi elevada á categoría de especie.[10] A distribución altitudinal de M. luchsi aparentemente non se solapa coa outra especie, polo que é enteiramente, aínda que por pouco, alopátrica.[12] A American Ornithological Society pospuxo o recoñecemento de M. luchsi como especie distinta "debido aos insuficientes datos publicados".[13]
Recoñécense tres subespecies:[14][12]
As áreas das subespecies encóntranse na área xeral de Paraguai, e alí están insuficientemente delimitadas. A distinción e delimitación especialmente de M. m. calita e M. m. cotorra require maiores estudos.
Igual que outros papagaios neotropicais, a cotorra de peito gris é normalmente situada na tribo Arini, que podería merecer elevarse a caegoría de subfamilia como Arinae. M. monachus pertence ao clado de cola longa destas aves, que mantería o nome Arini/Arinae se este grupo polifilético fose dividido.
A subespecie nominada desta cotorra é de 29 cm de longo como media, cunha envergadura alar de 48 cm, e pesa 100 g. As femias tenden a sen dun 10 a un 20% máis pequenas, pero só poden ser sexadas de forma fiable con probas de ADN ou probas das plumas. As partes superiores son verdes brillantes. A fronte e o peito son gris claros cun marcado máis escuro e o resto das partes inferiores de verde claro a amarelo. As rémixes son azul escuras e a cola é longa e vaise estreitando. O peteiro é laranxa. A chamada é un forte e gutural chape(-yi) ou cuak cuaki cuak-ui cuarr, e renxidos skvit.[14][12]
As cotorras domésticas criadas como animais de compañía poden ás veces ter outras cores distintas das naturais. Hainas que son brancas, azuis e amarelas en vez de verdes. Tales cooracións proporcionan menos camuflaxe, pero as que escaparon e crearon poboacións silvestres xeralmente teñen a coloración do tipo silvestre.
A cotorra de peito gris é o único papagaio que constrúe un niño feito de paus situado nunha árbore ou nunha estruura construída polo ser humano, en vez de usar un burato nunha árbore. Esta especie gregaria a miúdo cría en colonias, construíndo un só niño grande con entradas separadas para cada unha das varias parellas que o utilizan. Na natureza, as colonias poden ser bastante grandes, e as parellas ocupan "apartamentos" separados nos niños, os cales poden ter o tamaño dun pequeno automóbil. Estes niños poden atraer moitos outros inquilinos, como aves de presa como o Spiziapteryx circumcincta, patos como Anas flavirostrise incluso mamíferos. Poñen de 5 a 12 ovos que fan eclosión nuns 24 días.
Algo pouco común entre os papagaios é que as parellas desta especie teñen individuos axudantes, que adoitan ser fillos xa crecidos, que axudan a alimentar as crías (ver selección de parentesco).
A duración da vida desta especie é normalmente de entre 15 e 20 anos,[16] pero rexistráronse máximos de 25 a 30 anos.[17]
A cotorra de peito gris é moi común globalmente.[1] En Arxentina, Brasil e Uruguai, considérase unha praga agrícola importante (como xa sinalara Charles Darwin, entre outros). A súa explosión poboacónal nas áreas rurais de Suramérica parece estar asociada coa expansión das plantacións de eucalipto para a produción de papel, xa que estes bosques artificiais ofrecen á ave a oportunidade de construír niños ben protexidos onde a competición ecolóxica con outras especies é limitada.[14]
Existen poboacións estables destas aves que se fixeron silvestres en varios estados de Estados Unidos e diversas rexións de Europa (concretamente España, Portugal, Azores, Madeira, illas Baleares, Xibraltar, Francia, Córsega, Malta, Chipre, Sardeña, Italia, Grecia, illas do Canal, Gran Bretaña, Irlanda e Bélxica), e tamén na Columbia Británica de Canadá,[18] Brasil, México, Chile, Israel, Bermuda, Bahamas, illas Caimán, illa de Pascua, Puerto Rico, Corea do Sur e Xapón. Como é unha especie de bosques abertos, adáptase doadamente ás áres urbanas.
En áreas onde foron introducidas, témese que causen danos á agricultura e ás especies nativas, mentres que algúns discuten que haxa probas de que as colonias que se fixeron silvestres causen danos e opóñense a exterminar estes paxaros. Porén, existen programas de prohibición e erradicación nalgunhas áreas de Estados Unidos e outros países.[19] Nalgúns países, as poboacións introducidas non parecen suscitar controversisa similares, probablemente porque son pouco numerosas ou porque o seu establecemento en áreas urbanas non supón unha ameaza para as producións agrícolas.
As poboacións que se fixeron silvestres adoitan descender de pobocións fundacionais moi pequenas. Como son sociais e intelixentes, desenvolven algunhas tradicións culturais, como dialectos vocais que difiren entre grupos. En poboacións que descenden dun gran número de aves, hai un conxunto de "dialectos". Porén, se a poboación fundadora é pequena, pode ocorrer un proceso similar á deriva xenética se os fundadores prominentes vocalizan nun "dialecto" pouco común, e este particular xeito de vocalización acaba quedando establecido na colonia final resultante.[20]
As cotorras de peito gris poden verse en Galicia nas Rías Baixas (onde están en expansión),[2] en Madrid, Barcelona, Cádiz, Sevilla, Torremolinos, Málaga, Nerja, València, Tarragona, Roquetas de Mar, Zaragoza, as illas Canarias e Mallorca. En España apareceron por primeira vez en 1985. En parques urbanos con herba, árbores e preto de ríos ou o mar son especialmente frecuentes e abundasn en cidades como Madrid e Barcelona. Como son especies invasoras, convertéronse nun problema para a fauna local, como pombas e pardais, pero non tanto para as pegas. Causan tamén problemas ás explotacións agrícolas preto das cidades. En España prohibiuse a posesión, venda, crianza e tráfico de cotorras de peito gris desde 2013.[21]
As cotorras de peito gris son aves sociais e moi intelixentes. Os que as teñen como animais de compañía notan que continuamente desenvolven vocabularios de moitas palabras e frases.[22] Debido a esta capacidade temperán de falar, está superando ás cacatúa como paxaro favorito para ensinarlle a falar. Outro factor que contribúe ao crecemento da súa popularidade é que esta ave ten unha esperanza de vida curta e menor prezo que os papagaios grises africanos.
Como a especie está na lista de pragas agrícolas en varios estados de Estados Unidos,[23] e en Australia Occidental[24] non é legal neses estados vendela ou posuíla,[23][25] igual que ocorre en España.
Gran niño de cotorra de peito gris no portal do Cemeterio de Green-Wood en Brooklyn, Nova York
|url=
(Axuda) A cotorra de peito gris, tamén chamada cotorra arxentina ou cata (Myiopsitta monachus) é unha especie de papagaio da familia Psittacidae. É un papagaio pequeno, de cor verde brillante cun peito gris e abdome amarelo cincento. A súa zona de orixe son as áreas temperadas ou subtropicais de Arxentina e países próximos en Suramérica. É un popular animal de compañía. Establecéronse poboacións silvestres en moitos lugares do mundo xeralmente a partir de animais escapados da catividade, principalmente en Norteamérica e Europa, incluíndo Galicia.