O lirio amarelo[1] Iris pseudacorus, é unha especie perenne da familia Iridaceae. É orixinaria de Eurasia e abundante nas charcas de Galiza.
O lirio amarelo é unha planta perenne provista dun bulbo ovoide que perdura durante o inverno, a parte aérea morre, e está cuberto das bases das follas de anos anteriores. O talo, de 60 – 120 cm, algo comprimido, ten varias follas, xeralmente basais, de 50 – 90 cm x 10 – 30 mm, de cor glauca e cun nervio central marcado. As flores, actinomorfas, son grandes, duns 10 cm e levan cáliz e corola de tres pezas. O cáliz é de cor amarela igual que a corola. Aparecen de marzo e xuño e poden ser solitarias ou en pares. Reúnense nunha inflorescencia cimosa formada por 4 – 12 flores de cor amarela, as inferiores en pedúnculos longos e suberectos; os pedicelos miden 20 – 50 mm e as espatas, herbáceas pero coa marxe membranosa, de 40 a 100 mm. Teñen, como dixemos, tres pezas internas erectas e outras tres externas, erectas ou deflexas, de 50 – 75 x 20 – 30 mm, que constan dunha unlla e un limbo, largamente ovado. O xineceo consta dun ovario trilocular, cun tubo do hipanto de case 5 mm, do que xorde un estilo que se divide en 3 ramas petaloideas de 20 – 30 x 4 – 8 mm, linear – oblongos, máis curtos e estreitos que as ramas do estilo, que protexen a un estame groso e de cor amarelo pálida; o estigma está preto do ápice da face interna desa rama e é bífido. O froito é unha cápsula alongada e angulosa, de 4 – 8 cm, cilíndrica e cun bico curto, que ten no seu interior varias sementes de cor parda escura e lisas. A forma do froito lembra un pemento de Padrón.
Medra en zonas húmidas ou asolagadas nas beiras dos regueiros, lagoas e encoros, dende o nivel do mar até os 800 m de altitude. Forma parte de comunidades que se inclúen na Clase Phragmitio - Magnocaricetea, de distribución cosmopolita, polo común de elevada cobertura, constituídas por heliófitos colonizadores de zonas anegadas gran parte do ano, como brañas, marxes de regueiros, lagoas, lamazais e outras. Son plantas características destes ecosistemas: Alisma lanceolatum, Alisma plantago-aquatica, Galium palustre, Lycopus europaeus, Lythrum salicaria, Sparganium erectum e Veronica anagallis-aquatica. A planta prospera axiña por rizoma e por sementes espalladas pola auga. Malia ser principalmente acuática, os rizomas sobreviven prolongados períodos secos.
Prefire a penumbra e unha calor moderada. Aparece no piso montano principalmente. Continentalidade: Suboceánica; non atura xeadas serodias nin temperaturas extremas. Os solos teñen que estar asolagados, anóxicos, e mellor se son algo acedos (pH 4.5 - 7.5). Gusta dos solos ricos en nitróxeno (indicador de riqueza edáfica de nutrientes).
Antigamente tiña usos medicinais. As súas follas e raíces son velenosas para o gado. Emprégase o rizoma polos seus contidos en taninos, mucilaxes e outros principios activos. Cómpre secala, proceso no que se arroiba. Tense empregado coma adstrinxente e especialmente coma un potente catártico, aínda que hoxe en día apenas é usado. É emético, emenagogo, e tamén se ten usado nas dores de dentes ao fregar os mesmos cun anaco da raíz. Actualmente emprégase coma emético e adstrinxente. Contén irisina, substancia tóxica, polo que para o seu uso interno cómpre consultar un médico.
A semente torrada empregouse coma substituto do café.
Tamén pode ter uso ornamental pola fermosura das flores amarelas (flores de lis).
Emprégase para a limpeza de augas, xa que ten a habilidade de chuchar metais pesados polas súas raíces.
O número de cromosomas de Iris pseudacorus (Fam. Iridaceae) e táxones infraespecíficos[2] é de 2n=34.
O lirio amarelo recibe outros nomes vulgares galegos coma: espadaina (non confundir con Typha latifolia), lirio das charcas, abolla, candelas, xavanas etc [4]
O lirio amarelo Iris pseudacorus, é unha especie perenne da familia Iridaceae. É orixinaria de Eurasia e abundante nas charcas de Galiza.