Boraginaceae (as boraxináceas) é unha familia botánica pertencente á orde lamiales, que inclúe unha gran variedade de arbustos, árbores e herbas, totalizando unhas 2.000 especies en 100 xéneros distribuídos por todo o mundo.
Son árbores, arbustos, gamallos, rubideiras ou herbas, frecuentemente con indumento conspicuo; plantas hermafroditas, heterostilas, monoicas ou dioicas. Follas simples, alternas ou raramente opostas; exestipuladas. Cáliz gamosépalo, xeralmente persistente, tubular a campanulado ou rotáceo, xeralmente 5-lobado; corola gamopétala, xeralmente 5-lobada; estames xeralmente iguais en número aos lobos da corola e alternos con estes, adnados ao tubo da corola; ovario súpero, 2-carpelar e 2-locular pero ás veces falsamente 4-locular, óvulos xeralmente 4, anátropos, estilo 1, terminal ou ginobásico, simple ou ramificado, estigmas 1–4. Froito drupáceo e con 1–4 sementes, ás veces seco ao madurecer ou de 4 nociñas.
Segundo o sistema de clasificación APG II esta familia pertence ao clado I da subclase Asteridae, incluíndo as ordes Gentianales, Lamiales e Solanales pero aínda non está claro se debería ser asignada a unha destas ordes ou á súa propia (Boraginales). Baixo o antigo Sistema de Cronquist incluíase nas Lamiales, pero agora recoñécese que non son máis similares ás outras familias desta orde, do que son ás de varios outras ordes de Asteridae.
As boraxináceas son parafiléticas respecto de Hydrophyllaceae e esta última está incluída no anterior sistema APG II. Nalgunhas clasificacións recentes a familia foi dividida noutras varias: Boraginaceae s.s, Cordiaceae, Ehretiaceae, Heliotropiaceae, Hydrophyllaceae e Lennoaceae.
A maioría, aínda que non todos os membros da familia, teñen follas vilosas. O carácter basto das vilosidades débese ao óxido de silicio e ao carbonato de calcio. Nalgunhas especies, a antocianina é a causante de que a cor das flores vire do vermello ao azul coa idade. Isto é, probabelmente, un sinal para indicar aos polinizadores que estas flores vellas xa están baleiras de pole e néctar (Hess, 2005).
Boraginaceae (as boraxináceas) é unha familia botánica pertencente á orde lamiales, que inclúe unha gran variedade de arbustos, árbores e herbas, totalizando unhas 2.000 especies en 100 xéneros distribuídos por todo o mundo.