O taro[1] (Colocasia esculenta) é unha planta tropical da familia Araceae, cuxos cormos son comestíbeis.
A palabra taro vén do tahitiano, en Hawai recibe o nome de kalo, no Brasil: cará; yautía coco na República Dominicana e malanga en Porto Rico, Costa Rica, Guatemala, México, Honduras, e Cuba. No Perú coñécese coma bituca, e nalgúns lugares do sur, como onkucha ou unkucha. En Nicaragua coñécese por quequisque ou quiquisque. Nas Illas Canarias coma ñame e no Azores coma inhame-coco ou inhame dos Açores, aínda que este termo se refire normalmente a outras plantas comestíbeies do xénero Dioscorea. En Venezuela coñécese como ocumo chino, en Panamá como otoe, en Bolivia como papa balusa, en Suráfrica madumbe, en Colombia como pipa.
É unha planta perenne tropical que se usa principalmente como hortaliza polo seu cormo comestíbel, e tamén coma verdura. As flores raramente se usan. Está emparentado coas especies dos xéneros Xanthosoma e Caladium, usadas como ornamentais e por veces chamadas de orella de elefante. Tanto esta especie como as cultivadas de Xanthosoma comparten substancialmente os mesmos usos e algúns nomes, incluíndo mafafa, malanga, callaloo, pituca, chonque, bore, papa chinesa, ocumo chinés, texcamote, pelma ou cocoñame.
A extensión da zona de orixe do taro aínda está en discusión, todos os autores coinciden en que se sitúa no nordés da India, sueste de Asia, estendéndose segundo outros autores tamén até Australia e Nova Guinea.[2]
Pode vexetar en arroceiras ou en terras altas onde a auga é fornecida acotío por choiva ou rega. Algunhas variedades medran tamén fóra dos trópicos, en lugares coma Corea e Xapón. En Corea, é chamado de toran (土卵) que significa "ovo da terra", o cormo pélase e os rebentos das follas sofrítense. Ao cormo chámanlle sato-imo (里芋) en xaponés.
É un alimento tradicional en moitas áreas tropicais do mundo e a base para facer o poi en Hawai. A planta é indixeríbel se se comer crúa por mor das substancias ergásticas nas células da planta. Produce severos problemas gastrointestinais se non se cociña.
Como en case todas as verduras, as follas do taro son ricas en vitaminas e minerais. Son boa fonte de tiamina, riboflavina, ferro, fósforo, e cinc, un bo recurso de vitamina B6, vitamina C, niacina, potasio, cobre e manganeso. Os cormos de taro teñen un alto contido en amidón e son fonte de fibra alimentaria. O ácido oxálico pode estar presente no cormo e especialmente na folla, polo que non pode ser inxerido por persoas con problemas de ril, gota ou artrite reumatoide.
O taro férvese, cócese, ou se corta e se frite como tempura. A variedade pequena redonda pélase e férvese, véndese ás veces conxelada, empacada cos seus propios líquidos ou enlatado. Na China, o taro úsase ás veces coma un ingrediente no nian gao, unha especie de doce mesto, feito de fariña de arroz, e que se come durante o Aninovo Chinés. Do mesmo xeito emprégase no daifuku xaponés, feito de mochi con taro e anko.
En Venezuela cómese simplemente fervido coma acompañamento de carne ou peixe; tamén un ingrediente da sopa sancocho.
Colocasia esculenta foi descrita por (L.) Schott e publicado en Meletemata Botanica 18. 1832.[3]
O taro (Colocasia esculenta) é unha planta tropical da familia Araceae, cuxos cormos son comestíbeis.