O porco[2] (tamén coñecido como cocho,[3] marrán,[4] chino[5] ou quino[6]) é un mamífero tipicamente doméstico, de nome científico Sus scrofa, aínda que algúns autores danlle o nome de Sus domesticus (ou Sus scrofa domesticus) para o diferenciar do porco bravo ou xabarín, ao cal se lle atribúe o nome de Sus scrofa.
O porco domesticouse hai uns 5.000 anos. Chegou a Europa dende Turquía, e hai probas da súa domesticación no sitio arqueolóxico de Çayönü. Aínda que hoxe neste país este animal non aparece na gastronomía tradicional debido a ser agora un país islámico e esa relixión prohibe o consumo deste mamífero. Non existe en estado salvaxe na natureza.
En Galicia, a crianza do porco goza de gran tradición. Isto demóstrase na popular matanza do porco de San Martiño ou a fama de xamóns coma o de Lalín ou o da Cañiza.[7]
O porco críase sobre todo pola súa carne, ben para ser consumida fresca, en salazón ou transformada en embutidos ou outros produtos cárnicos. Entre outros, do porco saen o lacón, o xamón, o touciño ou o chourizo. Este é o seu uso principal sobre todo na cría tradicional doméstica. Pero o porco fai bo o que se di del e ten outros moitos usos:
Amais diso, tradicionalmente, sobre todo en Italia, usábase o porco para buscar trufas. O seu olfacto permítelle detectalas e co fociño e as patas foza ata atopalas.
Entre outros nomes para porco en galego están o de cocho ou marrán. As crías do porco reciben os seguintes nomes (especialmente cando son moi novos e aínda maman): bácoro[15] ou bacoriño,[16] leitón,[17] marrancho,[18] rancho,[19] reco,[20] rello,[21] relo,[22] rengo,[23] zacote[24] ou marrote.[25] O porco macho adulto denomínase verrón,[26] cacheiro,[27] cachaceiro[28] ou cachazo.[29] Se se dedica a cubri-las femias, porco da semente, porco colludo, porco pai e castal,[30] castizal[31] ou castizo[32] (de aí o alcume de O Castizo que leva Cibrán, o protagonista da novela A esmorga de Eduardo Blanco Amor).
Os porcos críanse en numerosos países, aínda que os maiores consumidores de porco a nivel mundial están en Asia. Existe un importante comercio internacional e mesmo intercontinental de porcos e de carne de porco. Aínda que a China ten a meirande produción en termos absolutos, precisa importar grandes cantidades para satisfacer a demanda, que se ten incrementado notabelmente ao longo do seu desenvolvemento como potencia económica. Os principais exportadores de porco son os Estados Unidos, a Unión Europea e o Canadá. Por exemplo, a produción canadense foi de 22,8 millóns de porcos no ano 2008 e máis da metade foi exportada a 143 países.[33]
A raza de porco celta é unha variedade que até comezos do século XX era a maioritaria en Galiza. Despois de estar a piques de desaparecer durante os anos oitenta, en 1999 púxose en marcha a Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta. O apoio público coa creación dun rexistro da raza e a difusión das cualidades deste animal está a favorecer o rexurdimento da cabana maioritaria en Galiza, antes de se ver desprazada por novas razas que ofrecían un maior crecemento.
Outras razas: Berkshire, porco ibérico, porco tamworth, porco vietnamita e porco galés.
Miss Piggy, Babe e Porky Pig son personaxes moi coñecidos no mundo audiovisual. Os tres porquiños, Piglet de A. A. Milne, Wilbur da novela Charlotte's Web, The Sheep-Pig, Zhu Bajie ou Napoleón do libro A revolta dos animais, son exemplos de porcos famosos na literatura.
O porco e os seus produtos constitúen un importante elemento na gastronomía galega. Así, non pode estrañar que estea presente en numerosas festas gastronómicas repartidas por toda Galicia:
O porco (tamén coñecido como cocho, marrán, chino ou quino) é un mamífero tipicamente doméstico, de nome científico Sus scrofa, aínda que algúns autores danlle o nome de Sus domesticus (ou Sus scrofa domesticus) para o diferenciar do porco bravo ou xabarín, ao cal se lle atribúe o nome de Sus scrofa.