dcsimg

Zifio de Arnoux ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

O zifio de Arnoux,[1] Berardius arnuxii, é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos zifíidos. Xunto co seu conxénere Berardius bairdii, é o zifio de maior tamaño.

A especie foi descrita en 1851 polo médico e zoólogo francés Louis Georges Duvernoy,[2] a partir dun cranio encontrado en Nova Zelandia e que lle fora enviado polo mariño Auguste Bérard, capitán da corveta Le Rhin, na que, desde 1842, fixo unha viaxe de circunnavegación, polo que Duvernoy bautizou ao xénero como Berardius, na honra do capitán. O epíteto específico, arnouxii, dedicoullo a Louis Arnoux, mariño, cirurxián (e despois médico) e viaxeiro naturalista, que era o cirurxián maior da corveta.[3]

Descrición

Ten un corpo longo e robusto, pero esvelto, coa sección máxima só dun 50 % da lonxitude total, que pode alcanzar cerca dos 10 m de lonxitude. O peso pode oscilar entre as 7 e as 10 t. As femias son algo maiores que os machos.

A cabeza presenta a rexión frontal globosa debido á presenza do melón. O fociño é un bico longo e prominente, arredondade, e maior en relación co doutros zifios (agás B. bairdii). Ten a mandíbula superior máis curta que a inferior, e os dentes dianteiros son visíbeis mesmo coa boca totalmente pechada.

As aletas pectorais son pequenas e arredondadas, e están inseridas moi anteriormente. A dorsal é tamén pequena, lixeiramente falciforme e co extremo arredondado, e está situada ao comezo do último terzo do corpo.

A coloración é uniforme, e pode ir, segundo os individuos, desde a gris escura á parda, na rexión dorsal, coa rexión cefálica máis clara, sendo de cor gris clara na ventral. Os adultos presentan en toda a superficie do corpo numerosas cicatrices brancas, que poden ser un bo indicador da idade do animal. Os xuvenís son de cor gris lousa.

O dimorfismo sexual é pouco acentuado.

Distribución

Os zifios de Arnoux habitan na rexión circumpolar austral (augas de Sudamérica, Nova Zelandia e Suráfrica), entre os 78º e os 34º S, aproximadamente, no Pacífico sur.[4] Icluso poden alcanzar latitudes tan norteñas como os 24º S no Atlántico na zona de Sudamérica. Porén, en ningunha destas zonas son ben coñecidos ou consdiderados como comúns. A maioría dos avistamentos producíronse no mar de Tasmania e nos arredores dalgunhas illas do Pacífico sur. A abrumadora maioría dos varamentos foron rexistrados en Nova Zelandia.[5][6] Os rexistros máis ao norte foron algúns varamentos no Brasil, Arxentina, Suráfrica e Australia.[7][8]

Poboación

Non existen datos fidedignos para a estimación da súa poboación, e por iso a UICN cualificou a especie como sen datos coñecidos (CC).).[9]

Notas

  1. Lahuerta e Vázquez (2000), p. 313.
  2. Duvernoy, L. G. (1851) en Ann. Sci. Nat. Zool. (Paris), ser. 3, 15: 52, fig. 1.
  3. Bernard Serra-Tosio (1996): "Louis Arnoux (1814-1867), chirurgien de marine et voyageur-naturaliste grenoblois". Conferencia ditada no Bio-Club o 19 de febreiro de 1996. Bulletin du Bio-Club.
  4. Kasuya, T. (2002): "Giant beaked whales Berardius bairdii and B. arnuxii". En: Perrin, William F., Bernd Würsig & J. G. M. Thewissen (eds.) (2002): Encyclopedia of Marine Mammals. 2ª ed. San Diego: Academic Press. ISBN 978-0-12-373553-9
  5. Balcomb, K. C. e Claridge, D. E. (2001): "A mass stranding of cetaceans caused by naval sonar in the Bahamas". Bahamas Journal of Science 8 (2): 2-12.
  6. Jefferson, T. A., Leatherwood, S. e Webber, M. A. (1993): Marine Mammals of the World: FAO Species Identification Guide. Roma: FAO.
  7. Paterson, R. A. e Parker, A. E. (1994): "Aerial observations of large ziphiid whales, possibly Berardius arnuxii, off the southern coast of New South Wales". Memoirs of the Queensland Museum 37: 301-306.
  8. Culik, B. M. (2004): "Review of small cetaceans: Distribution, behaviour, migration and threats". Marine Mammal Action Plan/Regional Seas Reports and Studies 177: 343 pp.
  9. Taylor, B. L., Baird, R., Barlow, J., Dawson, S. M., Ford, J., Mead, J. G., Notarbartolo di Sciara, G., Wade, P. & Pitman, R. L. (asesores) (2008): Berardius arnouxii na Lista vermella de especies ameazadas da IUCN.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician

Zifio de Arnoux: Brief Summary ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

O zifio de Arnoux, Berardius arnuxii, é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos zifíidos. Xunto co seu conxénere Berardius bairdii, é o zifio de maior tamaño.

A especie foi descrita en 1851 polo médico e zoólogo francés Louis Georges Duvernoy, a partir dun cranio encontrado en Nova Zelandia e que lle fora enviado polo mariño Auguste Bérard, capitán da corveta Le Rhin, na que, desde 1842, fixo unha viaxe de circunnavegación, polo que Duvernoy bautizou ao xénero como Berardius, na honra do capitán. O epíteto específico, arnouxii, dedicoullo a Louis Arnoux, mariño, cirurxián (e despois médico) e viaxeiro naturalista, que era o cirurxián maior da corveta.

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician