dcsimg

Ñu negro ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

O ñu negro o ñu de cola branca, Connochaetes gnou, é unha especie de mamífero artiodáctilo ruminante da familia dos bóvidos, subfamilia dos alcelafinos e tribo dos alcelafininos.

É unha das dúas especies que compoñen o xénero Connochaetes, sendo de tamaño lixeiramente menor que a outra especie, o ñu azul (Connochaetes taurinus).

O ñu negro é un animal endémico da África austral, onde historicamente se distribuía ampla e abundantemente. Pero no século XIX, debido á caza, á destrución do seu hábitat e ás enfermidades, a súa poboación reduciuse extraordinariamente, de xeito que en 1900 a especie estaba ao bordo da extinción.

Taxonomía

A especie foi descrita en 1780 polo zoólogo alemán Eberhard August Wilhelm von Zimmermann,[2] baixo o nome de Antiolope gnou, na páxina 102 do segundo volume da súa obra Geographische Geschichte des Menschen und der vierfüßigen Tiere, editada en Leipzig en 1783.[3]

Posteriormente foi reclasificada no xénero Connochaetes, que describira en 1812 o seu compatriota Lichtenstein.

Non se coñecen subespecies.[2][3]

Sinónimos

Ao longo da súa historia, a especie foi coñecida cos seguintes sinónimos:[3]

  • Bos gnou (Zimmermann, 1777)
  • Antilope capensis (Gatterer, 1780)
  • Antilope gnou (Zimmermann, 1780)
  • Antilope gnu (Gmelin, 1788)
  • Catoblepas operculatus (Brookes, 1828)
  • Bos connochaetes (Forster, 1844)

Características

As principais características morfolóxicas do ñu negro son:[4][5]

 src=
Lámina representando ao ñu de cola branca en The Book of Antelopes, de Philip Sclater e Oldfield Thomas, 1894.
 src=
Ñu de cola branca.
  • Antílope grande (de tamaño similar ao do cervo) e aspecto inconfundíbel, de constitución pesada e coas agullas macizas, máis altas que as ancas, e cos cuartos traseiros delgados.
  • Medidas:
    • lonxitude de cabeza e tronco, de 165 a 220 cm nos machos, e de 170 a 205 cm nas femias:
    • lonxitude da cola, de 90 a 100 cm nos machos, e de 80 a 100 cm nas femias;
    • altura na cruz, de 100 a 120 cm nos machos, e de 90 a 105 cm nas femias;
    • peso, uns 180 kg nos machos, e uns 160 kg nas femias.
  • Cornos (presentes en ambos os sexos) de 45 a 60 cm (máximo, 78,5 cm) nos machos, e a metade de longos e máis delgados nas femias, moi anchos e case unidos na base, curvados cara a abaixo e cara a adiante, e virados despois cara a arriba, e rematados en punta case verticalmente.
  • Cabeza moi maciza, coa cara cuberta por unha guedella de pelo a xeito de cepillo, cos pelos tesos dirixidos cara a arriba.
  • Barba debaixo da garganta, e unha guedella de pelos no peito, entre as patas dianteiras. Crina sobre o pescozo e os ombros, de cor branca amarelada apagada na base e escura nos extremos.
  • Cola longa, que case acada o chan, de cor negra na base e despois de cor branca pura, característica.
  • Coloración xeral parda escura, negra acibeche nos machos vellos coa pelaxe acabada de mudar.

Bioloxía

Hábitat e distribución

 src=
O Veld surafricano ao norte de Xohanesburgo (Highveld).
 src=
Grupo de ñus negros no Bushveld (veld arborado).

Hábitat

O ñu de cola branca vive en grandes praderías (veld aberto), sabanas arboradas con acacias, matogueiras do karoo ou en bosques claros, nas proximidades da auga. A súa mesta pelaxe permítelle acceder a zonas frías en zonas montañosas con altitudes que van desde os 1.350 aos 2.150 m sobre o nivel do mar.[3][6]

Distribución

Antigamente o ñu negro estaba amplamente distribuído por toda a meseta central de Suráfrica (antigas provincias do Cabo, Estado Libre de Oranxe, o sur de Transvaal e Natal).[4]

Na actualidade vive en Suráfrica, Suacilandia e Lesoto. A finais do século XIX, a excesiva caza reducira a súa poboación, anteriormente ampla, a tan só uns poucos individuos que sobrevivían en dúas granxas na provincia do Estado Libre de Oranxe en Suráfrica. Desde aquela, a protección por parte dos agricultores e das axencias de conservación permitiron que a especie se recuperara.[7]

Hoxe en día foi reintroducido en zonas da súa antiga área de distribución (Suazilandia occidental e Lesotho occidental) e en áreas de cultivo fóra da súa área de distribución natural (Namibia).[3]

Costumes

 src=
Ñus negros deitados no zoo de Madrid.
 src=
Ñu negro pastando.
 src=
Ñu negro correndo ao galope.
 src=
Ñu negro no zoo de Córdoba (España).

Os ñus de cola branca son animais gregarios que viven en pequenos rabaños de até 20 ou 30 cabezas. Antigamente formaban grandes mandas, asociados a cebras e avestruces. Os machos teñen un terriorio, polo menos durante algunhas épocas do ano,[4] que marcan coas secrecións das glándulas que teñen na cabeza, defendéndoo contra outros machos rivais.[5]

Son sedentarios, e non fan grandes migracións como o seu conxénere o ñu azul.[5]

Coas súas longas e delgadas patas poden correr a gran velocidade (até os 90 km/h), e son característicos os seus extraordinarios brincos.[4]

Os machos son agresivos, loitando entre si na época de celo.[4]

A súa voz é un sonoro bufido bradante. Disto deriva o seu nome, do khoisan t'gnou. Ás veces tamén emiten unha especie de son asubiante.[4]

Alimentación

Fitófago, aliméntase principalmente de herba, prefirindo as herbas curtas das praderías do Veld,[3] aínda que tamén come algunhas plantas suculentas e follas de arbustos do Karoo e outras matogueiras. A miúdo axeóllase mentres pace.[4]

Bebe regularmente,[4], aínda que pode pasar unha semana sen facelo.

Reprodución

As femias alcanzan a madurez sexual entre o ano e medio e os doua anos e medio de idade, e os machos aos tres anos.

Os machos dominantes non se emparellan máis que coas femias do seu harén, e defenden ferozmente o seu territorio contra os outros machos.

A xestación dura de 8 a 8,5 meses, ao cabo dos cales as femias paren unha cría (ás veces, dúas).[5]

Observouse que as femias dun mesmo grupo paren escalonadamente durante varios días, para así asegurar a supervivencia dos pequenos. A desteta prodúcese aos 4 meses, pero os tenreiros permanecen canda a nai durante un par de meses máis, ao cabo dos cales esta pode preñar de novo.[8]

A lonxevidade do ñu negro en catividade é de até os 20 anos.[5]

Inimigos

Os ñus de cola branca poden ser atacados ás veces por leóns, hienas, leopardos, guepardos, licaóns e crocodilos.[8] Pero a maioría das veces escapan correndo velozmente para fuxir dos seus depredadores. Ademais, non dubidan en trucar de sentirse ameazados.

Estado de conservación

O ñu de cola branca distribuíase historicamente ampla e abundantemente por toda a África austral, onde era unha especie endémica. Pero ao longo do século XIX, debido á caza, á destrución do seu hábitat e ás enfermidades, a súa poboación reduciuse drasticamente, de xeito que en 1900 estaba ao bordo da extinción. Porén, algúns dos espécimes que sobreviviron, que se mantiveran pechados en granxas e parques zoolóxicos, ceibáronse en áreas protexidas onde se multiplicaron tan ben que, en 1975, vivían xa de novo en Suráfrica uns 3.500 ñus de cola branca. A especie foi reintroducida con éxito en áreas privadas e reservas naturais de Lesoto, Suacilandia, Suráfrica e Namibia.[6]

Segundo a UICN, o status da especie, na actualidade (2014), é de LC (pouco preocupante).[6]

En catividade

O ñu de cola branca non é moi frecuente nos parques zoolóxicos. En Europa contan coa súa presenza tan só 15 parques, entre eles dous en España.[Cómpre referencia]

Notas

  1. IUCN SSC Antelope Specialist Group. "{{{taxon}}}". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza.
  2. 2,0 2,1 Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World,
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 von Richter, EWolfgamng (1974): Mammalian Species nº 50, pp. 1-6. PDF Arquivado 29 de novembro de 2014 en Wayback Machine. The Americamn Socuety of Mammalogists.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 Dorst, J. & Dandelot, P. (1973), pp. 234-235.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Haltenorth, T. & Diller, H. (1986). pp. 86-87.
  6. 6,0 6,1 6,2 Connochaetes gnou na Lista Vermella da IUCN. Versión 2014.2. Consultada o 16 de novembro de 2014.
  7. East, R. (1999): African Antelope Database 1999. Gland, Switzerland and Cambridge, UK: IUCN.
  8. 8,0 8,1 Connochaetes gnou en Ulimateungulate.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África, Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Groves, Colin & Peter Grubb (2011): 'Tribe Alcelaphini in Wallace, 1876 en Ungulate Taxonomy. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-1-4214-0093-8.
  • Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. London: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
  • Rodríguez de la Fuente, F. (1970): Enciclopedia Salvat de la fauna. Tomo I. África (Región etiópica). Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 55–72.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World — A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Baltimore, Maryland, USA: Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician

Ñu negro: Brief Summary ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

O ñu negro o ñu de cola branca, Connochaetes gnou, é unha especie de mamífero artiodáctilo ruminante da familia dos bóvidos, subfamilia dos alcelafinos e tribo dos alcelafininos.

É unha das dúas especies que compoñen o xénero Connochaetes, sendo de tamaño lixeiramente menor que a outra especie, o ñu azul (Connochaetes taurinus).

O ñu negro é un animal endémico da África austral, onde historicamente se distribuía ampla e abundantemente. Pero no século XIX, debido á caza, á destrución do seu hábitat e ás enfermidades, a súa poboación reduciuse extraordinariamente, de xeito que en 1900 a especie estaba ao bordo da extinción.

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician