dcsimg

Sitta villosa ( 加利西亞語 )

由wikipedia gl Galician提供

Sitta villosa, xeralmente chamado gabeador da China, é unha especie de ave da familia dos Sittidae, os gabeadores. É un gabeador de tamaño pequeno, que mide uns 11,5 cm de lonxitude. As súas partes superiores son grises azuladas, as inferiores son de cor rebezo agrisada apagada a laranxa-canela, coas meixelas brancas. Presenta un dimorfismo sexual marcado: o macho adulto distínguese polo seu píleo máis negro, o cal na femia é da mesma cor que o dorso, ou como máximo gris escuro cando a plumaxe está gastada. O canto é variable, composto de repeticións de pequenos asubíos invariables. A especie aliméntase principalmente de insectos en verán e completa a súa alimentación con sementes e froitos. O niño está situado xeralmente en alto nun oco no tronco dunha conífera. A parella cría unha rolada de crías por ano, cada unha de cinco ou seis pitiños.

Vive no centro da China e no norte do país ata Corea e o extremo sur de Rusia. Distínguense tres subespecies, chamadas: S. v. villosa, S. v. bangsi e S. v. corea, con áreas de distribución e coloracións lixeiramente distintas. Este gabeador é filoxeneticamente próximo a S. whiteheadi, que vive a miles de quilómetros de distancia, e estas dúas especies están estreitamente emparentadas con S. canadensis. A área de distribución deste paxaro é moi ampla e os seus efectivos non parecen estar declinando, polo que a Unión Internacional para a Conservación da Natureza considera o seu estado de conservación «pouco preocupante».

Descrición

Plumaxe e medidas

 src=
Debuxo que representa as principais características dun macho de S. villosa.

As partes superiores de S. villosa son grises azuladas, cun píleo de negro brillante a gris escuro; as partes inferiores son máis ben claras, e van da cor rebezo agrisada pálida á laranxa canela. A coloración varía bastante segundo o sexo, o gastadas que estean as plumas e a subespecie. A especie posúe un sobrecello branco marcado, e un trazo ocular negro máis ou menos definido. O peteiro é fino e bicudo, coa beira da mandíbula superior (o culme) recto, o que pode dar a impresión de que a punta do peteiro se dirixe cara arriba.[4] O peteiro é negro lousa, coa base da mandíbula inferior azul agrisada. O iris é de marrón a marrón escuro, e as patas e dedos son pálidos, de gris azulado a gris acastañado.[5]

Presenta un dimorfismo sexual bastante marcado: o macho ten un píleo moi negro e un trazo ocular negro fino que encadra un sobrecello branco contrastante, mentres que na femia o píleo case non é máis escuro que o resto das partes superiores da plumaxe fresca, aínda que se fai máis escuro cando as plumas se van gastando, primeiro pola fronte, para acabar máis o menos con tons de negro feluxe. O seu trazo ocular está tamén menos definido, é máis apagado, e o seu sobrecello é máis fino. A femia é en conxunto máis clara que o macho, e as escapulares son especialmente menos vivas, as plumas das ás están beireadas de castaño e as partes inferiores son máis escuras e menos coloreadas. O macho xuvenil ten un píleo menos negro que a máis escura das femias, mais sempre é menos negro e menos brillante que o do macho adulto; as súas partes inferiores son, ao contrario, máis escuras e máis coloreadas en cor canela. Na subespecie nominal, os xuvenís teñen tamén cor canela beireando as plumas das súas ás, mentres que as beiras das plumas dos adultos son xeralmente máis apagadas, tirando ao gris.[4] Na subespecie S. v. bangsi, os adultos teñen as beiras das plumas de cor canela, e son globalemente máis coloreados que a subespecie S. v. villosa, o macho ten as partes inferiores laranxa-canela e a femia rebezo-canela, apagadas. Porén, a finais do inverno, as dúas subespecies teñen coloracións máis claras e bastante similares.[5] A subespecie S. v. corea é a miúdo comparable á subespecie nominal, pero algo máis pálida, agrisada e pequena.[5][6]

En canto ás medidas, S. villosa é un pequeno gabeador que mide uns 11,5 cm de lonxitude.[4] En S. v. villosa, a á pregada mide de 63 a 70 mm no macho, e de 63 a 69 mm na femia. Na subespecie S. v. bangsi, as medidas son de 67 a 75 mm no macho e de 67 a 72 mm na femia. En S. v. villosa, a cola mide de 34 a 40 mm no macho e de 31 a 38 mm na femia; en S. v. bangsi, mide de 37 a 41 mm no macho e de 35 a 40 mm na femia. O peteiro mide de 14,5 a 18 mm e o tarso de 13,5 a 17 mm. O adulto pesa de 8 a 11 g, e 11,3 g de media nos xuvenís que chegan á madurez.[5]

Especies similares

Esta especie atópase nalgúns lugares en simpatría con S. europaea, mais distínguese dela pola seu menor tamaño, o seu sobrecello branco claramente aparente, o píleo negro no macho, e as partes inferiores relativamente uniformes, sen subcaudais nin flancos vermellos. No oeste da súa área de distribución, tamén se pode encontrar xunto con S. przewalskii, e ambas as dúas teñen as partes inferiores vivamente coloreadas de canela. Con todo, S. villosa distínguese doadamente polo seu trazo ocular negro, mentres que S. przewalskii ten as meixelas máis claras que contrastan co peito.[4] S. villosa é moi próxima filoxenetica e morfoloxicamente a S. whiteheadi, que é endémica da illa de Córsega e que normalmente ten as partes inferiores moito menos vivas; unha S. villosa coa plumaxe gastada ten as partes inferiores a penas un pouco máis de cor rebezo que un gabeador corso coa plumaxe fresca. As dúas especies están estreitamente emparentadas con S. canadensis, que en comparación ten as partes inferiores aínda máis vivas, cun trazo ocular máis marcado.[4]

Ecoloxía e comportamento

Voz

S. villosa emite o seu canto desde o cumio dos piñeiros e píceas. O ornitólogo británico Simon Harrap menciona tres tipos de chamadas básicas. A primeira é unha chamada áspera e prolongada que soa como un schraa, schraa, que lembra ao do gaio (Garrulus glandarius), e é similar a certas chamadas de S. whiteheadi, S. ledanti ou S. krueperi. Estas chamadas fanse illadamente ou en series irregulares espazadas de 0,3 a un segundo, cando o paxaro está axitado ou excitado. O segundo tipo de chamada consiste en gritos de contacto calmados, asubíos máis melódicos que forman series máis ou menos longas e máis ou menos regulares, que soan como un whip, whip whip, quip-quip-quip-quip, que se transforman ás veces nun quit, quit… renxente. O canto está composto deste tipo de notas, en número de cinco a trinta, cuxo volume aumenta na primeira parte do canto. Os pequenos asubíos ascendentes emítense igualmente ao ritmo de sete notas por segundo e durante de 1,5 a 2,25 segundos, ás veces introducidos por unha nota máis alta, formando tamén un tsi-pui-pui-pui-pui…. Este tipo de canto é variable, e pode facerse máis tintinante, de doce unidades por segundo, como un duiduiduidui…, igual ao que poden facer os S. canadensis, pero máis suave e máis agudo. O último tipo de chamada consiste en notas curtas e nasais, soando como quir, quir, producidas en longas series moi rápidas, ou de maneira irregular.[7]

Pode escoitarse o canto de S. villosa en xeno-canto.

Alimentación

 src=
Unha S. villosa cun insecto no peteiro.

No verán aliméntase case exclusivamente de insectos, e estes invertebrados son a única fonte de alimentación dos individuos novos. De abril a agosto, estudos feitos en China mostran que o 98,5 % da súa alimentación se compón de insectos como coleópteros, himenópteros, bolboretas, heterópteros, homópteros (áfidos e cicádidos), neurópteros e moscas. Come os insectos máis grandes termándoos coas patas e esnaquizándoos co peteiro; pode tamén capturar insectos en voo. Como outros gabeadores, garda reservas de alimentos.[8] En inverno, o réxime alimenticio deste gabeador comprende principalmente froitos secos, sementes e outros froitos das árbores. A especie forma a miúdo parte de bandadas mixtas de alimentación en inverno, cando se observa que vai en parellas.[7][8]

Reprodución

En Jilin, a estación reprodutora comeza en abril ou comezos de maio. Sitúan normalmente o niño nunha cavidade dunha conífera e bastante alto (a máis de 9 m do chan como media), pero poden igualmente construílo nun toco podre ou nun edificio vello. A entrada do niño ten uns 35 mm de diámetro, e non a cobre de barro, pero a especie enche as fisuras da parte interior con barro. Os dous proxenitores traballan na construción do niño durante sete ou oito días, facendo unha cunca con fibras vexetais, plumas e herbas. A posta consta de catro a nove ovos (normalmente cinco ou seis) brancos marcados de marrón avermellado que miden 15-17 × 12,5-13 mm. A femia choca ela soa os ovos, mentres que o macho a alimenta, e as crías saen do ovo despois de 15 a 17 días de incubación. Os dous pais participan na alimentación dos fillos e só crían unha rolada ao ano.[7]

Parasitos

O aracnólogo ruso Sergei V. Mironov describiu en 2011 un ácaro das plumas, o Pteroherpus surmachi, que era parasito de S. villosa.[9]

Distribución e hábitat

Esta especie vive no nordeste da China, en Corea, e no extremo sur de Rusia[6]. Foi atopada na illa rusa de Sakhalin, pero a súa presenza alí podería ser só como ave errática. En China, a súa distribución comenza ao oeste no leste de Qinghai, e esténdese cara ao leste, no sueste e o centro de Gansu, a maior parte de Shaanxi, Shanxi, o norte de Hebei, ata o concello de Pequín. Outra parte da súa área de distribución comeza no sur de Liaoning (en Liaodong), e esténdese polo sur de Jilin e de Heilongjiang ata o extremo sueste de Rusia no krai de Primorie. É rara nas dúas Coreas:[7] raramente aniña no norte de Corea do Norte e só chega como errática a Corea do Sur;[10] nesa península está estreitamente asociada aos bosque do piñeiro Pinus densiflora.[11] Na China, habita bosques de coníferas (Pinus, Picea), ás veces mesturados con carballos (Quercus) e bidueiros (Betula)[8].

Durante o verán de 2006, un grupo holandés participouu nunha expedición entomolóxica na que se observou casualmente unha parella de gabeadores aniñando no Altai, preto do punto onde se encontran as fronteiras da China, Casaquistán, Mongolia e Rusia (), nun bosque puro de lárices (Larix sp.), a 2 000 m de altura. Describiron un macho cun píleo negro, que a femia non tiña, e ambos tiñan un trazo ocular escuro e enriba un sobrecello branco. Aínda que S. europaea está presente na rexión, os observadores aseguran que o píleo negro do macho e o pequeno tamaño dos individuos exclúen un posible erro de identificación con esta especie eurasiática. A especie máis próxima xeograficamente que podería corresponder a esta descrición é S. villosa, que estaría entón lonxe da súa área de distribución coñecida (a 1&nbap;400 km), e que ten as partes inferiores máis de cor rebezo que os individuos observados. Esta observación podería indicar que a especie chinesa ten unha distribución moito máis ampla, ou ben podería ser que se tratase dunha especie aínda non descrita e emparentada con S. whiteheadi e S. villosa.[3] Por tanto, a identidade destes paxaros, que foron denominados «gabeadores do Altai», necesita de maiores investigacións.[12]

Taxonomía

Nomenclatura e subespecies

 src=
Debuxo de 1865 dunha S. villosa feito por Josephe Huët, que acompañaba a descrición orixinal da especie feita por Jules Verreaux.

S. villosa foi describiuna en 1865 o ornitólogo francés Jules Verreaux, baseándose en espécimes enviados desde Pequín polo misioneiro Armand David en 1862,[13][14], o cal a cita igualmente co nome de Sitta pekinensis en 1867.[15] Verreaux describiu a especie como próxima a Sitta canadensis pero cunha plumaxe longa e sedosa, e deulle por iso o nome de villosa, do latín «viloso, piloso». Na subdivisión en subxéneros do xénero Sitta, pouco utilizada, a especie S. villosa queda situada no subxénero Sitta (Micrositta) Buturlin, 1916.[16] Segundo o Congreso Ornitolóxico Internacional[17] hai tres subespecies:

O ornitólogo xaponés Toku Tarô Momiyama utilizou igualmente máis tarde o nome Sitta villosa yamashinai Momiyama, 1931, pero ese nome ao non estar asociado a ningunha descrición científica válida, é un nomen nudum.[19]

Filoxenia molecular

En 1998, Éric Pasquet estudou o xene do citocromo-b do ADN mitocondrial dunha decena de especies de gabeadores, incluíndo as diferentes especies do grupo de Sitta canadensis,[20] que el definiu como formado por seis especies, que son tamén as que ás veces son tratadas como pertencentes ao subxénero Micrositta:[16] canadensis, villosa, yunnanensis, whiteheadi, krueperi e ledanti. A especie S. yunnanensis non estaba incluída neste estudo. Pasquet concluíu que S. villosa está próxima filoxeneticamente a S. whiteheadi e S. canadensis, e estas tres especies forman o grupo irmán dun clado que agrupa a S. krueperi e S. ledanti. As tres primeiras especies estarían incluso dabondo próximas como para ser conespecíficas. Porén, para manter a estabilidade da taxonomía, todas conservan o seu estatuto de especie.[21] En 2014, Éric Pasquet et al. publicaron unha filoxenia baseada no ADN nuclear e mitocondrial de 21 especies de gabeadores e confirmaron as relacións do estudo de 1998 no seo do grupo canadensis, engadindo S. yunnanensis, que se considera a especie máis basal.[22]

As conclusións do estudo están de acordo coa morfoloxía das especies, así S. canadensis, S. whiteheadi e S. villosa comparten como característica derivada o píleo completamente negro presente só nos machos, trazo único entre os sítidos e familias emparentadas. O segundo clado, agrupa S. krueper e S. ledanti, que terían como sinapomorfía a parte dianteira do píleo negro nos machos, pero este dimorfismo sexual está ausente nos individuos novos.[20]

Bioxeografía

Unha vez establecida a filoxenia, Pasquet concluíu que a historia paleoxeográfica do grupo sería a seguinte: a diverxencia entre os dous clados principais do grupo canadensis parecer que tivo lugar hai uns cinco millóns de anos, a finais do Mioceno, cando o clado de krueperi e ledanti se instalou na cunca mediteránea no momento da crise salina messiniense; as dúas especies que o constitúen diverxeron hai uns 1,75 millóns de anos. O outro clado dividiuse á súa vez en tres e algunhas poboacións abandonaron Asia polo leste, dando orixe á S. canadensis americana, e despois polo oeste, hai un millón de anos, marcando a separación entre S. whiteheadi e S. villosa.[20]

Ameazas e protección

A área de distribución da especie estímase en 1 810 000 km2 segundo BirdLife International. Os efectivos totais da especie non se coñecen, pero na súa guía de paxaros de Asia oriental, Mark Brazil situou a especie na categoría de aves pouco frecuentes en China (correspondente a unha forquita de 100 a 10 000 parellas de paxaros maduros)[11][23] e estímase que son menos de 1 000 os individuos migradores en Corea.[23] As poboacións están posiblemente en declive debido á destrución do hábitat, pero a especie é considerada pola IUCN como en estado «pouco preocupante».[24] Un estudo de 2009 tratou de predicir o impacto que poderían ter os cambios climáticos na distribución de varias especies de gabeadores asiáticos, modelizando dous escenarios: o gabeador da China (S. villosa) podería ver reducida a súa área de distribución entre o 79,8 e o 80,4 % desde agora ás décadas de 2040 a 2069.[25]

Notas

  1. BirdLife International (2012). "{{{taxon}}}". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 29 de xaneiro de 2015.
  2. Harrap 1996, p. 46
  3. 3,0 3,1 Smit, John T.; Zeegers, Theo; van den Heuvel, Esther; Roels, Bas (2007). "Unidentified nuthatch in Siberian Altay in July 2006". Dutch Birding (en inglés) 29 (3).
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Harrap 1996, p. 140
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Harrap 1996, p. 142
  6. 6,0 6,1 6,2 Nazarenko, A.A. (2006). "Systematic notes on Asian birds. 64. The range of the Chinese Nuthatch Sitta villosa and an evaluation of subspecies validity". Zoologische mededelingen (en inglés) 80 (16): 265–271. ISSN 0024-0672. Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2012. Consultado o 22 de decembro de 2017.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Harrap 1996, p. 141
  8. 8,0 8,1 8,2 Simon Harrap, Josep del Hoyo, Andrew Elliott e David Christie (2008). Lynx Editions, ed. Handbook of the Birds of the World (capítulo: Family Sittidae (Nuthatches)) (en inglés). 13 (Penduline-tits to Shrikes). Barcelona. pp. 135–136. ISBN 978-84-96553-45-3.
  9. Mironov, Sergei V. (2011). "Pteroherpus surmachi sp. n., first record of the feather mite family Pteronyssidae (Acari: Analgoidea) from nuthatches (Passeriformes: Sittidae)" (PDF). Proceedings of the Zoological Institute RAS (en inglés) 315 (4): 452–460.
  10. Tomek, Teresa (2002). "The Birds of North Korea. Passeriformes" (PDF). Acta Zoologica Cracoviensia (en inglés) 46 (1): 1–235.
  11. 11,0 11,1 Brazil, Mark (2009). Christopher Helm, ed. Birds of East Asia (China, Taiwan, Korea, Japan, and Russia) (en inglés). pp. 390–391. ISBN 978-0-7136-7040-0.
  12. Vallotton, Laurent (outubro de 2015). "The Altai Nuthatch: a missing link?". Conference: 9th international meeting of bird curator (en inglés) (Darwin State Museum, Moscú). Consultado o 10 de xullo de 2017.
  13. Verreaux 1865, p. 78
  14. (en francés) David, Armand; Oustalet, Émile (1877). Les oiseaux de la Chine. p. 91.
  15. Alan P. Peterson. "Richmond Index images -- species group level names (species & subspecies)". zoonomen.net (en inglés). Consultado o 31 de marzo de 2014.
  16. 16,0 16,1 Matthysen, Erik (2010). A & C Black, ed. The Nuthatches (Appendix I: Scientific and Common Names of Nuthatches) (en inglés). David Quinn (ilustrador). pp. 269–270. ISBN 9781408128701.
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 17,4 COI
  18. Peters, James Lee (1967). Check-list of birds of the world (en inglés) XII. p. 137.
  19. Dickinson, E.C.; Loskot, V.M.; Morioka, H.; Somadikarta, S.; van den Elzen, R. (2006). "Systematic notes on Asian birds. 66. Types of the Sittidae and Certhiidae". Zoologische Verhandelingen, Leiden (en inglés) 80 (18): 287–310. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 22 de decembro de 2017.
  20. 20,0 20,1 20,2 Pasquet, Éric (1998). "Phylogeny of the nuthatches of the Sitta canadensis group and its evolutionary and biogeographic implications". Ibis (en inglés) 140 (1): 150–156. doi:10.1111/j.1474-919X.1998.tb04553.x.
  21. (en francés) Thibault, Jean-Claude; Seguin, Jean-François; Norris, Ken (2000). "Statut taxonomique et origine biogéographique". En Parc naturel régional de Corse. Plan de restauration de la sittelle corse (PDF). pp. 6–8. Consultado o 7 de febreiro de 2013.
  22. Pasquet, Éric; Barker, F. Keith; Martens, Jochen; Tillier, Annie; Cruaud, Corinne; Cibois, Alice (2014). "Evolution within the nuthatches (Sittidae: Aves, Passeriformes): molecular phylogeny, biogeography, and ecological perspectives". Journal of Ornithology (en inglés). doi:10.1007/s10336-014-1063-7.
  23. 23,0 23,1 BirdLife International (ed.). "Snowy-browed Nuthatch - BirdLife Species Factsheet" (en inglés). Consultado o 21 de marzo de 2014.
  24. UICN
  25. Menon, Shaily; Islam, M. Zafar-ul; Peterson, A. Townsend (2003). "Projected climate change effects on nuthatch distribution and diversity across Asia". The Raffles Bulletin of Zoology (en inglés) 57 (2): 569–575.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Verreaux, Jules (1865). "[Sitta villosa]". Nouvelles archives du Muséum d'histoire naturelle (en fr+la) 1: 75–78.
  • Harrap, Simon (1996). Christopher Helm, ed. Tits, Nuthatches and Treecreepers (en inglés). David Quinn (ilustrador). ISBN 0-7136-3964-4.

Referencias taxonómicas

許可
cc-by-sa-3.0
版權
Autores e editores de Wikipedia
原始內容
參訪來源
合作夥伴網站
wikipedia gl Galician

Sitta villosa: Brief Summary ( 加利西亞語 )

由wikipedia gl Galician提供

Sitta villosa, xeralmente chamado gabeador da China, é unha especie de ave da familia dos Sittidae, os gabeadores. É un gabeador de tamaño pequeno, que mide uns 11,5 cm de lonxitude. As súas partes superiores son grises azuladas, as inferiores son de cor rebezo agrisada apagada a laranxa-canela, coas meixelas brancas. Presenta un dimorfismo sexual marcado: o macho adulto distínguese polo seu píleo máis negro, o cal na femia é da mesma cor que o dorso, ou como máximo gris escuro cando a plumaxe está gastada. O canto é variable, composto de repeticións de pequenos asubíos invariables. A especie aliméntase principalmente de insectos en verán e completa a súa alimentación con sementes e froitos. O niño está situado xeralmente en alto nun oco no tronco dunha conífera. A parella cría unha rolada de crías por ano, cada unha de cinco ou seis pitiños.

Vive no centro da China e no norte do país ata Corea e o extremo sur de Rusia. Distínguense tres subespecies, chamadas: S. v. villosa, S. v. bangsi e S. v. corea, con áreas de distribución e coloracións lixeiramente distintas. Este gabeador é filoxeneticamente próximo a S. whiteheadi, que vive a miles de quilómetros de distancia, e estas dúas especies están estreitamente emparentadas con S. canadensis. A área de distribución deste paxaro é moi ampla e os seus efectivos non parecen estar declinando, polo que a Unión Internacional para a Conservación da Natureza considera o seu estado de conservación «pouco preocupante».

許可
cc-by-sa-3.0
版權
Autores e editores de Wikipedia
原始內容
參訪來源
合作夥伴網站
wikipedia gl Galician