Salmonella enterica (que ten o sinónimo heterotrópico Salmonella choleraesuis) é unha especie de bacterias con forma de bacilo, flaxeladas, anaerobias facultativas, gramnegativas, da familia das enterobacteriáceas. É unha das dúas especies do xénero Salmonella, xunto con S. bongori.[1] A especie comprende 6 subespecies divididas en serovares, entre as cales hai importantes patóxenos produtores de salmonelose e febre tifoide (non confundir co tifo).
Salmonella enterica está subdividida en 6 subespecies, e cada subespecie comprende varios serovares, que difiren na súa especificidade antixénica.[2] Coñécense uns 2.500 serovares de S. enterica.[3] Outra especie do xénero Salmonella, Salmonella bongori, adoitaba antes considerarse unha subespecie de S. enterica, pero actualmente ten a categoría de especie. A maioría dos serovares patoxénicos humanos de Salmonella pertencen á subespecie Salmonella enterica subsp. enterica. Entre os serogrupos desta subespecie están Salmonella Typhi, Salmonella Enteritidis, Salmonella Paratyphi, Salmonella Typhimurium, e Salmonella Choleraesuis. Os serovares escríbense con maiúscula e non en cursiva na nomenclatura actual, e pode escribirse o seu nome curto (como o indicado antes) ou o seu nome completo, que sería, por exemplo, "Salmonella enterica subsp. enterica, serovar Typhi."[4][5]
Na nomenclatura tradicional escribíase Salmonella typhi, Salmonella typhimurium etc., escribindo os serovares como especies.[6]
A maioría dos casos de salmonelose están causados por inxestión de comida contaminada con S. enterica. A bacteria infecta a miúdo a vacas e aves, pero tamén a outros animais domésticos [7][8] e aos humanos. Demostrouse tamén que as bolsas de po de aspiradora utilizadas nas casas poden actuar como reservorios, sobre todo se a persoa que usou a aspiradora estivo en contacto con fontes de infección, por exemplo ao traballar con gando ou nunha clínica veterinaria.
Os ovos de galiña e de ganso crus poden albergar S. enterica, inicialmente nas claras. Cando o ovo está uns días á temperatura dunha habitación, a membrana da xema do ovo empeza a romper e S. enterica pode pasar á xema. A refrixeración ou a conxelación non matan todas as bacterias, pero reducen substancialmente ou deteñen o seu crecemento. A pasteurización ou a irradiación dos alimentos matan as Salmonella e utilízanse para a comercialización de produtos que conteñen ovo cru como os xeados. Os alimentos preparados en casa que conteñen ovos crus, como a maionesa, pasteliños e galletas poden espallar a salmonela se non se cocen suficientemente.
As proteínas segregadas pola bacteria son moi importantes na patoxénese das infeccións por Salmonella enterica. As Salmonella teñen unha grande cantidade de adhesinas das fimbrias e non fimbriais, e interveñen na formación de biopelículas e no contacto coas células hóspedes. As proteínas segregadas están implicadas na invasión da célula hóspede e na proliferación intracelular.[9]
Salmonella enterica (que ten o sinónimo heterotrópico Salmonella choleraesuis) é unha especie de bacterias con forma de bacilo, flaxeladas, anaerobias facultativas, gramnegativas, da familia das enterobacteriáceas. É unha das dúas especies do xénero Salmonella, xunto con S. bongori. A especie comprende 6 subespecies divididas en serovares, entre as cales hai importantes patóxenos produtores de salmonelose e febre tifoide (non confundir co tifo).