A herba luísa[1] (Aloysia citriodora) é unha especie da familia Verbenaceae, que se caracteriza por un aroma que recorda o do limón. É orixinaria de Sudamérica, onde crece de forma silvestre.
Cultívase con profusión en xardíns de todo o mundo, mais o desenvolvemento da mesma require un clima soleado e húmido. Utilízase en gastronomía como especia e para preparar unha infusión dixestiva e refrescante.
Arbusto caducifolio, de entre 3 a 7 m de altura, con talos subleñosos ou leñosos na parte superior. Presenta follas verticiladas de até 7 cm, de forma lanceolada, apicada, coa marxe lisa ou dentada e o pecíolo moi curto, son de cor verde clara polo feixe, co envés marcado por glándulas oleosas ben visibles. Flores pequenas brancas ou branco-violáceas, agrupadas en espigas.
Florece no verán, formando inflorescencias en espigas laxas, de até 10 cm de longo, de cor pálida ou lila. O cáliz posúe dous labios laterais; a corola é acampanada, simpétala, cos lóbulos imbricados. O xineceo está formado por dous carpelos unidos. O froito é unha drupa que se divide en dúas núculas monoseminadas.
Nativa de Sudamérica, crece de forma silvestre nos países andinos desde Colombia até Chile e Arxentina; Paraguai, Uruguai, Bolivia, Perú, Brasil (Río Grande do Sur) e México, desde onde os conquistadores a introduciron en Europa no século XVII. En Europa pode cultivarse en rexións temperadas.
Utilízase habitualmente en xardíns como planta ornamental.
Prefire un clima cálido constante e exposición soleada, non resiste ben as xeadas, a temperaturas por debaixo de 0 °C perde as follas, aínda que a madeira é suficientemente dura como para soportar até -10 °C. Esixe un solo ben drenado, preferiblemente margoso, bastante fértil e húmido no verán.
Multiplícase por semente con facilidade; en climas máis frescos é posible reproducila mediante esgallos. É unha planta fitófila (agosta as plantas que crecen ao seu redor).
En herboristería as follas e talos da herba luísa son ricos nun aceite esencial, cuxo compoñente principal é o citral, responsable do seu cheiro, e que contén ademais limoneno, linalol, cineol, terpineol, e cariofileno, un aldehido sesquiterpénico ao que se lle atribúe acción eupéptica e espasmolítica.
Os extractos de Lippia citriodora son ricos en fenilpropanoides, especialmente verbascósido, que presentan actividade biolóxica como antioxidantes.[2]
A súa infusión —realizada con entre 5 e 20 g por litro— utilízase como dixestivo, carminativo e antiespasmódico, para casos de dispepsia ou dores de estómago. Consómese tamén como sedante lixeiro. Posúe unha importante cantidade de melatonina, substancia que se usa como relaxante natural e que favorece o soño nocturno.
Os elementos usados en infusión recóllense dúas veces ao ano, a finais da primavera e comezos do outono. Empréganse as follas tenras e as sumidades floridas.
As follas secas e picadas emprégase en prebes para darlle un arrecendo cítrico ás comidas. Elabórase con ela tamén un sorbete aromático.
A herba luísa é unha das sete herbas máxicas de San Xoán[3]. Era considerada unha herba especial para os amoríos. Tamén se asocia coas troulas e festas nocturnas.
Aloysia triphylla foi descrita por Antonio Palau y Verdera e publicado en Parte práctica de Botánica 1: 768. 1784.[4]
A herba luísa (Aloysia citriodora) é unha especie da familia Verbenaceae, que se caracteriza por un aroma que recorda o do limón. É orixinaria de Sudamérica, onde crece de forma silvestre.
Cultívase con profusión en xardíns de todo o mundo, mais o desenvolvemento da mesma require un clima soleado e húmido. Utilízase en gastronomía como especia e para preparar unha infusión dixestiva e refrescante.