A anxélica brava (Angelica sylvestris) é unha especie da familia das umbelíferas, nativa do oeste e norte de Europa, Laponia, Groenlandia, países escandinavos e Rusia. Aparece tamén nos Alpes, Pireneos, Apeninos e o Cáucaso.
De 1 a 2 m de altura. A súa raíz que é bianual, é moi carnosa, máis ben longa e grosa e ascende dela un talo groso, acanalado, fistuloso, ramificado e articulado, de cor purpúrea. As follas son grandes, pinnadas, con folíolos de bordos serrados, lanceolados-ovalados e agudos e con pecíolos envolventes. As flores son dunha cor amarela averdada e se dispoñen en grandes umbelas de 30 a 40 flores que, cando madurecen, convértense nunhas umbeliñas máis miúdas porén máis compactas.
Do grego anghelos, anxo, polas súas virtudes. Na zona do Val de Arán e en Le Couserans (Pireneos), os talos floridos pendurábanse do teito para afastar da casa os maos espíritos. A raíz usábase como amuleto polos xogadores. Considerouse un talismán para os cativos.[1]
Principios: Aceite esencial, ácido anxélico, resina, tanino, pectina. Na esencia identificouse: felandreno, furfurol, alcois metílico e etílico. As follas teñen un 1%. A densidade oscila do 0,8 al 0,9, sendo solúbel en tres volumes de alcol a 90°.[1]
Indicacións: é recendente, carminativo, emenagogo, antiespástico, anafrodisíaco.[1]
Pode provocar fotosensibilización e dermatite de contacto. A doses elevadas deprime o sistema nervioso central.
Úsanse a raíz e as sementes. Apáñase en setembro, de preferencia exemplares de solos secos, que teñen maior riqueza nos seus principios activos.[1]
Outros usos: as sementes esmagadas úsanse coma insecticida. Os talos queimados nas brasas, ceiban un fume recendente que disque provoca estados visionarios ao alentalo.[1]
Angelica sylvestris foi descrita por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 1: 251. 1753.[2]
Angelica: nome xenérico que deriva do latín para "angelical", en referencia ás propiedades medicinais da planta, que se di que foi revelada a un monxe por un anxo que lle dixo que era unha cura para unha praga.[3]
sylvestris: epíteto que significa "que medra bravo".[4]
Detalles da planta:
A anxélica brava (Angelica sylvestris) é unha especie da familia das umbelíferas, nativa do oeste e norte de Europa, Laponia, Groenlandia, países escandinavos e Rusia. Aparece tamén nos Alpes, Pireneos, Apeninos e o Cáucaso.