O curuxo[1] ou sollo[2] (Scophthalmus rhombus) é un peixe plano, esquerdo, da familia dos Scophthalmidae, semellante ó rodaballo pero de menor tamaño.
O nome de curuxo é propio da costa occidental de Galicia, desde Mugardos á Guarda, coas variantes caruxo, coruxo, curuxa e cruxo; pero na costa norte, desde Pontedeume a Ribadeo, recibe os nomes de sollo e, concretamente en Mera (Oleiros), solla[3]. Outros nomes que tamén lle dan son os de brisca, rascapedras, tapa, tapaconas e tapaconos.
Presenta un corpo case circular ou romboidal, alto coma o rodaballo, coa cara pigmentada esquerda. A cor é castaña clara, ás veces verdosa, con manchas escuras irregulares distribuídas por todo o corpo; a estas manchas escuras debe o nome que tamén recibe de rodaballo negro, en Bares. A cara ventral é branca ou de cor crema.
As aletas dorsal e ventral mostran os radios centrais máis longos ca nos extremos, aínda que non chegan a formar ángulo, cousa que si acontece no caso do rodaballo. É característico que os primeiros radios da aleta dorsal estean soltos (sen membrana interradial) e ramificados. Outra diferenza respecto ó rodaballo é a presenza de escamas, das que carece o rodaballo, e a ausencia deses tubérculos óseos típicos deste último[4].
Os ollos son grandes e separados. A boca, grande e oblicua, e a comisura supera o bordo posterior do ollo.
Vive sobre fondos areosos de profundidade media, de 2 a 100 metros. Péscase no Atlántico Norte, no mar Báltico e no Mediterráneo. A época de reprodución é entre abril e agosto, para o que ascenden a augas de 10-20 metros de profundidade, entrando no interior das rías.
Pode medir ata 80 centímetros de lonxitude e pesar ata 3 quilogramos, aínda que as medidas habituais oscilan entre os 30 e os 50 cm. O talle mínimo son 30 cm.
Péscase con artes de trasmallo, palangre e miños.
As capturas en Galicia ascenderon a 30.261 kg en 2010, por riba das cifras de 2009: 26.981 kg[5].
O curuxo ou sollo (Scophthalmus rhombus) é un peixe plano, esquerdo, da familia dos Scophthalmidae, semellante ó rodaballo pero de menor tamaño.
O nome de curuxo é propio da costa occidental de Galicia, desde Mugardos á Guarda, coas variantes caruxo, coruxo, curuxa e cruxo; pero na costa norte, desde Pontedeume a Ribadeo, recibe os nomes de sollo e, concretamente en Mera (Oleiros), solla. Outros nomes que tamén lle dan son os de brisca, rascapedras, tapa, tapaconas e tapaconos.