O peixe pau,[1][2] Molva dypterygia, tamén coñecida como maruca azul,[3] é un peixe osteíctio da orde dos gadiformes e familia dos lótidos, que vive nas costas do Atlántico norte.
Esta especie, descrita por Pennant en 1784 (como Gadus dypterygius), vive nas primeiras capas das augas profundas, polo que aínda é pouco coñecida. Ademais, é unha das numerosas especies de peixes cuxas poboacións parece que diminúen rapidamente desde que, na década dos anos 1970, os arrastreiros pescan nas zonas onde os reprodutores se reúnen para a posta.
Moitas veces o peixe pau é confundido cunha especie moi semellante, Molva macrophthalma, a maruca do Mediterráneo,[3] de xeito que nalgunhas estatísticas sobre pesca, e en moitos mercados, estas marucas aparecen indistintamente con un ou outro nome.[4]
Moi semellante á maruca, da que se diferenza pola forma do corpo, moito máis alongada, ademais pola mandíbula proxectada cara á adiante, superando ao maxilar superior.[5] Mide xeralmente de 70 a 110 cm de longo, pero a lonxitude máxima é de 155 cm.[6]
A cabeza é grande, así como os ollos, presentando unha única barbela no mento. Ten dúas aletas dorsais, a primeira pequena, triangular, e con de 10 a 12 raios; a segunda é longa, estendéndose desda a primeira até o pedúnculo caudal; a aleta anal é semellante á segunda dorsal, pero máis curta; as pectorais son estreitas e alongadas, e as pelvianas, situadas debaixo da cabeza, teñen o segundo raio máis longo que os outros. O corpo está cuberto de pequenas escamas e é de cor cobriza polo dorso, cos flancos de cor azul prateada e o ventre é abrancazado.[2]
Vive en augas profundas, entre os 350 e os 500 m, aínda que se ten atopado entre os 200 e os 1 000 m. Aliméntase de crustáceos e de peixes (gobios, peixes planos e outros),[2] e de diversos invertebrados bentónicos.
Alcanza a madurez sexual entre os 6 e os 12 anos de idade, reproducíndose de maio a xuño en fondos de 500 a 1 000 m.[2]
A súa área de distribución abarca gran parte do Atlántico norte, desde as costas do norte do Canadá (península do Labrador e a illa de Terranova, o sur de Groenlandia, Islandia o norte da península Escandinava e Rusia occidental, até as costas da península Ibérica, o norte de Marrocos e o Mediterráneo occidental, pasando polas cosas das illas Azores.[6][7]
En Galicia varios autores rexistraron a súa presenza, como de Buen, en 1932, citándoa como M. elongata (un sinónimo de M. macrophthalma) ou Lozano e Rey, que a cita en Pontevedra en 1960 como M. macrophthalma; Fernández et al. (1978, 1979) e Fariña et al. (1983), e como M. dypterygia, en toda a plataforma continental galega en fondos de máis de 200 m, desde a desembocadura do Miño até Ribadeo.[5]
O peixe pau, Molva dypterygia, tamén coñecida como maruca azul, é un peixe osteíctio da orde dos gadiformes e familia dos lótidos, que vive nas costas do Atlántico norte.
Esta especie, descrita por Pennant en 1784 (como Gadus dypterygius), vive nas primeiras capas das augas profundas, polo que aínda é pouco coñecida. Ademais, é unha das numerosas especies de peixes cuxas poboacións parece que diminúen rapidamente desde que, na década dos anos 1970, os arrastreiros pescan nas zonas onde os reprodutores se reúnen para a posta.
Moitas veces o peixe pau é confundido cunha especie moi semellante, Molva macrophthalma, a maruca do Mediterráneo, de xeito que nalgunhas estatísticas sobre pesca, e en moitos mercados, estas marucas aparecen indistintamente con un ou outro nome.