Tarsius dentatus é unha especie de mamífero primate haplorrino tarsiiforme da familia dos tarsíidos e xénero Tarsius,[2] coñecido na bibliografía internacional como tarsio dentado ou tarsio de Dian, endémica das selvas da illa Célebes.[1].
Antigamente foi coñecido como Trasius dianae.[1][2][3]
A especie foi descrita orixinariamente en 1921 polos zoólogos estadounidenses Gerrit Smith Miller, Jr e Ned Hollister, en Proc. Biol. Soc. Wash., 34: 103.[2]
En 1991 Niemitz, Nietsch, Warter e Rumpler caracterizaron unha suposta nova especie que foi denominada Tarsius dianae. Porén, en 1997, Shekelle e colaboradores propuxeron que T. dianae é un sinónimo de T. dentatus. Cómpren análises adicionais para determinar se son a mesma especie.
Tarsius dentatus coñécese tamén polo sinónimo Tarsius dianae.[1][2][3]
O nome específico, dentatus, deriva do adxectivo latino dentatus, -a, -um, "dentado", "que ten dentes", aludindo aos seus grandes incisivos.
Como todos os tarsios, é un animal de pequeno tamaño, órbitas moi grandes e ósos tarsianos moi alongados, coa cabeza arredondada cun fociño reducido e o pescozo curto.
Tarsius dentatus é máis grande que T. pumilus e de tamaño similar ao de T. tarsier, xa que ten unha lonxitude de cabeza e tronco de 11,5 ou 12 cm, e unha cola de 22 cm.
A cor da capa de Tarsius dentatus é parda agrisada, e a cola está espida a excepción dunha guedella de poucos pelo ao final. Pode identificarse pola presenza de pelos curtos, brancos, flanqueando o labio superior e no medio do labio inferior, e pode distinguirse de T. tarsier pola falta de pelaxe marrón nas cadeiras, coxas e xeonllos, e pola pigmentación máis escura na cola, dedos e uñas; e tamén ten unha banda negra máis visíbel na pel que rodea os ollos que T. tarsier.
As súas orellas son máis curtas e máis anchas que as de T. tarsier, e hai un parche sen pelo na base de cada orella.
As femias teñen dous pares de glándulas mamarias.[4][5]
A súa fórmula dentaria é 2/1:1:3:3. Os incisivos superiores e inferiores son grandes e puntiagudos (ao que alude o seu nome), e os caninos superiores son pequenos.[6]
O tarsio de Dian vive nos bosques húmidos primarios e secundarios sobre todo na provincia de Sulawesi central (Célebres Centro), Indonesia. A súa presenza está determinada en gran parte polas súas vocalizacións. A maioría dos espécimes viven na Reserva da Natureza de Morowali e no Parque Nacional de Lore Lindu. Estudos de campo revelan que a densidade de poboación da especie varía de 129 a 136 individuos por quilómetro cadrado.[7]
A altitudes de 500 a 1000 m, a densidade da poboación estímase en 180 individuos/km2, mentres que de 1000 a 1500 m, observáronse só 57 individuos/km2. A poboación tamén é aproximadamente dez veces más densa nos bosques secundarios que nos primarios.[8]
Vive en grupos de menos de 8 individuos compostos por un macho adulto e dunha a 3 femias adultas e as súas crías. De hábitos nocturnos, pasan o día durmindo nun agocho en lugares con follaxe denso, troncos caídos e cavidades de árbores, e pola noite saen a cazar e a comer. Antes do mencer, os tarsios adultos e subadultos realizan duetos vocais para fortaleceren a unión do grupo e sinalar os seus territorios.[9]
Aliméntase, como os outros tarsios, de insectos e outros pequenos animais. Porén, os hábitos alimentarios específicos de Tarsius dentatus aínda non foron ben estudados.[5]
Aínda que se cría que os tarsios eran monógamos, algúns estudos demostraron que os de Sulawesi exhiben facultativamente comportamentos de polixinia (unión dun macho con varias femias), e forman fortes lazos entre o macho e as femias. Os machos son máis territoriais que as femias, e teñen territorios máis amplos.[9]
Non se estudou aínda o comportamento reprodutivo de Tarsius dentatus. En xeral, as femias dos tarsios paren unha cría por ano tras un longo período de xestación. O ritmo de desenvolvemento fetal e posnatal dos tarsios é un dos máis lentos de todos os mamíferos. As crías son tamén proporcionalmente as máis grandes de todas as dos primates non antropoideos. A maior parte da súa masa componse da do cerebro, ollos e cranio. Esta achega de recursos para o cerebro conduce á rápida evolución dos comportamientos locomotores e de forraxeo.[5]
A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualifica o status de Tarsius dentatus como VU (vulnerable) debido á perda de polo menos un 30 % do seu hábitat nos últimos 20 anos (aproximadamente, 3 xeracións). Desde 1990 até o 2000, do 15 ao 26 % dos hábitats boscosos da illa convertéronse en terreos agrícolas, e desde entón perdeuse polo menos un 10 % adicional.[1]
Todo iso a pesar dos hábitos nocturnos da especie, da súa capacidade para adaptarse a hábitats modificados e a que viven en amplas zonas protexidas. Pero pese aos esforzos por preservar eses parques, a especie aínda está ameazada por destrución do hábitat e a caza polos seres humanos. Moitas comunidades agrarias cazan dentro do Parque Nacional de Lore Lindu e doutras áreas protexidas, e utilizan a madeira e as rozas como fonte de ingresos.[9]
"Asian Primates Classification" International Journal of Primatology 25 (1): 97-164. Resumo.
Tarsius dentatus é unha especie de mamífero primate haplorrino tarsiiforme da familia dos tarsíidos e xénero Tarsius, coñecido na bibliografía internacional como tarsio dentado ou tarsio de Dian, endémica das selvas da illa Célebes..
Antigamente foi coñecido como Trasius dianae.