dcsimg

Raphicerus sharpei ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

Raphicerus sharpei é unha especie de mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos, subfamilia dos antilopinos e tribo dos neotraguinos, pertencente ao xénero Raphicerus.[2][3][4][5]

Trátase dun antílope de pequeno tamaño, como todos os da tribo dos neotraguinos, (denominados antilopes ananos), tímido e solitario, amplamente distribuído polas sabanas da África oriental e meridional, desde Tanzania até Namibia e Suráfrica.

Taxonomía

Descrición

A especie foi definida en 1896 polo zoólogo británico Oldfield Thomas, en Proc. Zool. Soc. Lond., 1896: 796.[2]

Controversia taxonómica

A maioría dos autores consideran a Raphicerus sharpei como unha especie monotípica, é dicir, que non ten subespecies. Porén algúns consideran dentro dela a subespecie Raphicerus sharpei colonicus Thomas & Schwann, 1906, que, desde principios do século XXI, é considerada por outros, como Colin P. Groves, unha especie separada, denominada Raphicerus colonicus (Thomas & Schwann, 1906).[4][5][6]

Por outra parte, outros, como Haltenorth e Diller, considérana unha subespecie de Raphicerus melanotis, especie estreitamente relacionada que habita na rexión do Cabo Oriental,[7] e algúns considérana conespecífica con ela.[8]

Nomes vulgares

Na maioría dos idiomas modernos a especie coñécese como raficero de Sharpe ou grysbobok de Sharpe (coas particularidades propias de cada lingua).[9]

Características

Aparencia xeral

 src=
Raphicerus sharpei femia

Moi semellante ao raficero común ou steenbok (Raphicerus campestris), pero menor ca el, ten unha pelaxe híspida, de coloración parda avermellada, mesturada de branca, o que lle dá un aspecto agrisado, especialmente ao longo dos flancos (nalgúns individuos mesmo se ven manchas de pelo branco).
O fociño é pardo. Na cara presenta unha estreita raia superciliar branca. As orellas son grandes (como en todas as especies do xénero), pero menores que as do raficero do Cabo (Raphicerus melanotis) e as do raficero común, cubertas con pelos curtos. As partes inferiores son brancas.
Os cornos (só presentes nos machos) son moi curtos (de 4 a 5,5 cm), cónicos, erguéndose verticalmente sobre a fronte. As femias son similares aos machos (pero sen cornos).[9]

Dimensións

A lonxitude da cabeza e tronco varía entre os 65 e os 75 sm; a cola é moi curta, de 5 a 8 cm, e a alzada (altura na cruz) é duns 51 cm. O peso oscila entre os 7 e os 12 kg.[7][9]

Bioloxía

Hábitat e distribución

Habita principalmente en zonas de outeiros cerca dos kopjes rochosos con densos arbustos espiñentos e herba mesta.[9] A súa área de dispersión vai desde as zonas occidentais e meridionais de Tanzania, até nordeste de Suráfrica (provincias de Limpopo e Mpumalanga) e o sueste de Suacilandia, ocupando entre estes límites o sueste da República Democrática do Congo, Zambia (ao leste do río Zambeze), Malawi, Mozambique (agás nas rexións boscosas costeiras), o extremo nordeste de Botsuana, o leste da Franxa de Caprivi en Namibia e gran parte de Zimbabue.[8]

Alimentación

En gran parte da súa área de distribución (Zimbabue, Zambia e Tanzania) parece estar asociado co bosque de miombo (Brachystegia sp.), onde hai unha boa cobertura en forma de matogueiras de lento crecemento ou pastos con herbas de altura media.[8] Aínda que parece estar asociado con áreas de boa cobertura do solo, Wilson (1975) rexistrou que tamén se encontra en terreos onde predomina o mopane (Colophospermum mopane) con moi pouca cobertura, no Parque Nacional Hwange (antigamente, Wankie Game Reserve),[10] mentres que no Parque Nacional Chobe (Botsuana) víronse espécimes nunha meseta de area nun bosque aberto con céspede claro e cuberta de mato. Os raficeros de Shrape son predominantemente comdores de ramallos, alimentándose de de follas tenras e caules novos, pero tamén comen froitos e raíces, e pastan herba.[8] [9]

Costumes

Viven solitarios, agás durante a época de celo. Nas calorosas horas centrais do día refúxianse nas espesuras densas, ou entre as grandes rochas, mesmo en vellos tobos abandonados que escavaran os porcos formigueiros.[9]

Status

A especie non ten ameazas importantes, aínda que fou eliminada dalgunhas das partes da súa antiga área de distribución pola proliferación de asentamentos humanos e a destrución do seu hábitat, é a caza para carne. Pero os sus hábitos discretos permítenlle soportar ben a presión da caza.[11]

Debido a que é unha especie común, a que a súa presenza está xeneralizada e a que non hai ameazas importantes que dean lugar a unha diminución significativa da súa poboación, e pouco probábel que o status do raficero de Sharpe cambie a longo prazo se continúa estando ben representado en áreas protexidas e en terreos privados. A tendencia da súa poboación es xeralmente estábel en áreas protexidas e en granxas privadas, aínda que diminúe gradualmente noutros lugares a medida que a presión da caza aumenta co crecemento dos asentamentos humanos. Por tdos iso, a especie está actualmente cualificada pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza como LC (pouco preocupante).[1]

Notas

  1. 1,0 1,1 IUCN SSC Antelope Specialist Group (2016): Raphicerus sharpei na Lista vermella da UICN. Versión 2018-1. Consultada o 30 de outubro de 2018.
  2. 2,0 2,1 Raphicerus sharpei en MSW.
  3. Raphicerus sharpei Thomas, 1897 no ITIS.
  4. 4,0 4,1 Groves, Colin P. & Grubb, Peter 2011.
  5. 5,0 5,1 Groves, Colin P. et al. 2011, pp. 477-478.
  6. Raphicerus colonicus Thomas & Schwann, 1906 en Sistemática dos bóvidos (Stefan Hintsche, 2014), en stco.de
  7. 7,0 7,1 Haltenorth, T. & Diller, H. 1986, p. 53.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Hoffmann, M. and Wilson, V. J. (2013): "Raphicerus sharpei Sharpe's Grysbok". En: J. S. Kingdon and M. Hoffmann (eds), Mammals of Africa. Volume VI: Pigs, Hippopotamuses, Chevrotain, Giraffes, Deer and Bovids, London, UK: Bloomsbury Publishig. ISBN 978-1-4081-2257-0, pp. 308-310.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 Dorst, J. & Dandelot, P. 1973, p. 269.
  10. Wilson, V. J. (1975): Mammals of the Wankie National Park, Rhodesia. Salisbury: Trustees of the National Museums and Monuments of Rhodesia, nº 5.
  11. East, R., recompilador (1999): African Antelope Database 1998. Gland, Switzerland and Cambridge, UK. IUCN.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician

Raphicerus sharpei: Brief Summary ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

Raphicerus sharpei é unha especie de mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos, subfamilia dos antilopinos e tribo dos neotraguinos, pertencente ao xénero Raphicerus.

Trátase dun antílope de pequeno tamaño, como todos os da tribo dos neotraguinos, (denominados antilopes ananos), tímido e solitario, amplamente distribuído polas sabanas da África oriental e meridional, desde Tanzania até Namibia e Suráfrica.

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician