O peixiño de prata[Cómpre referencia] (Lepisma saccharina), tamén coñecido como lepisma ou coloquialmente como traza[Cómpre referencia] (denominación xenérica que abrangue diferentes grupos de insectos que se alimentan de tecidos, madeira ou papel), é unha especie de insecto tisanuro, orde hoxe reclasificada en dúas, das cales esta especie é Zygentoma, da familia Lepismatidae. É áxil e cunha forte fototaxia negativa (foxe da luz), o que dificulta a súa observación. O nome da especie deriva do brillo gris metálico do seu corpo. As lepismas viven de materias vexetais diversas, como mofo, o papel, o cartón[1] e os alimentos amilosos (con amidón), como a cola de encadernar libros ou o apresto para a roupa.
Pertence a un grupo moi antigo, os tisanuros, con restos fósiles de preto de 400 millóns de anos de antigüidade[2]. Os tisanuros son considerados os insectos verdadeiros de trazos máis primitivos, e carecen primariamente de ás (noutros insectos esta carencia é o resultado secundario da súa perda evolutiva).[3]
A lonxitude dun peixiño de prata, sen incluír as súas extremidades, é de entre varios milímetros e un centímetro[4]. O brillo metálico do seu corpo débese ás súas escamas prateadas, que aparecen despois da súa terceira muda. As ninfas das primeiras fases son abrancazadas. Presenta dúas longas antenas na cabeza e outros tres apéndices semellantes na parte posterior, un filamento caudal que é en realidade o décimo e derradeiro segmento do abdome e dous cercos.[5]
Dependendo das súas condicións de vida, un peixiño de prata require polo menos catro meses para chegar a adulto, e ás veces pode requirir máis de tres anos. Nunha temperatura ambiente, pode crecer nun ano. Pode vivir en calquera lugar ata unha idade de entre dous e oito anos. Muda aproximadamente oito veces ao longo da súa vida, pero por mor do seu constante crecemento, pode mudar máis de catro veces ao ano.
Vive en lugares húmidos e escuros, máis frecuentemente en edificios vellos, ou entre libros e papeis nas casas. Cando a temperatura está entre 25 °C e 30 °C, a femia pode depositar entre 60 e 100 ovos, preferiblemente en fendas[6]. É imposible para un peixiño de prata reproducirse nun ambiente frío e seco.
Os alimentos favoritos do peixiño de prata son os que conteñen amidón ou outros polisacáridos como a dextrina dos adhesivos empregados na encadernación de libros, a xelatina das fotografías ou a silicona.[7] Tamén o papel vello, o azucre, os cabelos, a caspa e a sucidade, ademais de substancias como o algodón, o liño, a seda e mesmo outros insectos mortos ou a súa propia exuvia (pel mudada). Conducido pola súa fame, a lepisma pode tamén comer roupa de pel e mesmo tecidos feitos con certas fibras artificiais. Con todo, como moitos insectos, é capaz de interromper a súa actividade vital durante varios meses sen sufrir dano apreciable.
É quen de dixerir a celulosa debido a que pode producir celulase, unha enzima que degrada a celulosa, cousa extremadamente rara nos animais. A maioría dos animais herbívoros, mesmo os insectos xilófagos (comedores de madeira) posúen microorganismos simbióticos no tubo dixestivo que realizan a dixestión. Só se coñecen dous animais capaces de producir celulasa: Lepisma saccharina e o molusco bivalvo Teredo navalis, que tradea madeira.[8]
Os peixiños de prata non copulan, senón que o macho produce un espermatóforo que adhire pendurando dun fío tensado suxeito desde algún obxecto vertical. Conduce a femia mediante manobras de cortexo a tropezar co espermatóforo. A femia recólleo cos seus cercos e lévao ata a abertura xenital, onde o introduce e se produce a fecundación.[9]
Un dos depredadores naturais do peixiñode prata é o insecto coñecido como cadela de frade (Forficula auricularia).
O peixiño de prata[Cómpre referencia] (Lepisma saccharina), tamén coñecido como lepisma ou coloquialmente como traza[Cómpre referencia] (denominación xenérica que abrangue diferentes grupos de insectos que se alimentan de tecidos, madeira ou papel), é unha especie de insecto tisanuro, orde hoxe reclasificada en dúas, das cales esta especie é Zygentoma, da familia Lepismatidae. É áxil e cunha forte fototaxia negativa (foxe da luz), o que dificulta a súa observación. O nome da especie deriva do brillo gris metálico do seu corpo. As lepismas viven de materias vexetais diversas, como mofo, o papel, o cartón e os alimentos amilosos (con amidón), como a cola de encadernar libros ou o apresto para a roupa.
Pertence a un grupo moi antigo, os tisanuros, con restos fósiles de preto de 400 millóns de anos de antigüidade. Os tisanuros son considerados os insectos verdadeiros de trazos máis primitivos, e carecen primariamente de ás (noutros insectos esta carencia é o resultado secundario da súa perda evolutiva).