dcsimg

Chlamydia ( galicia )

tarjonnut wikipedia gl Galician

Chlamydia é un xénero de bacterias que son parasitas intracelulares obrigadas. As infeccións por Chlamydia están entre as enfermidades bacterianas de transmisión sexual máis comúns en humanos, e son unha causa de cegueiras de orixe infecciosa en todo o mundo.[2]

Aínda que antes o xénero comprendía máis especies, en 1999 xa só se aceptaban tres especies de Chlamydia, que son: Chlamydia trachomatis (patóxeno humano), Chlamydia suis (afecta só a porcos), e Chlamydia muridarum (afecta só a ratos e hámsteres).[3] Outras especies que clasicamente se consideraban do xénero Chlamydia mais que despois foron cambiadas de xénero son C. pneumoniae, C. psittaci e C. pecorum. (a primeira, igual que C. trachomatis, transmítese de persoa a persoa, e as dúas últimas transmítense de animais a persoas). Porén, os cambios taxonómicos neste controvertido xénero fixeron que se revertesen algúns dos cambios realizados e que actualmente se acepten máis de dez especies.

Clasificación

Como as clamidias teñen un ciclo de vida único foron clasificadas taxonomicamente na súa propia orde,[4] chamado Chlamydiales, e pertencen á familia Chlamydiaceae. Na familia Chlamydiaceae houbo importantes cambios taxonómicos en 1999 (ver máis adiante). En 2008 propúxose a introdución na familia dun novo axente clamidial, ao que se lle chamou Candidatus Clavochlamydia salmonicola.[3]

Cambios taxonómicos

Chlamydia é un taxon xenérico acuñado en 1945 por Jones et al., que tiña a Chlamydia trachomatis como especie tipo. [2].

Clasicamente (desde 1971 ata 1999) aceptábanse catro especies dentro do xénero Chlamydia (segundo a clasificación de Stolz e Page), que eran:

  1. Chlamydia trachomatis (Busacca 1935) Rake, 1957, cepa tipo: ATCC VR-571.;
  2. Chlamydia pneumoniae;
  3. Chlamydia pecorum; e
  4. Chlamydia psittaci (Lillie 1930) Page, 1968, cepa tipo: ATCC VR-125.

En 1999, Everett, Bush e Andersen presentaron unha nova proposta para a clasificación das Chlamydiaceae na que se facían cambios de xénero dalgunhas especies.[5][6] Como resultado da proposta foron validadas cinco novas especies, mentres que C. pneumoniae, C. pecorum e C. psittaci foron trasladadas a un novo xénero: Chlamydophila. A nova clasificación presentouse así:

  • A familia Chlamydiaceae, clasicamente formada por un só xénero (Chlamydia), agora estaría dividida en dous xéneros: Chlamydia e Chlamydophila gen. nov.
  • Chlamydophila diferénciase de Chlamydia na súa secuencia xenética e proteica, non produce glicóxeno detectable e ten un só operón ribosomal, mentres que Chlamydia posúe dous.
  • Créanse dúas especies novas: Chlamydia muridarum sp. nov. e Chlamydia suis sp. nov., que comparten o xénero Chlamydia con Chlamydia trachomatis, que só tería estas tres especies.
  • Chlamydophila gen. nov. é o xénero de nova creación, que asimila asimila as especies Chlamydia pecorum, Chlamydia pneumoniae e Chlamydia psittaci, que deixan de ser do xénero Chlamydia para converterse en Chlamydophila pecorum comb. nov., Chlamydophila pneumoniae comb. nov. e Chlamydophila psittaci comb. nov.
  • Derívanse tres novas especies a partir de Chlamydia psittaci, que se encadran no xénero Chlamydophila, que son: Chlamydophila abortus gen. nov., sp. nov., Chlamydophila caviae gen. nov., sp. nov. e Chlamydophila felis gen. nov., sp. nov.

A nova clasificación de Everett et al. está baseada en criterios fenotípicos, morfolóxicos e xenéticos limitados (porque por exemplo, non considera as recentes análises do operón ribosomal), e tivo a oposición de moitos investigadores de clamidias, a maioría non taxonomistas, que publicaron as súas obxeccións en 2001[7], as cales foron respondidas por Everett et al[8][9]. As principais obxeccións baséanse no seguinte: non hai suficientes razóns para dividir a primitiva familia Chlamydiaceae en dous novos xéneros; os médicos clínicos están acostumados á clasificación actual e o cambio pode producir confusión; fíxose demasiado énfase no estudo de secuencias nucleotídicas curtas e tívose pouca e insuficiente consideración de características biolóxicas básicas.

Porén, en palabras de Michael Ward «a nova clasificación de Everett et al. foi apropiadamente revisada e aprobada por autoridades taxonómicas internacionais e debería prevalecer ata ser superada por novos coñecementos e un sistema máis efectivo. Isto é así porque incorpora investigacións moleculares recentes e as perspectivas actuais da evolución microbiana» [3]. Pero a polémica continuou, porque algunhas análises xenómicas recentes parecen apoiar a clasificación das clamidiáceas nun só xénero, Chlamydia,[10] polo que a cuestión podía volverse a revisar.[11] De feito, a reversión foi finalmente aceptada pola comunidade científica,[12][13] polo que o número de especies (válidas) de Chlamydia subiu a 9. Posteriormente illáronse moitas especies probables, pero non chegaron a ser nomeadas. En 2013 engadiuse unha 10ª especie, Ch. ibidis, coñecida só en ibis sagrados que vivían silvestres en Francia.[14] Engadíronse dúas especies máis en 2014 (validadas en 2015): Ch. avium, que infecta pombas e papagaios, e Ch. gallinacea, que infecta galiñas, galiñas de Guinea e pavos.[15] En 2015 engadiuse á lista Ch. abortus e as especies reclasificadas do xénero Chlamydophila.[16] Varias especies novas foron clasificadas orixinalmente como cepas aberrantes de Ch. psittaci[15]

Características

Chlamydia é un grupo de bacterias de pequeno tamaño comparadas con outras bacterias. As especies de Chlamydia teñen xenomas dun tamaño de aproximadamente 1 a 1,3 megabases.[17] Forman cocos agrupados en cadeas, e teñen un ciclo replicativo intracelular que as converte en parasitos intracelulares obrigados de vertebrados, xa que non posúen toda a maquinaria necesaria para a súa replicación autónoma. A súa parede celular é gramnegativa (con membrana externa), pero o peptidoglicano está ausente ou é case imperceptible (a pesar de teren xenes para a súa síntese). Os principais antíxenos das clamidias están presentes na membrana externa, a cal contén o lipopolisacárido (LPS), a proteína maior da membrana externa (MOMP, do inglés "Major Outer Membrane Protein") e outras dúas proteínas ricas en cisteína: unha proteína de envoltura (62kD) e unha lipoproteína (12kD). A MOMP e o LPS son os compoñentes antixénicos máis importantes.

Como son parasitos intracelulares obrigados evitan a miúdo a acción do sistema inmunitario. Tamén por esa razón non poden cultivarse nos medios microbiolóxicos habituais, e hai que facelo en cultivos celulares. O crecemento intracelular permite ás clamidias producir unha infección crónica, evitando a apoptose da célula á que infecta, que é a causa de moitas das enfermidades que producen.

Chlamydia pode encontrarse en dúas formas: forma de corpo ou corpúsculo elemental e forma de corpo ou corpúsculo reticulado.

O corpo elemental é a partícula infecciosa non replicante que se libera cando a célula infectada rompe. Do corpo elemental depende a capacidade da bacteria de transmitirse dunha persoa a outra. Esta forma é análoga a unha espora. O corpo elemental pode medir de 0,25 a 0,3 μm de diámetro, e fórmao fundamentalmente a especie C. trachomatis (e tamén as especies que antes se consideraban Chlamydia, C. pneumoniae e C. psittaci, hoxe noutro xénero). Esta forma está cuberta por unha parede celular ríxida e contén un xenoma de ADN cun peso molecular de 66 × 107 Da (cuns 600 xenes, o que é só unha cuarta parte da información xenética dunha bacteria típica como Escherichia coli). Contén tamén un plásmido de ADN críptico de 7.498 pares de bases. O xenoma contén un marco de lectura aberto (ORF) para un xene implicado na replicación do ADN. Ademais, o corpo elemental contén unha ARN polimerase responsable da transcrición do xenoma de ADN unha vez que a bacteria entra no citoplasma da célula hóspede e inicia o seu ciclo de crecemento. Tamén presenta ribosomas e subunidades ribosómicas. O corpo elemental induce a súa propia endocitose cando encontra as súas células diana. Estímase que nun fagolisosoma da célula xeralmente hai de 100 a 1000 corpos elementais.

Chlamydia tamén pode adoptar a forma de corpo reticulado, o cal é sempre unha forma intracitoplasmática, moi implicada no proceso de replicación e crecemento da bacteria. O corpo reticulado é lixeiramente maior ca o elemental e pode chegar a 0,6 μm de diámetro cun mínimo de 0,5 μm. Non presenta parede celular. Cando se tinguen con iodo, os corpos reticulados parecen inclusións dentro da célula. No corpo reticulado retéñense o xenoma de ADN, proteínas, e ribosomas. Aparece nun determinado momento do ciclo de desenvolvemento da bacteria. O corpo reticulado é basicamente a estrutura na cal se transcribe o xenoma clamidial a ARN, se sintetizan as proteínas, e se replica o ADN. O corpo reticulado divídese por fisión binaria para formar partículas que, unha vez sintetizada a parede celular, desenvólvense orixinando unha proxenie de novos corpos elementais infecciosos. A fisión dura unhas 3 horas e o período de incubación pode ser de ata 21 días. Despois da división, o corpo reticulado transfórmase de novo en corpo elemental e é liberado da célula por exocitose.[4]

Estudos realizados sobre o ciclo de crecemento de C. trachomatis (e da antiga C. psittaci, hoxe noutro xénero) en cultivos celulares in vitro indican que os corpos elementais se desenvolven en corpos reticulados non infecciosos dentro dun vacúolo citoplasmático da célula infectada. Despois de que entra o corpo elemental na célula, ten lugar unha fase de eclipse de 20 horas ata que a partícula infecciosa se transforma en corpo reticulado. A produción de corpos elementais clamidiais é máxima de 36 a 50 horas despois da infección.

Patoloxía

O ser humano é afectado pola especie Chlamydia trachomatis, que produce diversas patoloxías[18] no ser humano como:

  • Infeccións oculares como o tracoma e paratracoma (poden orixinar cegueira), conxuntivite neonatal, pneumonía intersticial do lactante.
  • Infeccións xenitais ou enfermidades de transmisión sexual, como as uretrites non gonocócicas e o linfogranuloma venéreo. A infección por clamidias é unha das infeccións de transmisión sexual máis comúns.
  • Artrite reactiva, enfermidade autoinmune que pode persistir aínda despois de eliminada a clamidia.

A infección xenital pode ser asintomática en mulleres, pero causar danos no seu aparato xenital con complicacións futuras na súa fertilidade por causar inflamacións do cérvix uterino chamadas cervicites, ou a Enfermidade Inflamatoria Pélvica ou EPI que é causa de abortos e esterilidade. Ademais a muller pode contaxiala sen saber sequera que estaba infectada. Se está embarazada pode ter un bebé prematuro, o bebé pode infectarse e ter conxuntivites ou problemas respiratorios.

Outras especies infecciosas que afectan a humanos que tradicionalmente se consideraban Chlamydias (hoxe están clasificadas noutro xénero) son: C. psitacci, que orixina a psitacose transmitida por aves (causa febre, calafríos e ás veces pneumonía), e C. pneumoniae, que orixina no 90% dos casos infeccións subclínicas e pode producir farinxite, otite media, pneumonía atípica e parece que contribúe á formación de placas ateroescleróticas.

Tratamento

As clamidias son sensibles aos antibióticos que inhiben a síntese proteica como as tetraciclinas e os macrólidos. Por exemplo, pode utilizarse azitromicina e doxiciclina. Ante calquera síntoma ou sospeita deberíase acudir a un centro de saúde para ser avaliado por un especialista. As mulleres embarazadas poden realizar probas para detectar a presenza de clamidias na primeira fase do embarazo.

Probas clínicas

Xeralmente as infeccións clamidiais[19] son asintomáticas. Existen diversas probas para comprobar se houbo transmisión de clamidias nunha relación sexual.

As Chlamydia poden detectarse en probas con cultivos celulares ou sen cultivos celulares. As principais probas que non utilizan cultivos celulares son: Proba de Anticorpo Monoclonal Fluorescente, ELISA, sondas de ADN, probas de Chlamydia rápidas e as probas de leucocito esterase. O primeiro tipo de probas pode detectar a proteína da membrana externa principal (MOMP), e o segundo tipo detecta un produto coloreado convertido por un encima unido ao anticorpo. As probas de Chlamydia rápidas utilizan anticorpos contra a MOMP, a proba da leucocito esterase detecta nos ouriños encimas producidos polos leucocitos que conteñen a bacteria.[4]

Notas

  1. J.P. Euzéby. "Chlamydia". List of Prokaryotic names with Standing in Nomenclature. Arquivado dende o orixinal o 23-03-2008. Consultado o 17-05-2013.
  2. Ryan KJ, Ray CG (editors) (2004). Sherris Medical Microbiology (4th ed. ed.). McGraw Hill. pp. 463–70. ISBN 0-8385-8529-9.
  3. 3,0 3,1 3,2 "Chlamydial taxonomy since 1999". Arquivado dende o orixinal o 23 de maio de 2013. Consultado o 17 maio 2013.
  4. 4,0 4,1 4,2 "Chlamydia trachomatis". Arquivado dende o orixinal o 02 de xullo de 2010.
  5. Bush RM & Everett KDE (2001). Molecular evolution of the Chlamydiaceae. Int. J. Syst. Evol. Microbiol. 51:203-220. (PDF Arquivado 10 de xuño de 2010 en Wayback Machine.)
  6. Everett KDE, Bush RM & Andersen AA (1999). Emended description of the order Chlamydiales, proposal of Parachlamydiaceae fam. nov. and Simkaniaceae fam. nov., each containing one monotypic genus, revised taxonomy of the family Chlamydiaceae, including a new genus and five new species, and standards for the identification of organisms. International Journal of Systematic and Evolutionary Microbiology, (2)49:415-440. (PDF Arquivado 10 de xuño de 2010 en Wayback Machine.). PMID 10319462.
  7. Schachter J, Stephens RS, Timms P, Kuo C, Bavoil PM, Birkelund S, Boman J, Caldwell H, Campbell LA, Chernesky M, Christiansen G, Clarke IN, Gaydos C, Grayston JT, Hackstadt T, Hsia R, Kaltenboeck B, Leinonnen M, Ocjius D, McClarty G, Orfila J, Peeling R, Puolakkainen M, Quinn T, Rank RG, Raulston J, Ridgeway GL, Saikku P, Stamm WE, Taylor-Robinson D, Wang SP & Wyrick PB (2001). Radical changes to chlamydial taxonomy are not necessary just yet. International Journal of Systematic and Evolutionary Microbiology, 51, 249. IJSEM Arquivado 16 de outubro de 2011 en Wayback Machine. PMID 11211265.
  8. Everett KDE & Andersen AA (2001). Radical changes to chlamydial taxonomy are not necessary just yet - reply. International Journal of Systematic and Evolutionary Microbiology, 51, 250. [1] Arquivado 16 de outubro de 2011 en Wayback Machine.
  9. "Everett-Andersen reclassification". Arquivado dende o orixinal o 19 de febreiro de 2015. Consultado o 17 de maio de 2013.
  10. Stephens RS, Myers G, Eppinger M, Bavoil PM (2009). "Divergence without difference: phylogenetics and taxonomy of Chlamydia resolved". FEMS Immunol. Med. Microbiol. 55 (2): 115–9. PMID 19281563. doi:10.1111/j.1574-695X.2008.00516.x.
  11. "Chlamydia/Chlamydophila group". NCBI taxonomy database. National Center for Biotechnology Information, U.S. National Library of Medicine. Consultado o 2013-03-26. Dada a natureza contenciosa do asunto, a Base de Datos Taxonómica do NCBI mantén o nome dos dous xéneros para o uso dos que envíen traballos.
  12. Greub, Gilbert (1 de novembro de 2010). "International Committee on Systematics of Prokaryotes Subcommittee on the taxonomy of the Chlamydiae Minutes of the inaugural closed meeting, 21 de marzo de 2009, Little Rock, AR, USA". International Journal of Systematic and Evolutionary Microbiology 60 (11): 2691–2693. PMID 21048221. doi:10.1099/ijs.0.028225-0.
  13. Balsamo, G; et al. (2017). "Compendium of measures to control Chlamydia psittaci infection among humans (psittacosis) and pet birds (avian chlamydiosis), 2017" (PDF). J Avian Med Surg 31 (3): 262–282. PMID 28891690. doi:10.1647/217-265.
  14. Vorimore, Fabien; Hsia, Ru-ching; Huot-Creasy, Heather; Bastian, Suzanne; Deruyter, Lucie; Passet, Anne; Sachse, Konrad; Bavoil, Patrik; Myers, Garry; Laroucau, Karine (20 de setembro de 2013). "Isolation of a New Chlamydia species from the Feral Sacred Ibis (Threskiornis aethiopicus)- Chlamydia ibidis". PLoS ONE. 8 (9). e74823. Bibcode:2013PLoSO...874823V. doi:10.1371/journal.pone.0074823. PMC 3779242. PMID 24073223.
  15. 15,0 15,1 Joseph, SJ; et al. (2015), "Chlamydiaceae genomics reveals interspecies admixture and the recent evolution of Chlamydia abortus infecting lower mammalian species and humans", Genome Biol Evol, 7 (11): 3070–3084, doi:10.1093/gbe/evv201, PMC 4994753, PMID 26507799.
  16. Parte, A.C. "Chlamydia". www.bacterio.net.
  17. "EMBL bacterial genomes". Consultado o 17-05-2013.
  18. Ausina Ruiz V & Sabrià Leal M (2000). Infecciones causadas por clamidias. En Farreras Valentí P & Rozman C: Medicina Interna, (2)303:2694-2699, 14a. ed. Madrid: Harcourt.
  19. "Chlamydia protection". Consultado o 17-05-2013.

Véxase tamén

  • Ward, Michael: www.chlamydiae.com Sitio referencial e educativo dedicado a Chlamydia, Escola de Medicina, Universidade de Southampton, Inglaterra, 2002-2004
  • lisenssi
    cc-by-sa-3.0
    tekijänoikeus
    Autores e editores de Wikipedia
    alkuperäinen
    käy lähteessä
    kumppanisivusto
    wikipedia gl Galician

    Chlamydia: Brief Summary ( galicia )

    tarjonnut wikipedia gl Galician

    Chlamydia é un xénero de bacterias que son parasitas intracelulares obrigadas. As infeccións por Chlamydia están entre as enfermidades bacterianas de transmisión sexual máis comúns en humanos, e son unha causa de cegueiras de orixe infecciosa en todo o mundo.

    Aínda que antes o xénero comprendía máis especies, en 1999 xa só se aceptaban tres especies de Chlamydia, que son: Chlamydia trachomatis (patóxeno humano), Chlamydia suis (afecta só a porcos), e Chlamydia muridarum (afecta só a ratos e hámsteres). Outras especies que clasicamente se consideraban do xénero Chlamydia mais que despois foron cambiadas de xénero son C. pneumoniae, C. psittaci e C. pecorum. (a primeira, igual que C. trachomatis, transmítese de persoa a persoa, e as dúas últimas transmítense de animais a persoas). Porén, os cambios taxonómicos neste controvertido xénero fixeron que se revertesen algúns dos cambios realizados e que actualmente se acepten máis de dez especies.

    lisenssi
    cc-by-sa-3.0
    tekijänoikeus
    Autores e editores de Wikipedia
    alkuperäinen
    käy lähteessä
    kumppanisivusto
    wikipedia gl Galician

    Chlamydophila ( galicia )

    tarjonnut wikipedia gl Galician

    Chlamydophila é un xénero de bacterias pertencente á familia Chlamydiaceae,[2] orde Chlamydiales, clase/filo Chlamydiae. As especies deste novo xénero estaban antes clasificadas no xénero Chlamydia. O establecemento deste xénero foi controvertido no seu momento e seguiu séndoo, ata que en 2015 se volveu a integrar o xénero de novo dentro de Chlamydia.

    Taxonomía

    O xénero Chlamydophila foi recoñecido en 1999,[3] e creado con seis especies que antes pertencían ao xénero Chlamydia (o cal quedou así só con tres especies). Todas as Chlamydiae son bacterias anaerobias cun ciclo de vida cun desenvolvemento en dúas fases que depende do seu crecemento intracelular obrigado en células hóspede eucarióticas.

    Antes de 1999 o criterio para distinguir as especies de clamidias non era excluínte. Por exemplo, naquel momento o xénero Chlamydia era igual á familia Chlamydiaceae, xa que todas as especies estaban clasificadas nese xénero; C. psittaci distinguíase de C. trachomatis pola súa resistencia á sulfadiacina, aínda que non todas as C. psittaci eran resistentes; C. pneumoniae clasificábase pola súa aparencia vista con microscopio electrónico e a súa capacidade de infectar aos humanos, aínda que o aspecto visto ao microscopio electrónico difería dun grupo de investigación a outro, e todas estas especies infectaban aos humanos.

    A taxonomía sistemática establecida para as Chlamydiae en 1999 utiliza os criterios postos ao día e imperantes actualmente na clasificación das bacterias, como a reasociación ADN-ADN, semellanza nos xenes dos ARNr 16S e 23S, agrupamento con semellanza de secuencia de xenes codificantes de proteínas, e tamaño do xenoma. Tamén se empregan criterios de complementarios, como a detección de antíxenos,[4] tinguidura do glicóxeno, asociación co hóspede, e morfoloxía vista con microscopio electrónico, dependendo da súa aplicabilidae e dispoñibilidade. En 1999, moitas cepas de Chlamydia foron reorganizadas e asignadas ao xénero novo Chlamydophila.

    As análises de xenómica comparativa identificaron grande cantidade de proteínas sinatura que só están presentes en especies do xénero Chlamydia ou Chlamydophila, o que apoia a distinción destes xéneros.[5] Con todo, esta visión foi posta en dúbida por unha análise de xenoma completo máis recente, que fixo que algúns autores propuxeran volver a "reunificar as Chlamydiaceae nun só xénero, Chlamydia".[6] Esta controversia na nomenclatura continuou durante varios anos.[7] Finalmente, en 2015 a inclusión das especies do xénero Chlamydophila de novo no xénero Chlamydia foi aceptada de forma xeral.[8] [9][10] [11]

    Diferenciación de Chlamydophila

    A semellanza na reasociación ADN-ADN media que distingue Chlamydophila de Chlamydia é 10,1% (95% intervalo de confianza = 6,8 a 13,5), o que se considera un vaor aceptable para separar os dous xéneros.

    A diverxencia entre Chlamydophila e Chlamydia indícase pola agrupación con semellanza de secuencia de xenes de proteínas codificadas e de ARN ribosómico. As secuencias dos xenes de ARNr 16SA de Chlamydophila e Chlamydia son idénticos en aproximadamente un 95%. Porén, o 95% non é un punto de corte para separar as Chlamydiaceae, senón só unha guía para establecer novos xéneros dentro das familias das clamidias. Os xenes de ARNr 23S de lonxitude completa de Chlamydophila e Chlamydia son idénticos en menos do 95%.

    Algúns criterios moleculares para distinguir os xéneros das Chlamydiaceae Xénero Tamaño do xenoma aproximado
    (millóns de pares de bases de ADN) Glicóxeno detectable Número de operóns ribosómicos Chlamydophila 1,2 Non 1 Chlamydia 1,0 Si 2

    Especies

    Son características específicas de especie tipicamente a morfoloxía vista con microscopio electrónico, resistencia a antibióticos, e plásmidos extracromosómicos.

    Chlamydophila comprendía as seguintes especies:

    Notas

    1. J.P. Euzéby. "Chlamydophila". List of Prokaryotic names with Standing in Nomenclature. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2011. Consultado o 2011-06-11.
    2. MeshName - Chlamydophila
    3. Everett KD, Bush RM, Andersen AA (1999). "Emended description of the order Chlamydiales, proposal of Parachlamydiaceae fam. nov. and Simkaniaceae fam. nov., each containing one monotypic genus, revised taxonomy of the family Chlamydiaceae, including a new genus and five new species, and standards for the identification of organisms". Int. J. Syst. Bacteriol. 49 (2): 415–40. PMID 10319462. doi:10.1099/00207713-49-2-415.
    4. Everett, K D; Bush, R M (2001-01-01). "Molecular evolution of the Chlamydiaceae.". International Journal of Systematic and Evolutionary Microbiology (en inglés) 51 (1): 203–220. ISSN 1466-5026. doi:10.1099/00207713-51-1-203.
    5. Griffiths E, Ventresca MS, Gupta RS (2006). "BLAST screening of chlamydial genomes to identify signature proteins that are unique for the Chlamydiales, Chlamydiaceae, Chlamydophila and Chlamydia groups of species". BMC Genomics 7: 14. PMC 1403754. PMID 16436211. doi:10.1186/1471-2164-7-14.
    6. Stephens RS, Myers G, Eppinger M, Bavoil PM (2009). "Divergence without difference: phylogenetics and taxonomy of Chlamydia resolved". FEMS Immunol. Med. Microbiol. 55 (2): 115–9. PMID 19281563. doi:10.1111/j.1574-695X.2008.00516.x.
    7. "Chlamydia/Chlamydophila group". NCBI taxonomy database. National Center for Biotechnology Information, U.S. National Library of Medicine. Consultado o 2013-03-26. Dada a natureza contenciosa deste asunto, a Base de Datos Taxonómica do NCBI mantén os nomes dos dous xéneros para o uso dos que envíen traballos.
    8. Bavoil P, Kaltenboeck B, Greub G (March 2013). "In Chlamydia veritas". Pathogens and Disease 67 (2): 89–90. PMID 23620152. doi:10.1111/2049-632X.12026.
    9. Bachmann NL, Polkinghorne A, Timms P (August 2014). "Chlamydia genomics: providing novel insights into chlamydial biology". Trends in Microbiology 22 (8): 464–72. PMID 24882432. doi:10.1016/j.tim.2014.04.013.
    10. Sachse K, Bavoil PM, Kaltenboeck B, Stephens RS, Kuo CC, Rosselló-Móra R, Horn M (March 2015). "Emendation of the family Chlamydiaceae: proposal of a single genus, Chlamydia, to include all currently recognized species". Systematic and Applied Microbiology 38 (2): 99–103. PMID 25618261. doi:10.1016/j.syapm.2014.12.004. hdl:10261/123714.
    11. Borel N, Polkinghorne A, Pospischil A (May 2018). "A Review on Chlamydial Diseases in Animals: Still a Challenge for Pathologists?". Veterinary Pathology 55 (3): 374–390. PMID 29310550. doi:10.1177/0300985817751218.

    Véxase tamén

    lisenssi
    cc-by-sa-3.0
    tekijänoikeus
    Autores e editores de Wikipedia
    alkuperäinen
    käy lähteessä
    kumppanisivusto
    wikipedia gl Galician

    Chlamydophila: Brief Summary ( galicia )

    tarjonnut wikipedia gl Galician

    Chlamydophila é un xénero de bacterias pertencente á familia Chlamydiaceae, orde Chlamydiales, clase/filo Chlamydiae. As especies deste novo xénero estaban antes clasificadas no xénero Chlamydia. O establecemento deste xénero foi controvertido no seu momento e seguiu séndoo, ata que en 2015 se volveu a integrar o xénero de novo dentro de Chlamydia.

    lisenssi
    cc-by-sa-3.0
    tekijänoikeus
    Autores e editores de Wikipedia
    alkuperäinen
    käy lähteessä
    kumppanisivusto
    wikipedia gl Galician