Morganella morganii é unha especie de bacteria gramnegativa.[1] Ten unha relación de organismo comensal no tracto intestinal humano e doutros mamíferos e réptiles, nos que forma parte da flora normal.[1] Aínda que M. morganii ten unha ampla distribución, considérase unha causa pouco común de infeccións adquiridas na comunidade e encóntrase principalmente en infeccións postoperatorias e outras infeccións nosocomiais (hospitalarias) como infeccións do tracto urinario.[4]
Morganella morganii descubriuna o bacteriólogo británico H. de R. Morgan en 1906, dándoselle o nome de bacilo de Morgan. Morgan illou a bacteria de feces de nenos que tiveran "diarrea estival".[5] Posteriormente, en 1919, Winslow et al. nomearon o bacilo de Morgan como Bacillus morganii. En 1936, Rauss renomeouno como Proteus morganii. Fulton, en 1943, sinalou que B. columbensis e P. morganii eran a mesma especie debido a hibridación e definiu o xénero Morganella.[6] Considerouse que M. morganii tlña dúas subespecies: M. m. morganii e M. m. columbensis.[7] Porén, en 1962, un artigo de revisión de Ewing informaba que M. columbensis fora reidentificada como Escherichia coli, polo que se retirou este organismo do xénero Morganella.[7] Hoxe, no xénero Morganella na LPSN acéptanse dúas especies: M. moganii e M. psychrotolerans, e dentro de M. morganii distínguense as subespecies M. m. morganii e M. m. sibonii.[3]
Morganella morganii é un organismo anaerobio facultativo e oxidase negativo. As súas colonias parecen de cor abrancazada e opaca cando crecen e placas de ágar.[8] As células de M. morganii son bacilos rectos duns 0,6–0,7 µm de diámetro e 1,0–1,7 µm de lonxitude. Móvese por medio de flaxelos peritricos, pero algunhas cepas non forman flaxelos a 30 °C.[9]
M. morganii pode producir o enzima catalase, polo que pode converter o peróxido de hidróxeno en auga e oxíxeno. Este é un enzima común que se encontra na maioría dos seres vivos. Ademais, dá positivo na proba do indol, polo que este organismo pode escindir o triptófano en indol, piruvato e amoníaco. As probas de vermello de metilo dan tamén positivo, o cal é unha substancia indicadora que se volve vermella en solucións ácidas.[8] Aínda que é un patóxeno humano raro, atopouse que M. morganii é o causante dalgunhas infeccións do tracto urinario, infeccións de feridas cirúrxicas nosocomiais, peritonite, infeccións do sistema nervioso central, endoftalmite, pneumonía, corioamnionite, sepse neonatal, piomiosite, fascite necrotizante e artrite. Describíronse numerosos casos de infeccións nosocomiais (hospitalarias), xeralmente infeccións en feridas postoperatorias ou infeccións do tracto urinario. Os pacientes nos cales se desenvolve bacteremia son normalmente persoas inmunocomprometidas ou de avanzada idade ou que tiñan polo menos unha doenza grave subxacente.
M. morganii é membro da tribo Proteeae (flora fecal normal que a miúdo causa infeccións en pacientes cuxa flora normal foi alterada por terapias con antibióticos)[10] da familia Enterobacteriaceae, con dúas subespecies: M. m. morganii e M. m. sibonii.[3] M. morganii foi xeralmente considerada un patóxeno oportunista inofensivo, pero algunhas cepas portan "plásmidos resistentes a antibióticos" e foron asociados con abrochos de infeccións nosocomiais.[11] Varios informes indican que estas bacterias causan sepse, ectima, endoftalmite e corioamnionite e infeccións do tracto urinario máis complexas, infeccións de tecidos brandos, artrite séptica, meninxite e bacteremia, a miúdo con consecuencias mortais.[12]
Nun raro caso publicado en 2003, un paciente presentaba necrose bilateral das pálpebras superior e inferior. Con análise microbiana, nesas áreas demostrouse un forte crecemento de M. morganii.[13]
O tratamento de infeccións por M. morganii pode consistir en administrar:
Un estudo realizado no hospital universitario de Heraklion, Creta, Grecia mostrou un 92% de éxito co uso destes antibióticos.[14]
Porén, algunhas cepas de M. morganii son resistentes á penicilina, ampicilina/sulbactam, oxacilina, cefalosporinas de primeira e segunda xeracións, macrólidos, lincosamidas, fosfomicina, colistina, e polimixina B.[4] A aparición destas cepas moi resistentes de M. morganii foi asociada co uso de cefalosporinas de terceira xeración.[4]
As infeccións polimicrobianas son causadas principalmente por este microbio, que ademais causa danos na pel, tecidos brandos e tracto uroxenital; estas doenzas poden curarse cos mencionados antibióticos.[14]
Morganella morganii é unha especie de bacteria gramnegativa. Ten unha relación de organismo comensal no tracto intestinal humano e doutros mamíferos e réptiles, nos que forma parte da flora normal. Aínda que M. morganii ten unha ampla distribución, considérase unha causa pouco común de infeccións adquiridas na comunidade e encóntrase principalmente en infeccións postoperatorias e outras infeccións nosocomiais (hospitalarias) como infeccións do tracto urinario.