Cornus é un xénero que abrangue un grupo de entre 30 a 60 especies de plantas de follas caedizas e poden ser árbores ou arbustos na familia das Cornáceas, divididas dun a nove xéneros ou subxéneros (dependendo da interpretación botánica). En galego o termo preferido para estas plantas é sangomiño, sendo sinónimos ou variantes noutros dicionarios sambuguino, sangubín, sangume, sangubino, sangumín, ou corneira[2]. Catro subxéneros enuméranse aquí.
En Galiza atopamos soamente unha especie brava: o sangomiño común.
Os sangomiños e corneiras son arbustos de entre 3 e 4 metros de altura, con moitas pólas. A meirande parte das especies teñen as follas enfrontadas, mais nalgúns casos son alternas. Teñen forma ovada. O froito de todas as especies é unha drupa redonda, carnosa e de cor negra con pintas encarnadas, cunha ou dúas sementes. As flores teñen catro partes e son brancas.
Moitas especies no subxénero Swida son arbustos estoloníferos, crecendo ao longo de canles. Varias destas especies utilízanse para naturalizar plantacións paisaxísticas, especialmente as especies de rebentos amarelos, vermellos ou brillantes. A maioría das especies no subxénero Benthamidia son árbores pequenas usadas como plantas ornamentais.
As hastas de madeira son moi duras e pódense empregar para fabricar dagas. A madeira era tamén moi estimada para facer as lanzadeiras ou nezcres dos teares, para os mangos das ferramentas e outros artigos miúdos que cómpren dun pau duro e rexo.
O froito de varias especies do subxénero Cornus e Benthamidia é comestíbel, aínda que sen moito sabor. As bagas dalgunhas especies do subxénero Swida son medianamente tóxicas para as persoas, porén moi apreciadas polos paxaros. Os Cornus son o alimento base para larvas de algunhas especies de Lepidoptera entre as que se inclúen avelaíñas: Ectropis crepuscularia, Euplexia lucipara e os caso-portadores seguintes do xénero Coleophora: C. ahenella, C. salicivorella (que se atoparon sobre Cornus canadensis), C. albiantennaella, C. cornella e C. cornivorella (As tres últimas aliméntanse en exclusividad de Cornus).
Empréganse tamén como ornamentais en xardíns.
A flor do Cornus é a flor oficial da provincia canadense de British Columbia. A flor de Cornus florida é a flor oficial e mais a árbore oficial do estado de Virxinia nos Estados Unidos.
Unha lenda popular di que con pau do sangomiño construíuse a cruz na que crucificaron a Xesús Cristo. Deus tivo compaixón desta árbore, dándolle as flores brancas semellantes á cruz. O centro arroibado de cada flor simboliza o sangue de Cristo.
Cornus é un xénero que abrangue un grupo de entre 30 a 60 especies de plantas de follas caedizas e poden ser árbores ou arbustos na familia das Cornáceas, divididas dun a nove xéneros ou subxéneros (dependendo da interpretación botánica). En galego o termo preferido para estas plantas é sangomiño, sendo sinónimos ou variantes noutros dicionarios sambuguino, sangubín, sangume, sangubino, sangumín, ou corneira. Catro subxéneros enuméranse aquí.
En Galiza atopamos soamente unha especie brava: o sangomiño común.