dcsimg
Image of Common octopus
Creatures » » Animal » » Molluscs » Cephalopods » » Octopodidae »

Common Octopus

Octopus vulgaris Cuvier 1797

Polbo común ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

O polbo común[1] (Octopus vulgaris, Cuvier 1797) é un molusco cefalópodo octópodo, da familia Octopodidae, de grande importancia pesqueira e moi apreciado na gastronomía.

Morfoloxía

 src=
Polbo común (Octopus vulgaris), no Aquarium Finisterrae

De corpo globoso, superficie rugosa e sen aletas, provisto de oito tentáculos (ou raxos) dotados na cara interna de dúas filas de ventosas cada un, situados ó redor da boca e unidos entre si por unha membrana na base. Os tentáculos frontais (o primeiro par) son máis curtos que os laterais. O terceiro brazo dereito é o brazo hectocotilo, con funcións copuladoras, e ten un ensanchamento no extremo pouco destacado, a modo de culler. Alcanza tamaños de ata 160 cm, incluíndo os tentáculos, que veñen sendo 2-3 veces máis longos que a cabeza, e pesos de ata 14 kg.

A cabeza é grande, ovalada ou arredondada. A boca está provista dun forte pico córneo. Os ollos, moi desenvolvidos. O sifón, na parte traseira do corpo, ten forma de W.

A cor é moi variable, dependendo do estado do animal e da cor e características da contorna na que se agocha, para permitir unha camuflaxe co medio. Normalmente é de cor marrón agrisado, máis ou menos escuro, con manchas irregularmente dispostas de cor verde ou amarela. Poden cambiar voluntariamente a cor da pel e mesmo a textura, imitando as rochas.

Hábitat e bioloxía

Vive en áreas litorais, sempre cerca da costa, sobre fondos rochosos, agochado durante o día en grutas ou entre rochas. É activo de noite e de hábitos carnívoros (crustáceos, moluscos e peixes pequenos).

Interese pesqueiro e económico

 src=
Polbo á feira

Péscase con diferentes artes de pesca durante todo o ano, especialmente cunha nasa específica para o polbo. Tradicionalmente se pescaba tamén ao espello dende embarcación, á seca ou con raña. Os caladoiros de Marrocos e as Canarias son especialmente abundantes.

En Galicia

En Galicia, a forma típica de cociñalo é á feira, con aceite de oliva, sal e pemento, pero tamén se consome cociñado doutras formas (con cachelos, en empanada, en caldeirada, encebolado etc.). Constitúe un prato típico de moitas romarías e festas patronais.

Ríos Panisse atopou o castelanismo pulpo con tanta extensión como a forma propia polbo, e Rosa Ramonel matiza que se lle dá o nome de polbo cando está vivo e de pulpo unha vez pescado e, sobre todo, cociñado.

Pode distinguirse do polbo cabezudo mediante a adxectivación polbo da pedra, polbo da costa, polbo da praia, mentres que aquel sería o polbo de altura ou polbo do limpo.

Notas

  1. "Entrada polbo en Digalego". Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2017. Consultado o 12 de decembro de 2017.

Véxase tamén

Bibliografía

  • DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
  • RAMONELL, Rosa: Guía dos mariscos de Galicia. Galaxia, Vigo 1985.
  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.

Outros artigos

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician

Polbo común: Brief Summary ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

O polbo común (Octopus vulgaris, Cuvier 1797) é un molusco cefalópodo octópodo, da familia Octopodidae, de grande importancia pesqueira e moi apreciado na gastronomía.

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician