Incilius alvarius (antes chamado Bufo alvarius) é unha especie de sapo que vive no norte de México e suroeste de Estados Unidos. Produce unha toxina en forma de exsudado das glándulas da pel, que contén 5-MeO-DMT e bufotenina.
Pode medrar ata 19 cm de longo e é o sapo máis grande dos Estados Unidos coa excepción de Rhinella marina. Ten unha pel de aspecto coriáceo lisa, verde oliva ou marrón con pintas. Xusto detrás do seu ollo dourado con pupila horizontal hai unha avultada glándula paratiroide con forma de ril. Baixo esta hai unha grande área circular verde clara, que é o tímpano. Na comisura da boca hai unha verruga branca e glándulas brancas nas patas. Todas estas glándulas producen secrecións tóxicas.
Os cans que atacan estes sapos poden quedar paralizados ou morrer. Os mapaches aprenderon a empurrar o sapo nunha lagoa pola pata de atrás, poñelo patas arriba e empezar a comelo polo ventre, unha estratexia que evita poñerse en contacto coas glándulas velenosas.[2] A diferenza doutros vertebrados, este anfibio obtén auga principalmente por absorción osmótica a través do seu abdome. Os sapos da familia bufonidae teñen unha rexión de pel que se estende desde o medio do abdome ata as patas anteriores e está especializada en realizar unha rápida rehidratación. A maioría da rehidratación faise por absorción de auga de pequenas pozas ou obxectos húmidos.[3]
Atópase nas áreas da parte inferior do río Colorado e o río Gila, no suroeste de California, Novo México e gran parte do sur de Arizona, así como no noroeste de México. Vive tanto no deserto coma en áreas semiáridas da súa zona de distribución. É semiacuático e a miúdo atópase en ríos, preto de fontes en canles e regos de drenaxe, e baixo abeberadeiros de auga.[2] A especie coñécese por reproducirse en corpos de auga artificiais (por exemplo, encoros para o control de inundacións, depósitos) e como resultado as distribucións e hábitats reprodutores desta especie pode que se visen alterados recentemente na zona sur central de Arizona.[4] A miúdo usa as escavacións feitas por roedores como o seu fogar e é nocturno. A súa chamada descríbese como “un feble, bocinazo de ton grave, que dura menos dun segundo.”[5]
É unha especie simpátrica cos sapos Scaphiopus spp., Anaxyrus cognatus, Anaxyrus punctatus e Anaxyrus woodhousei. Como moitos outros sapos, buscan activamente comida e aliméntanse de invertebrados, lagartos, pequenos mamíferos e anfibios. A estación máis activa para os sapos é de maio a setembro, debido ás maiores precipitacións de chuvia (que cómpren para a reprodución). A idade á que chega I. alvarius vai de 2 a 4 anos na poboación de Adobe Dam no condado de Maricopa, Arizona; porén, outras especies da familia dos sapos teñen unha maior duración da vida de 4 a 5 anos.[6] As afinidades taxoómicas de I. alvarius non están claras, pero inmunoloxicamente está igualmente próximo aos grpos boreas e valliceps.[7]
A estación reprodutora empeza en maio, cando comeza a estación chuviosa e pode durar ata agosto. Normalmente, de 1 a 3 días despois das chuvias os sapos empezan a poñer ovos en lagoas, ríos de augas lentas, pozas temporais ou estruturas feitas polo home que conteñen auga. Os ovos son de 1,6 mm de diámetro, separados uns doutros 5–7 cm, e encapsulados nun só tubo de xelatina cun perfil non nítido pero distinguible. A femia pode poñer ata 8.000 ovos.[8]
O sistema de defensa principal deste sapo son as súas glándulas produtoras de veleno, que pode ser suficientemente potente para matar un can grande.[9] Estas glándulas paratiroides producen 5-MeO-DMT (5-metoxi-dimetiltriptamina)[10] e bufotenina (que recibe ese nome polo xénero Bufo dos sapos); ambos os compostos pertencen á familia das triptaminas alucinóxenas. Unha soa inhalación profunda deste veleno produce un forte efecto psicoactivo en só 15 segundos.[11] Despois da inhalación, o usuario adoita experimentar unha sensación de calor, euforia e fortes alucinacións visuais e auditivas, debido á alta afinidade da 5-MeO-DMT polos receptores dos subtipos 5-HT2 e 5-HT1A.[12].
En Estados Unidos causou grande expectación a noticia do arresto en 1994 dun mestre de California por posuír o veleno deste sapo, a primeira persoa arrestada por ese motivo.[13][14] A substancia era bufotenina, que estaba prohibida en California desde 1970.[15]
En 2007 en Kansas City, Missouri un home que tiña na súa posesión un espécieme de I. alvarius foi detido e acusado de posesión de substancias controladas ao determinarse que o tiña para usar as súas secrecións con propósitos recreativos.[16][17] En Arizona, pódese posuír unha bolsa cun máximo de 10 destes sapos cunha licenza de pesca, pero pode ser un crime se se descobre que se posúe coa intención de fumar o seu veleno.[18]
Ningún dos estados nos que I. alvarius é (ou era) nativo (California, Arizona e Novo México) permite que unha persoa leve legalmente o sapo fóra do estado. Por exemplo, o Departamento de Pesca e Caza de Arizona é claro sobre a lei que impera en Arizona: "Un individuo non... exportará ningunha especie silvestre viva do estado; 3. O transporte, posesión, oferta ou venda, venda como isco vivo, comercio, doazón, compra, alugueiro, usufructo, mostra, exhibición, propagación... dentro do estado..." non están permitidas.[18]
En California, I. alvarius foi designado como especie "en perigo" e a posesión deste sapo é ilegal. "Non é legal capturar, recoller, matar ou danar intencionalmente, posuír, comprar, propagar, vender, transportar, importar ou exportar calquera réptil ou anfibio nativo ou parte del..."[19]
En Novo México, este sapo está na lista de especies "ameazadas" e, igualmente, recoller I. alvarius é ilegal.[20][21]
Incilius alvarius (antes chamado Bufo alvarius) é unha especie de sapo que vive no norte de México e suroeste de Estados Unidos. Produce unha toxina en forma de exsudado das glándulas da pel, que contén 5-MeO-DMT e bufotenina.