O oídio do carballo é un tipo de oídio cuxo axente causante é a especie de fungo Microsphaera alphitoides ou Erysiphe alphitoides (Oidium quercinum na fase anamorfa) que adoita afectar ás follas do carballo común. É unha patoloxía moi común nos carballos galegos.
Hoxe en día o oídio do carballo é unha das fitopatoloxías (doenzas das plantas) máis comúns das fragas europeas, mais crese que non sempre estivo presente nestas forestas. Os primeiros informes desta enfermidade aparecen en París e outras rexións de Francia, España, Luxemburgo e os Países Baixos en 1907. Contra o 1908 a doenza xa se espallara pola meirande parte do territorio europeo, tornándose nun importante andazo. Polo 1909 chegou a Rusia e Turquía, seguindo polo Brasil no 1912, pouco antes de se tornar unha peste mundial. O brote tan de súpeto da doenza intrigou aos micólogos, que non estaban seguros da orixe da peste. O seu anamorfo distinguiuse axiña de Phyllactinia guttata que nun principio se pensara que era a causa do oídio dos carballos en Europa a baixa intensidade. Porén amosou semellanzas con Oïdium quercinum, Calocladia penicillata e Microsphaera penicillata que anteriormente foran informadas como a causa do oídio en carballos europeos. A aparición repentina e a alta incidencia da doenza fixo improbábel que estivese causada por algún destes patóxenos, polo que algúns autores propuxeron a hipótese de que estaba causada pola introdución de novas especies alleas a Europa. O oídio xa se estendera por América do Norte polo que se pensou que a nova enfermidade importouse dos carballos americanos até Europa. Porén a ausencia da doenza nos carballos rubios americanos que medraban en Francia desbotou a hipótese. Catro anos logo do brote inicial atopouse un teleomorfo no sueste de Francia que Arnaud e Fox identificaron coma a especie americana, Microsphaera quercina (hoxe coñecida coma Microsphaera alni). Un estudo morfolóxico detallado realizado por Griffon e mais por Maublanc en 1912 suxestionou que a especie era diferente de todas as anteriormente descritas e propuxo o nome de Microsphaera alphitoides, referíndose ao aspecto fariñento que amosa na abondosa esporulación abrancazada. A identificación ficou confusa até os anos 40 do século XX. A orixe da doenza era daquela descoñecida, aínda que en 1927 Raymond suxestionara que a patoloxía podería ter sido causada por un fungo identificado en 1877 en Portugal que probabelmente se importara das colonias lusas. En 1980, Boesewinkel demostrou que a mesma especie era a responsábel do oídio tanto no Quercus robur (carballo común) coma na mangueira en Nova Zelandia, apoiando a hipótese de que o fungo cambiara o hóspede.[1] Recentemente, a bioloxía molecular forneceu novas ferramentas para a identificación de especies e a comprensión da súa relación. Un estudo do ADN de 33 mostras de oídio do carballo en Europa amosou que E. alphitoides contén idénticas secuencias que Oïdium mangiferae, a maior patoloxía da mangueira en varias rexións tropicais e Oïdium heveae, un importante patóxeno na economía da seringueira (Hevea brasiliensis). Estes resultados reafirman as pescudas de Boesewinkel e suxestionan que E. alphitoides e O. mangiferae poidan ser coespecíficas. A orixe da especie aínda é incerta, porén Mougou et. al (2008) cren que E. alphitoides probabelmente se orixinou nos trópicos e espallouse polas carballeiras logo de entrar en Europa.[1]
Só as follas novas a se desenvolver son susceptíbeis á colonización de E. alphitoides. A necrose só é inducida cando a a infección é moi ceda cando as follas están a medrar. Xa que o axente patóxeno se desenvolve a finais da primavera, cando xa agromou a primeira quenda de follas no carballo, a segunda e terza quenda de follas (as de xullo e agosto) son as que se ven máis afectadas. Este hábito tamén fai que a severidade sexa menor en árbores vellas.[2]
A doenza pode ser moi severa no carballo común (Quercus robur) e no carballo albariño (Quercus petraea) en Europa (tamén en Galiza en ambas as dúas especies), particularmente nas árbores novas. Nas árbores maduras a peste é menos daniña, mais en combinación con outros factores como a defoliación por insectos, pode contribuír á que as árbores se tornen máis febles. Un estudo dos efectos do E. alphitoides en Quercus robur amosou que a condutancia estomática se reducía un 15–30%, non afectando a masa da folla á taxa da área, reducíndose o contido de azote na folla e incrementando a respiración escura. A fixación de carbono tamén se reduciu nas follas infectadas entre un 40 e un 50% nas follas totalmente infectadas e naquelas que foron moi afectadas con anterioridade. Aínda que afecte á taxa fotosintética das follas, o efecto non é moi severo, e isto é o que explica que as consecuencias para as árbores son en xeral moderadas malia estaren moi infectadas.[2] Como a infección fai que as plantas sexan menos tolerantes á sombra, pode provocar a morte das plántulas que medra á sombra.[3]
En viveiro ou sobre a planta nova fortemente afectada efectuar o tratamento, na primavera e polo outono, con produtos a base de xofre.
O oídio do carballo é un tipo de oídio cuxo axente causante é a especie de fungo Microsphaera alphitoides ou Erysiphe alphitoides (Oidium quercinum na fase anamorfa) que adoita afectar ás follas do carballo común. É unha patoloxía moi común nos carballos galegos.