As mixobacterias (ou "bacterias mucilaxinosas") son un grupo de deltaproteobacterias gramnegativas que constitúen a orde Myxococcales, que viven predominantemente no solo e se alimentan de compostos orgánicos insolubles. As mixobacterias teñen grandes xenomas en relación con outras bacterias, por exemplo de 9–10 millóns de nucleótidos. A especie Sorangium cellulosum ten o xenoma bacteriano máis grande (en 2008), con 13,0 millóns de nucleótidos.[1]
É característico das mixobacterias a formación dun corpo frutífero que orixina esporas resistentes (mixosporas). A maioría das mixobacterias son amarelas debido a que conteñen pigmentos carotenoides, que as protexen da luz.[2]
As mixobacterias poden moverse activamente por escorregamento. Móvense tipicamente en enxames (tamén chamados mandas de lobos) que conteñen moitas células que se manteñen preto unhas das outras por medio de sinais moleculares intercelulares que envían. Os individuos benefícinase desta agregación, xa que esta permite a acumulación extracelular de encimas que se utilizarán na dixestión do alimento, o que incrementa a eficacia na alimentación.
As mixobacterias producen diversos compostos útiles en biomedicina e na industria, como antibióticos, e exportan eses compostos fóra da célula.[3]
Inicialmente pensábase que estes organismos pertencían ao grupo dos chamados "fungos imperfectos". Cando se recoñeceu a súa natureza bacteriana en 1892 denomináronse Myxobacteriaceae como un novo grupo dentro dos Schizomycetes, logo na 1ª edición do manual de Bergey denomináronse Myxobacteriales (Buchanan 1917) e definíronse como bacterias que escorregan formando corpos frutíferos cheos de elementos de resistencia chamados mixosporas. Tamén se lles denominou Myxobacteria (Krasilʹnikov 1959).[4] Estes termos xa non son válidos taxonomicamente, pero o termo "mixobacterias" segue utilizándose moito como nome común. Tamén se lles chama mixobacterias escorregantes frutificantes. Hoxe están clasificadas na orde Myxococcales.
Cando os nutrientes escasean, as células das mixobacterias agréganse formando corpos frutíferos (que non se deben confundir cos corpos frutíferos dos fungos), un proceso que se pensou durante moito tempo que dependía da quimiotaxe, pero que agora se cre que é resultado dunha forma de sinalización dependente de contacto.[5][6] Estes corpos frutíferos poden ter diferentes formas e cores, segundo a especie de que se trate; poden ser simples formas globosas formadas por unha mucilaxe con mixosporas, ou ter pedúnculo e parede.[2] Dentro dos corpos frutíferos, as células empezan sendo células vexetativas con forma de bacilo, e transfórmanse despois en mixosporas arredondadas con paredes celulares grosas. Estas mixosporas, análogas ás esporas doutros organismos, teñen maior probabilidade de sobrevivir ata que volva a haber abundancia de alimento, e resisten á desecación e outras condicións desfavorables. O proceso de frutificación crese que beneficia ás mixobacterias ao pasar os períodos desfavorables en forma de espora resistente e ao asegurar que o crecemento celular se reinicia empezando cun grupo (enxame) de mixobacterias, en vez de con células illadas. As mixosporas xerminan por un punto concreto da cuberta e delas sae un bacilo vexetativo típico.[2] Desenvólvense ciclos vitais similares entre certas amebas chamadas balores mucilaxinosos (eucariotas).
A nivel molecular, o inicio da formación do corpo frutífero está regulado polo Pxr sRNA.[7][8] No xénero Stigmatella a luz favorece a formación de corpos frutíferos e a formación dunha feromona lipídica que inicia o proceso de agregación.[2]
As mixobacteras como Myxococcus xanthus e Stigmatella aurantiaca utilízanse como organismos modelo para o estudo do desenvolvemento bacteriano.
Os metabolitos segregados por Sorangium cellulosum chamados epotilonas teñen actividade antineoplásica, polo que se desenvolveron análogos que imitan a súa actividade. Un deses análogos, é o fármaco Ixabepilone que se utiliza no tratamento do cancro de mama metastático.[9]
As mixobacterias (ou "bacterias mucilaxinosas") son un grupo de deltaproteobacterias gramnegativas que constitúen a orde Myxococcales, que viven predominantemente no solo e se alimentan de compostos orgánicos insolubles. As mixobacterias teñen grandes xenomas en relación con outras bacterias, por exemplo de 9–10 millóns de nucleótidos. A especie Sorangium cellulosum ten o xenoma bacteriano máis grande (en 2008), con 13,0 millóns de nucleótidos.
É característico das mixobacterias a formación dun corpo frutífero que orixina esporas resistentes (mixosporas). A maioría das mixobacterias son amarelas debido a que conteñen pigmentos carotenoides, que as protexen da luz.
As mixobacterias poden moverse activamente por escorregamento. Móvense tipicamente en enxames (tamén chamados mandas de lobos) que conteñen moitas células que se manteñen preto unhas das outras por medio de sinais moleculares intercelulares que envían. Os individuos benefícinase desta agregación, xa que esta permite a acumulación extracelular de encimas que se utilizarán na dixestión do alimento, o que incrementa a eficacia na alimentación.
As mixobacterias producen diversos compostos útiles en biomedicina e na industria, como antibióticos, e exportan eses compostos fóra da célula.