O alcipreste dos illós ou alcipreste calvo ou máis formalmente taxodio[1] (Taxodium distichum), é unha árbore conífera de folla caediza da familia das Taxodiáceas orixinaria do sueste dos Estados Unidos de América. É unha especie que se adapta moi ben aos medios húmidos: illós, grotos, brañas, encoros, lamazais etc. En Galiza atopámolo soamente coma especie ornamental nalgúns parques e xardíns públicos, especialmente na auga coma no Parque de Castrelos de Vigo. Os alciprestes dos illós do Xardín de Artime, en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), aparecen no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.
O alcipreste dos illós, que é a árbore emblema de Luisiana, é orixinaria do cuadrante sueste dos Estados Unidos. Considérase a miúdo como o símbolo dos illós e lameiros do sur. Ademais de Luisiana, atopámolo en Carolina do Sur, en Illinois, en Mississippi, na Florida e en Texas.
Esta árbore aprecia os lugares asollados e os terreos asolagados, lameiros, brañas ou regularmente anegados. Medra nas beiras dos grandes ríos coma o Mississippi. Foi introducido en Europa no ano 1640. Nos terreos máis secos, está acompañado do carballo dos illós (Quercus palustris).
A especie vivía así mesmo en Europa hai 8 millóns de anos, como o indica un excepcional achado, de xullo de 2007, preto de Bükkábrány, no departamento de Borsod-Abaúj-Zemplén en Hungría. Trátase dun grupo de árbores do mioceno cuxa madeira non se fosilizou e se conservou nunha mina de lignito.[2]
Conífera caducifolia. Pode acadar os 40 metros de altura, copa piramidal, pólas horizontais, follas aciculares de 1 por 0.1 cm, caedizas. Cultivado na rexión do Delta do Paraná, sobre o bordo de arroios, como protector contra a erosión hídrica. Boa madeira, textura fina e homoxénea, gran dereito e veado suave, Pe 0,510 kg/dm³. Madeira mol, liviá, doada de traballar. Para construción de vivendas, trabes e tirantes.
O alcipreste dos illós ou alcipreste calvo ou máis formalmente taxodio (Taxodium distichum), é unha árbore conífera de folla caediza da familia das Taxodiáceas orixinaria do sueste dos Estados Unidos de América. É unha especie que se adapta moi ben aos medios húmidos: illós, grotos, brañas, encoros, lamazais etc. En Galiza atopámolo soamente coma especie ornamental nalgúns parques e xardíns públicos, especialmente na auga coma no Parque de Castrelos de Vigo. Os alciprestes dos illós do Xardín de Artime, en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), aparecen no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.