A carpa Ctenopharyngodon idella é unha especie de peixe ciprínido (carpas) e a única especie do xénero Ctenopharyngodon. É a especie que se produce en maior cantidade en acuicultura no mundo (uns seis millóns de toneladas ao ano en 2016, o que supón preto dun 11% do total da produción acuícola).[1] É un gran peixe de auga doce herbívoro nativo do leste de Asia, cunha área de distribución nativa que vai desde o norte de Vietnam ao río Amur na fronteira chino-siberiana.[2]
Críase en China como alimento, pero foi introducida en Europa e os Estados Unidos para o control da vexetación acuática. É un peixe propio de ríos grandes de augas avoltas e está asociado a lagos de chairas de inundación, cun amplo grao de tolerancia de temperaturas. Entra en condición reprodutiva e desova a temperaturas entre 20 e 30 °C.[2][3]
É unha carpa alongada, repoluda, con forma de torpedo. A boca é terminal e lixeiramene oblicua con beizos firmes e non carnosos e sen barbas.[4] A liña lateral completa contén de 40 a 42 escamas. Os dentes farínxeos anchos e con cristas están dispostos segundo a fórmula 2, 4-4, 2. A aleta dorsal ten de 8 a 10 raios brandos e a aleta anal está situada máis próxima á cola que na maioría dos ciprínidos. A cor corporal é oliva escura, variando gradualemnte a amarelo acastañado nos laterais, cunha bariga branca e grande, e escamas lixeiramente delineadas.
Medra moi rapidamente. Os peixes novos almacenados en primavera de 20 cm chegan a ter 45 cm en outono. A lonxitude media é de entre 60 e 100 cm. A lonxitude máxima é de 1,4 m e o peso raramente pasa de 40 kg, aínda que se contabilizaron pesos máximos duns 44 kg. Segundo un estudo, viven unha media de 9 anos, e o máis vello viviu 11 anos (aínda que en Silver Lake, Washington hai unha poboación próspera de 15 anos de idade.[5]) Comen ata tres veces o seu propio peso corporal diariamente.
Esta especie vive en lagos, lagoas, pozas, e remansos de grandes ríos, e prefiren corpos de auga grandes, de fluxo lento ou encorados con vexetación.[4] Na natureza, desovan en ríos de augas rápidas e os seus ovos, que son lixeiramente máis pesados que a auga, desenvólvense mentres van á deriva augas abaixo, mantidos en suspensión pola turbulencia das augas. Crese que os ovos morren se van ao fondo.[6]
Os adultos das especies aliméntanse principalmente de plantas acuáticas. Comen plantas acuáticas altas e vexetación terrestre mergullada, pero tamén poden comer detritos, insectos e outros invertebrados.[2][7]
Esta carpa foi introducida en moitos países, como Taiwán, Israel, Xapón, Filipinas, Estados Unidos[8][8][9] (onde xa se atopa en 45 dos 50 estados[8][9], e xa se reproduce nos Grandes Lagos[10]), México, India, Malaisia, Países Baixos, Suíza, Chequia, Eslovaquia, países da antiga Iugoslavia, Dinamarca, Suecia, Romanía, occidente de Rusia, Polonia, Italia, Alemaña, Francia, Reino Unido, Arxentina, Venezuela, Fixi, Nova Zelandia, Australia e Suráfrica. Só conseguiu desovar e establecer poboacións autorreprodutoras en seis dos grandes ríos do hemisferio norte. O seu fracaso á hora de establecer poboacións noutros ríos suxire que ten necesidades para a reprodución moi específicas.[11]
A especie necesita ríos grandes para a supervivencia dos ovos e das crías máis novas.
A especie foi introducida nalgúns países, como Nova Zelandia (en 1966) para o control da vexetación acuática, e nese país foi estudado o seu potencial valor e impacto.[12] Cada introdución nese país necesita a autorización gobernamental.[13] Nos Países Baixos tamén se introduciu esta especie co mesmo fin en 1973, baixo o control do Ministerio de Agricultura, Natureza e Calidade dos Alimentos.
En ambos os países, o control da especie é doada porque é improbable que se reproduza naturalmente nas condicións reinantes debido ás súas necesidades tan específicas para a reprodución,[13] pero noutros sitios o control faise utilizando peixes estériles triploides.[9][14]
Os exemplares grandes son grandes loitadores na pesca con cana, pero debido aos seus hábitos vexetarianos e á súa cautela son difíciles de capturar.[15] Os iscos de millo aumentan o éxito. Comen grans de millo enlatado, tomates cherry, e, malia seren primordialmente herbívoros, ás veces comen animais. Os iscos de pan en anzó flotando sobre a superficie funcionan ben, especialmente en lagoas e pozas. O récord mundial da IGFA de carpa capturada con liña e anzó é de 39,75 kg, pescada en Bulgaria en 2009.[16]
Prepárase para comelo ao vapor, fritido, cocido ou asado.[7]
A carpa Ctenopharyngodon idella é unha especie de peixe ciprínido (carpas) e a única especie do xénero Ctenopharyngodon. É a especie que se produce en maior cantidade en acuicultura no mundo (uns seis millóns de toneladas ao ano en 2016, o que supón preto dun 11% do total da produción acuícola). É un gran peixe de auga doce herbívoro nativo do leste de Asia, cunha área de distribución nativa que vai desde o norte de Vietnam ao río Amur na fronteira chino-siberiana.
Críase en China como alimento, pero foi introducida en Europa e os Estados Unidos para o control da vexetación acuática. É un peixe propio de ríos grandes de augas avoltas e está asociado a lagos de chairas de inundación, cun amplo grao de tolerancia de temperaturas. Entra en condición reprodutiva e desova a temperaturas entre 20 e 30 °C.