Lepidopsetta polyxystrai é un peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, familia dos pleuronéctidos e subfamilia dos pleuronectinos,[1] unha das tres que integran o xénero Lepidopsetta.[2]
Como todos os peixes da familia dos pleuronéctidos, as especies deste xénero teñen o corpo aplanado, asimétrico, e cos dous ollos situados no lado pigmentado do corpo.
A especie foi descrita no ano 2000 polos biólogos estadounidenses James Wilder Orr e Ann Matarese Kiernan.
Antes dese ano, Lepidopsetta polyxystra e Lepidopsetta bilineata considerábanse como unha única especie dentro do xénero Lepidopsetta, pero un traballo de Orr e Matarese publicado en 2000 reorganizou o xénero en tres taxa separados.[3]
Como resultado desta reclasificación, L. bilineata cambiou o seu nome em inglés, denomínandose agora "southern rock sole" para evitar a confusión coa especie L. polyxystra ou "northern rock sole".[4]
Trátase dun peixe mariño, demersal, que vive en fondos de area, lama e grava a profundidades de até os 700 m, aínda que comunmente se encontra entre os 19 e os 246 m. O seu hábitat natural son as augas temperadas do Pacífico norte, desde o estrecho de Puget,[5] e Alasca (onde coincide coa especie L. bilineata), as illas Aleutianas e, a través do mar de Bering até as illas Kuriles e o mar de Okhotsk (onde se comparte área de dispersión con L. mochigarei).[6]
Os machos poden chegar até os 69 cm de lonxitude, mentres que as femias alcanzan tan só os 49 cm. A lonxevidade máxima rexistrada para esta especie é de 18 anos.[6]
A especie ocupa unha moderadamente alta posición na cadea alimentaria.
A dieta de Lepidopsetta polyxystra consiste principalmente en organismos do zoobentos, poliquetos e anfípodos.[7]
Esta especie é depredada por mamíferos mariños e por outros peixes, incluíndo diversos tiburóns, o bacallau de Alasca (Gadus chalcogrammus) o bacallau do Pacífico (Gadus macrocephalus) e outros peixes planos, como o hipogloso do Pacífico (Hippoglossus stenolepis) e a limanda áspera (Limanda aspera).[4][6]
Lepidopsetta polyxystra alcanza a madureza reprodutiva entre os 4 e os 7 anos de idade. A desova prodúcese en inverno e principios da primavera. Os ovos son demersais e permanecen na superficie na que se depositan, A eclosión ocorre entre os 6 e os 25 días despois da posta.[4]
Lepidopsetta polyxystra péscase comercialmente e forma parte importante das pescarías de arrastre no mar de Bering e no golfo de Alasca. Aínda que a súa explotación foi excesiva nos anos 1960, as poboacións recuperáronse e hoxe en día estímase que a súa biomasa no mar de Bering e as illas Aleutianas é moi alta, até dúas veces o nivel necesario para o rendemento máximo sustentábel. En 2008 a súa biomasa estimada na pescaría do golfo de Alasca era dunhas 102.303 t, en comparación coas capturas, que oscilaron desde as 453 t en 2004 e as 4.330 t en 2006.[4]
Lepidopsetta polyxystrai é un peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, familia dos pleuronéctidos e subfamilia dos pleuronectinos, unha das tres que integran o xénero Lepidopsetta.
Como todos os peixes da familia dos pleuronéctidos, as especies deste xénero teñen o corpo aplanado, asimétrico, e cos dous ollos situados no lado pigmentado do corpo.