A cacaforra dourada (Amanita gemmata[4]) é un cogomelo pequeno e de cor amarelenta. Distintos autores considérano comestible, outros non e para outros mesmo é tóxica[5]. En calquera caso, e debido á posible confusión con outras especies tóxicas, desaconséllase[Cómpre referencia] a súa recolección.
Posúen un sombreiro globoso, de 5-10 centímetros de diámetro, que tende a estenderse ó madurar, de cor amarela desde o dourado ata tons moi esvaídos, quedando o centro máis escuro. A cutícula é viscosa, sobre todo nos exemplares novos, e a marxe estriada. Presenta cando nova unhas pequenas placas brancas que desaparecen pronto.
As láminas, desiguais e libres, son brancas e as esporas tamén, dunhas 9-12 por 7-9 micrómetros. Tamén son brancos o pé e o anel, pero este é pouco resistente e desaparece pronto. A base do pé é algo bulbosa, cunha volva branca, adherente e de bordo nítido, pero ás veces queda reducida a copos e fibras soltas na base do pé.
A carne é branca, se ben amarelea baixo a cutícula, de olor imperceptible e sabor agradable.
Medra en chans areosos ou calcáreos, en bosques de coníferas. Pode presentarse durante todo o ano, en zonas de invernos suaves.
Pode confundirse coa Amanita citrina, máis esvelta e coa base en forma de maceta, e con exemplares de Amanita phalloides amarelas. Tamén hai rúsulas semellantes, pero estas teñen as láminas iguais e carecen de formacións na base.
A cacaforra dourada (Amanita gemmata) é un cogomelo pequeno e de cor amarelenta. Distintos autores considérano comestible, outros non e para outros mesmo é tóxica. En calquera caso, e debido á posible confusión con outras especies tóxicas, desaconséllase[Cómpre referencia] a súa recolección.