Acanthophis pyrrhus é unha especie de cobra pezoñenta nativa de Australia.
Pertencente ao xénero Acanthophis, o seu corpo é curto e groso, cabeza triangular, cairos móbiles e un rabo delgado e moi flexible. Poden chegar a medrar ata os 70 centímetros, cunha lonxitude entre o fociño e a cloaca de 62 cm, presentando unha aparencia plana.[2] A súa cor pode ser castaña avermellada brillante ou amarelo avermellada, con bandas fortes ou ou discretas de cor amarelo que serven como camuflaxe coa contorna. A punta do rabo, distintivamente escura, úsaa como isco para atraer a potenciais presas. Os seus cairos son máis longos que os da maioría das cobras velenosas australianas.
George Albert Boulenger foi o primeiro, en 1898, en describir a especie.[3]
A especie vive en zonas áridas e desérticas, desde a costa de Australia Occidental ata o centro do país, chegando ata o sur de Kalgoorlie e ao Territorio do Norte, habita en áreas remotas, entre herbas do xénero Triodia, chans pedregosos, cumiais de area e afloramentos rochosos de Australia Occidental e Central. A Acanthophis antarcticus, unha especie relacionada, ten unha distribución diferente habitando no sur e leste de Australia.
Esta cobra só traba cando sente unha unha presa ou unha ameaza moi próxima a ela, normalmente están máis activas ao escurecer, tan só ocasionalmente se poden ver durante o día permanecendo no alto de arbustos ou na herba xacendo alí. A súa alimentación principal consiste en lagartos, especialmente da familia Scincidae e o Physignathus lesueurii [4], e pequenos maníferos.[2] .
Os seus cairos son longos, e as súas glándulas producen unha cantidade considerable de pezoña tóxica, aínda que son resistentes a trabar a non ser que sintan a ameaza moi próxina e raramente atacan aos humanos. Con todo a especie considérase moi perigosa.[5] A pezoña é principalmente unha neurotoxina, e aínda que chegou a ter unha taxa de mortalidade do 50%, agora raramente causa a morte.[6]
A especie reprodúcese durante a primavera ou ao comezo do verán, e as crías nacen na fin do verán ou ao comezo do outono, a diferenza doutras cobras a nai retén os ovos no seu corpo ata que están formadas para vivir de xeito independente, poden nacer ata 13 exemplares en cada niñada.[4]