Hyla versicolor é unha especie de pequenas ras arborícolas (relas) nativas de gran parte do leste dos Estados Unidos e do sueste do Canadá.[2] Na súa área de distribución chámanlle ra arborícola gris do leste (eastern gray tree frog), entre outros nomes.
Esta ra é variable en cor, como indica o seu nome científico (versicolor), debido á súa capacidade de camuflaxe cambiando de cor de gris a verde, dependendo do substrato onde se sitúa. O grao de manchas que presenta varía.[3] Poden cambiar de case negras a case brancas. O cambio de cor é máis lento que nos camaleóns. Cando están mortas ou en contornas non naturais son predominantemente de cor cincenta. A femia non croa e ten a gorxa clara, pero o macho croa e pode ter gorxa negra, gris ou marrón durante a estación reprodutora. A femia é xeralmente máis grande que o macho.
Son relativamente pequenas comparadas con outras ras norteamericanas, e normalmente miden entre 3,8 e 5,1 cm. A súa pel ten unha textura ruda e dálle unha aparencia verrugosa. Son virtualmente indistinguibles da especie H. chrysoscelis, e a única diferenza salientable entre elas é que a H. chrysocelis cando croa fai unha chamada máis curta e rápida.[4] H. versicolor ten 48 cromosomas (4n), polo que é tetraploide. Ao contrario, H. chrysocelis é diploide, e ten 24 cromosomas (2n). A hibridación entre estas especies orixina unha morte temperá de moitas larvas, pero algúns individuos poden sobrevivir ata chegaren a adultos, aínda que teñen unha reducida fertilidade.[5]
Tanto H. chrysoscelis coma H. versicolor teñen manchas amarelas brillantes nas súas patas traseiras, o que as distingue doutras ras arbóreas, como H. avivoca.[6] As manchas brillantes normalmente só son visibles cando a ra dá brincos. Ambas as especies son lixeiramente dimórficas sexualmente. Os machos teñen xeralmente gorxas negras ou grises, e as femias téñenas máis claras.[7]
Os cágados teñen corpos arredondados (a diferenza dos corpos máis alongados das especies de río) con colas altas e largas que poden estar coloreadas de vermello se os predadores están presentes no sistema. A metamorfose pode ocorrer moi rapidamente en condicións óptimas e durar só dous meses. Na metamorfose, as pequenas ras vólvense case sempre verdes durante un día ou dous antes de cambiar á súa cor máis común gris, pero ás veces a ras novas poden manter a súa cor verde clara e só se volven grises ou verdes máis escuras cando chegan á idade adulta.
H. versicolor vive na maior parte da metade leste dos Estados Unidos, e chega polo oeste ata Texas central e Oklahoma. Tamén vive no Canadá nas provincias de Quebec,[8] Ontario, e Manitoba, e hai unha poboación illada en Novo Brunswick.
Pode sobrevir á conxelación dos fluídos internos do seu corposa temperaturas de -8 °C.[9]
Os seus hábitats máis comúns son as áreas forestais, xa que é moi arbórea. As súa chamadas séntense con freceuencia en áreas residenciais rurais da costa leste e do Medio Oeste. Prefiren reproducirse en pozas de bosque semipermanentes sen peixes, pero tamén poñen ovos en pantanos, pozas primaveirais, fontes feitas polo home e xardíns con pozas de auga.
Estas ras raramente descenden das partes altas das árbores a non ser para reproducirse. Son estritamente nocturnas. Os machos raramente fan grandes coros, xa que son principalmene animais solitarios, pero poden vocalizar competitivamente no período álxido da tempada reprodutora. As chamadas de apareamento e coros son máis frecuentes de noite, pero os individuos a miúdo fan chamadas tamén durante o día en resposta a tronos ou outros ruídos fortes. En ocasións poden congregarse arredor das luces de fiestras e soportais para comer insectos atraídos pola luz. Durante o día adoitan descansar en pólas horizontais das árbores. A súa camuflaxe axúdalles a evitar os depredadores. En catividade, quedan amansadas e mesmo poden comer da man do seu dono.
Hyla versicolor é unha especie de pequenas ras arborícolas (relas) nativas de gran parte do leste dos Estados Unidos e do sueste do Canadá. Na súa área de distribución chámanlle ra arborícola gris do leste (eastern gray tree frog), entre outros nomes.