Limanda aspera é un peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, familia dos pleuronéctidos e subfamilia dos pleuronectinos,[1] unha das seis que integran o xénero Limanda,[2], que é coñecido en galego como limanda áspera.[3]
É un peixe mariño, demersal, oceanódromo, de importancia comercial, de até 49 cm de lonxitude, que habita sobre fondos areosos pouco profundos nas costas do Pacífico norte, desde as de Corea e do mar do Xapón até as do mar de Okhotsk, o mar de Bering e aa da costa occidental da illa de Vancouver, na Columbia Británica (Canadá).
A especie foi descrita en 1814 polo zoólogo alemán, afincado en Rusia, Peter Simon Pallas, baixo o nome de Pleuronectes asper.[1]
Ademais de polo nome actualmente válido, e polo orixinario que lle deu Pallas, a especie coñécese tamén polo sinónimo Limanda asprella Hubbs, 1915.[1]
O nome limanda, que Linneo empregou como nome específico (e que despois adoptou Gottsche para o xénero por el creado, e no que actualmente se sitúa esta especie) é un termo do latín científico tirado do francés limande "limanda", que á súa vez deriva do francés antigo lumande, e este do latín lima, "lima" (utensilio dos carpinteiros), ao que lle engadiu o sufixo -ande; estes peixes serían así denominado a causa da rugosidade da súa pel, no sentio de que era 'boa para limar'.[4][5]
O nome específico, asperus é un substantivo do latín científico derivado do adxectivo latíno, asper, -ĕra, -ĕrum, á súa vez derivado do verbo aspero, "poñer áspero", "poñer rugoso",[6] en alusión á pel rugosa típica da cara superior das especies do xénero Limanda.
A limanda áspera ten un corpo deprimido, ovalado; a boca é pequena, co fociño pouco pronunciado; os seus ollos son moderadamente grandes e están moi próximos entre si.[7][8]
A máxima lonxitude rexistrrada da especie foi de 49 cm,[9] aínda que o tamaño medio dos espécimes capturados é de 33,5 cm.[10]
O peso máximo rexistrado alcanzou 1,7 kg.[11]
A columna vertebral está formada por de 39 a 40 vértebras. A aleta dorsal está sostida por de 61 a 69 raios, e a anal por de 48 a 58 raios. A aleta dorsal orixínase por riba da parte posterior do ollo superrios. A aleta caudal é arredondada, e as pectorais rematan en punta.[7]
A coloración da cara superior do corpo vai da verde oliva á parda, con manchas escuras; as aletas dorsal e anal son amareladas en ambos os lados do corpo, con tenues bandas escuras e unha estreita liña escura na base.[7][8]
O corpo está recuberto de escamas ásperas en ambos os lados do corpo.[7][8]
Limanda aspera é un peixe mariño, demersal, oceanódromo, que habita sobre fondos areosos pouco profundos nas costas do Pacífico norte, desde as de Corea e do mar do Xapón até as do mar de Okhotsk, o mar de Bering e do Barkley Sound, accidente mariño localizado na costa occidental da illa de Vancouver, na Columbia Británica (Canadá).[12]
A limanda áspera ocupa un nivel trófico moderadamente alto na cadea alimentaria.[7][8]
A dieta dos adultos consiste principalmente en organismos zoobentónicos, como vermes poliquetos, anfípodos, así como hidrozoos, moluscos e ofiúras.[7][8][13]
Pola súa parte, a limanda áspera sofre depredación por parte de peixes como algúns da familia dos cotíidos, do halibut do Pacífico (Hippoglossus stenolepis), o bacallau do Pacífico (Gadus macrocephalus) e a palmeta do Pacífico (Atheresthes stomias).[7][8]
A idade máxima rexistrada é de anos .[14]
Limanda aspera é obxecto de pesca comercial nas áreas de pesca 61 e 67 (Pacífico noroeste e noreste, respectivamente).[3] As súa capturas efectúanse sobre todo con artes de arrastre. Nas décadas de 1960 e 1970 recuperáronse altas taxas de pesca, e na actualidade considérase non se considera que a especie non está sometida a sobrepesca; a súa biomasa no mar de Bering estímase que é alta e estábel, por riba do seu nivel de mantemento da poboación.[8]
As súas capturas promedio entre 1998 e 2010 foron de 94.000 t, cun récord de 148.894 t en 2008, que representou a captura anual máis alta en 11 anos.[8]
A limanda áspera comercialízase conxelada, e consómese frita, asada ao forno ou en microondas.
Limanda aspera é un peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, familia dos pleuronéctidos e subfamilia dos pleuronectinos, unha das seis que integran o xénero Limanda,, que é coñecido en galego como limanda áspera.
É un peixe mariño, demersal, oceanódromo, de importancia comercial, de até 49 cm de lonxitude, que habita sobre fondos areosos pouco profundos nas costas do Pacífico norte, desde as de Corea e do mar do Xapón até as do mar de Okhotsk, o mar de Bering e aa da costa occidental da illa de Vancouver, na Columbia Británica (Canadá).