Ptilocercus lowii, coñecido vulgarmente na bibliografía internacional co nome de tupaia ou musaraña arborícola de cola plumosa, é unha especie de mamífero placentario da orde dos escandentios, a única da familia dos ptilocércidos, e do seu único xénero, Ptilocercus,[3]
É orixinaria do sur de Tailandia, a península Malaia, Borneo e algunhas outras illas de Indonesia.[2]
A familia foi descrita en 1913 polo zoólogo e biólogo estadounidense Marcus Ward Lyon, en Proc. U. S. Natl. Mus., 45: 4,[3] separando ao xénero Ptilocercus da dos tupaíidos, onde estivera adscrito até aquela.
O xénero, e a especie, foran descritos en 1848 polo naturalista inglés John Edward Gray en Proc. Zool. Soc. Lond., 1848: 23.[4][5]
Ao longo do tempo o xénero Ptilocercus tamén foi coñecido polo sinónimo Ptilocerus Brehm, 1864.[4]
O nome da familia fórmase, como é habitual, sobre a raíz do seu xénero tipo (e único), Ptilocercus, coa adición da desinencia do latín científico -idae, propipo das familias de animais.
En canto o nome do xénero está formado pola raíz do latín científico ptil-, tirada do grego antigo πτίλον ptílon, 'pluma', e o grego κέρκος kérkos, 'cola'. Literalmente: 'o de cola de pluma'.[6]
E o específico, lowii, foi unha homenaxe que Gray lle fixo ao naturalista, administrador colonial e explorador inglés Hugh Low.
A familia comprende un único xénero, cunha única especie, na que se recoñecen dúas subespecies:[4]
Familia Ptilocercidae Lyon, 1913
A dos ptilocércidos é unha familia dentro da orden dos escandentios. Numerosas diferenzas morfolóxicas e xenéticas apoian a clasificación dos ptilocércidos como unha familia separada do resto das musarañas arborícolas, das que diverxeron hai ao redor de 63 millóns de anos.[2]
Os membros desta orde consideráronse, en primeira instancia, como insectívoros,[7] e máis tarde foron incluídos na orde dos primates, sobre a base de certas similitudes anatómicas con estes como, por exemplo, a estrutura do cerebro,[7] e clasificados como prosimios primitivos.[3]
Porén, recentes estudos filoxenéticos moleculares puxeron de manifesto que os tupaias deben de ter a mesma categoría taxonómica (orde) que os primates, dentro do clado dos Euarchonta, que inclúe tamén aos dermópteros. De acordo con estes estudos, Euarchonta é o grupo irmán dos Glires (Lagomorpha + Rodentia), e Euarchonta + Glires forman o clado de rango superior Euarchontoglires.[8]
Porén, propuxéronse outras relacións entre ditas ordes.[9]
Este animal presenta a característica de que se alimenta do néctar dunha palmeira (Eugeissona tristis), que contén até un 3,8 % de alcohol, do que consome cada noite o equivalente de 9 copas de viño para un ser humano, sen mostrar niungún signo de ebriedade.[10][11]
As medicións feitas cun biomarcador da descomposición do etanol suxiren que pode metabolizalo por unha vía que non se utiliza tan frecuentemente nos seres humanos. A súa capacidade de inxerir grandes cantidades de alcohol presúmese que pode ser unha adaptación evolutiva na súa árbore filoxenética. Porén non está claro como se beneficia o animal desta inxesta de alcohol, ou que consecuencias pode ter a alta taxa de alcohol no sangue na súa fisioloxía.[12]
Ptilocercus lowii, coñecido vulgarmente na bibliografía internacional co nome de tupaia ou musaraña arborícola de cola plumosa, é unha especie de mamífero placentario da orde dos escandentios, a única da familia dos ptilocércidos, e do seu único xénero, Ptilocercus,
É orixinaria do sur de Tailandia, a península Malaia, Borneo e algunhas outras illas de Indonesia.