O cardo asneiro[1] Onopordum acanthium, é unha planta europea da familia das asteráceas, que se naturalizou en todos os continentes. É común en Galiza. A flor é usada coma emblema nacional de Escocia, polo que en inglés coñécese coma cardo escocés (Scots thistle).
É unha planta bienal, que produce una gran roseta espiñenta no primeiro ano. As plantas soen xermolar polo outono, despois das primeira choivas e existen coma rosetas en todo o primeiro ano, forman unha grosa e carnosa raíz pivotante que pode estenderse até 30 cm ou máis para reserva de alimento.
No segundo ano, a planta medra até acadar os 0,5-2,5 (-3) m de altura e unha largura de 1,5 m. As follas son de 10–50 cm de largo, alternas e espiñentas, a miúdo cubertas de pelos brancos con lanuxe e co envés máis densamente cuberto cá face. As follas son profundamente lobadas con espiños longos e rexos ao longo das marxes. Os pelos finos dan á planta unha aparencia agrisada. O talo principal pode ser de 10 cm de largo na base, e estar ramificado na parte superior. Cada talo mostra unha fileira vertical de ás largas e espiñentas (visíbel en forma de fita de material de follas), polo xeral de 2–3 cm de largo.
As flores son en forma de globo, de 2–6 cm de diámetro, de cor rosa escura a lavanda, e prodúcense polo verán. O gomos florais fórmanse primeiro na punta do vástago e máis tarde na punta das pólas axilares. Aparecen soas ou en grupos de dous ou tres na punta das pólas. As plantas son andróxinas, tanto con pistilos e estames. Despois da floración, o ovario empeza a inchume e forma de 8.400 a 40.000 sementes por planta.[2][3][4]
Nativo de Europa Occidental e África do Norte até Asia e o Subcontinente Indio.
Naturalizado, e até cultivado, noutras partes do mundo onde chega a ser considerado como praga (ex.gr. nos Estados Unidos onde incluso está prohibido en certos estados (i.e. Arizona).[Cómpre referencia]
Coma a chorima do toxo é a flor por excelencia de Galiza, a deste cardo é o emblema nacional de Escocia, onde, curiosamente dubídase que sexa realmente nativo [Cómpre referencia]. É tamén da vila de Nancy, en cuxo escudo aparece, e de Lorena, en Francia.
Contén alcaloides, glicósidos flavónicos, aesculina (unha saponina moi tóxica para home e animais), taninos e outros principios amargos. Tradicionalmente, os campesiños usábano coma menciña contra a tose, as doenzas da vincha e as feridas mal cicatrizadas; tamén, o zume fermentado dos seus talos empregábase para animar as festas e os entroidos.
Os receptáculos dos capítulos son ricos en inulina e comestíbeis do mesmo xeito cá alcachofra (Cynara scolymus). Son tamén comidos polos asnos: de aí o seu nome vulgar galego (en castelán tamén cardo borriquero), e se cadra tamén a orixe do nome do xénero en grego/latín: Onopordum.
Onopordum acanthium foi descrito por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 2: 827. 1753.[5]
O nome xenérico vén do latín ǒnǒpordǒn/ǒnǒpradǒn, derivado á súa vez do grego όνόπoρδoν, de όνό «asno» e πορδον «peido», ou sexa que «peido de asno», aludindo á suposta propiedade da planta de producir gases a estes animais cando a comen[6][7], referenciado como tal en Plinio o Vello, Historia naturalis (27, 110, LXXXVII: "Onopradon cum ederunt, asini crepitus reddere dicuntur.").[8][9]
O epíteto latino acanthium significa «espiñento».[10]
O cardo asneiro Onopordum acanthium, é unha planta europea da familia das asteráceas, que se naturalizou en todos os continentes. É común en Galiza. A flor é usada coma emblema nacional de Escocia, polo que en inglés coñécese coma cardo escocés (Scots thistle).