O caracal,[2][3] é unha especie de mamífero carnívoro da familia dos félidos, subfamilia dos felinos. É un felino de tamaño medio (entre 60 e 92 cm de longo, sen incluír a curta cola) que vive nas sabanas e zonas semidesérticas de África e no oeste de Asia, desde Turquía até o sur de Casaquistán e o noroeste da India.[4]
Evita as zonas excesivamente boscosas. Non se coñece moito sobre a súa bioloxía, pero parece que prefire moverse de noite, descansando durante o día escondido entre as rochas.
Ao caracal chámanlle en ocasións, pola súa aparencia, "lince africano" ou "lince do deserto", seguramente debido que o "lince" dos antigos gregos e romanos fora probabelmente o caracal,[5] e o nome "lince" ás veces aínda se lle aplica,[6] pero, como veremos, non está estreitamente emparentado cos linces propiamente ditos. Parece estar máis relacionado evolutivamente co serval, un pequeno e patilongo felino africano co que en catividade pódese cruzar, xerando híbridos chamados "caravais" e "servicais".[7][8]
O caracal é un gato claramente grande e robusto, cunha a cola non moi longa (entre os 20 e os 30 cm, notablemente máis curta que as dos demais gatos africanos), coas proporcións dun lince, longas patas (as posteriores máis que as anteriores) e cabeza aplanada, con orellas triangulares, escuras pola parte exterior e rematadas en punta e con senllos pinceis de pelos negros (o propio nome "caracal" provén das palabras turcas kara e kulak, que significa 'orellas negras'). A súa pelaxe, sueva e mesta, uniforme, é de coloración, polas partes superiores, parda amarelada, variando desde avermellada clara até parda avermellada ladrillo, cun tinte vinoso, ás veces máis escuro e mesmo enteiramente case mouro, sen raias nin manchas. Na cara ten algunhas marcas brancas que contrastan cunha raia negra que vai desde o ollo até o fociño, e unha mancha negra aos lados do fociño. As partes inferiors son abrancazadas, con tenues indicios de manchas. A lonxitude da cabeza e o tronco varía entre os 65 e os 90 cm; a alzada ou altura na cruz oscila entre os 40 e os 50 cm, e o peso alvanza de 8 a 18 kg.[9][10][11] As patas son longas, similares ás do guepardo,[12] con catro dedos nas patas traseiras e cinco nas dianteiras. As garras, afiadas e retráctiles, son máis grandes pero menos curvadas nas patas traseiras.[13]
Os machos xeralmente son máis grandes e pesados que as femias. Os cachorros son semellantes aos adultos, pero a súa coloración é máis apagada e agrisada.[9][10][11]
O cranio do caracal é alto e arredondado, con grandes ampolas auditivas, unha crista supraoccipital ben desenvolvida, perpendicular á a crista saxital, e unha mandíbula forte. Ten un total de 30 dentes; a fórmula dentaria é 3.1.3.1/3.1.2.1. A fórmula dos dentes de leite é 3.1.2/3.1.2. Os dentes caninos miden até 2 cm de longo, e son fortes e afiados, que o animal utiliza para dar a trabada mortal ás súas presas. Carece dos segundos premolares superiores, e os molares superiores son diminutos.[14]
O caracal confúndese moitas veces co lince común, xa que ambos os felinos teñen orellas rematadas en pinceis de pelos. Porén, unha notábel diferenza entre as dúas especies é que o lince presenta abundantes manchas na pelaxe, mentres que o caracal non presenta tales marcas.[15] O gato dourado africano ten unha estrutura corporal similar á do caracal, pero é máis escuro e carece de pinceis nas orellas. O serval, simpátrico, pode distinguirse do caracal pola falta de pinceis nas orellas, polas manchas brancas que presenta detrás das orellas, a capa apincarada, as patas e a cola máis longas e as pegadas dos pés máis pequenas.[13][16]
O caracal vive en bosques, pero nunca en selvas densas, aínda que prefire campos abertos: sabanas, chairas, terras baixas pantanosas, semidesertos, desertos de area, bosques de matogueiras, preferindo sobre todo zonas secas con pouca chuvia e dispoñibilidade de cobertura. Tamén habita outeiros e montañas, como as Terras Altas de Etiopía, onde se encontra até altitudes de 3 000 m.[13]
Encóntrase en toda a África subsahariana (agás nas selvas da África central), e tamén na África setentrional, en partes da península Aarábiga, no oeste de Asia (Próximo Oriente, desde Turquía até o sur de Casaquistán), no sur de Paquistán e no noroeste da India.[1][9]
Ao igual que os linces e o serval, o caracal posúe unha aguda vista e un excelente oído, moi afinado debido ás súas longas orellas, que o fan un eficiente cazador nocturno.
Caza e aliméntase de pequenos mamíferos, como lebres, roedores, damáns, lagartos e incluso crías de antílopes (como as dos duiqueros) e doutros antílopes de pequeno tamaño, como os neotraguinos), pero as súas presas preferidas son, con diferenza, as aves. Pode capturalas incluso despois de que emprendan o voo, grazas á súa capacidade para realizar grandes saltos (de até 3 m de altura). Noutras ocasións ataca ás aves mentres aniñan, aínda que o fagan na copa das árbores, pois o caracal gabea por elas bastante ben.[9][17][18][19][20]
Os que viven cerca de asentamentos humanos, por estas hablidades cinecéticas, poden seren prexudiciais para o gando miúdo (ovellas, cabras e porcos), e para as aves de curral.[9]
Un estudo no oeste da India mostrou que os roedores constitúen unha parte importante da súa dieta.[21]
Pouco se sabe dos costumes do caracal, unicamente que son animais solitarios, excepto na época reprodutora, por iso adoita verse só ou en parellas, e os únicos grupos que se ven son de nais coas súas crías.[22] É de hábitos crepusculares e nocturnos (aínda que tamén poden vese de día). Porén, é tan reservado e difícil de observar que a súa actividade durante o día pode pasar desapercibida.[14] Un estudo en Suráfrica mostrou que os caracais son máis activos cando a temperatura do aire é menor dos 20 °C, e a actividade normalmente cesa a temperaturas máis altas.[23]
Para cazar, desprázanse continuamente. Dormen en lugares escondidos, ocos das árbores, gretas das rochas, ou debaixo de arbustos mestos, ás veces en árbores. As femias que teñen crías, agóchanas en gretas das rochas ou en árbores ocas mentres andan á caza.[9][24]
Tras una xestación de entre 69 e 60 ou 81 días, as femias paren dunha a seis crías, aínda que habitualmente son tres. Os nacemen tos prodúcense en primavera nas zonas subtropicais, e nas zonas tropicais durante todo o ano. As nais ocultan ás crías en tobos forrados de pel e plumas. Cando nacen, as crias pesan ao redor de 300 g; aos 12 días, os machos pesan sobre 560 g, e as femias uns 500; aos 2 meses, os machos xa pesan uns 1 300 g, e as femias contra 1 200. Abren os ollos aos 6 ou 9 días, saen dos agochos ás 3 semanas, e ás 4 xa comezan a comer alimentos sólidos, e aleítanse durante 6 meses; entre os 7 e os 12 meses xa son independentes. Alcanzan a madurez sexual ao redor dos 2 anos. A súa lonxevidade é de até os 17 anos.[17][25]
A especie foi descrita en 1776 polo médico, botánico e zoólogo alemán, discípulo de Linneo, Johann Christian Daniel von Schreber, en Die Säugethiere, 3 (16): pl. 110. (Imaxe). (A descrición, en Die Säugethiere, 3 (24): 413-587. [1777]),[4] baixo o nome de Felis caracal.[26]
Véxase Caracal.
Ademais de polo nome actualmente válido, polo nome que lle deu Schereber Felis caracal en 1776 (epóniomo), por Profelis caracal (Schreber, 1776),[27] e polo nome Lynx caracal (Schreber, 1776), cando foi reclasificado no xénero Lynx;[28] e a partir de 1843, desde que o zoólogo británico John Edward Gray situou a especie no xénero Caracal,[4] xa, dentro deste xénero, coñeceuse tamén polos sinónimos:[29]
Durante moitos anos considerouse a Caracal como un xénero monotípico, isto é, que só comprendía unha única especie, Caracal caracal, e así aparece en case toda a bibliografía.[4][30]
Así mesmo, tradicionalmente, incluíuse ao gato dourado africano no xénero Felis ou no Profelis.[31]
Pero datos moleculares recentes revelan inequivocamente que o caracal, o serval e o gato dourado africano están intimamente ligados.[32]
E análises xenéticas moi recentes mostraron que o caracal, o gato dourado africano e máis o serval están estreitamente relacionados pola súa xenética, e que diverxeron dun antepasado común hai aproximadamente 5,4 millóns de anos. Polo tanto, suxeriuse incluír a todos eles dentro do xénero Caracal.[33]
Este criterio foi aceptado polos autores da Lista vermella da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) para o gato dourado africano.[34] Polo tanto, segundo a UICN, o xénero comprede estas dúas especies:
Pola súa parte, W. E. Johnson e colaboradores, engaden tamén ao serval nesta lista:[32][35]
A extensa área de distribución desta especie e a súa presenza en diversos hábitats orixinou direrenzas locais, polo que algúns autores recoñecen até nove subespecies:[36]
Pola súa parte, tanto o IUCN SSC Cat Specialist Group, como Wilson & Reeder (2005),[4] e Breitenmoser-Wursten , et al. (2008), no ITIS.[28] só recoñecen estas oito:
Porén, desde 2017, Kitchener, A. C. et al. só recoñen como válidas tres subespecies:[37]
Os resultados de estudos filoxenéticos indican que o caracal evolucionou case un millón de anos antes que os linces.[32] Está máis estreitamente relacionado co gato dourado africano (Caracal aurata). Estas dúas especies, xunto co serval (Leptailurus serval) forman a liñaxe denominada Caracal, que evolucionou hai 8,5 millóns de anos (Ma). O antepasado desta liñaxe chegou a África hai de 8,5 a 5,6 Ma.[38][39] Diverxeu do serval probabelmente nos últimos cinco millóns de anos, entre o plioceno e o plistoceno.[40]
Desde 2006, as relacións filoxenéticas do caracal establecéronse como se indica a continuación:[32][39]
PardofelisGato marmorado (Pardofelis marmorata)
CatopumaGato rubio de Borneo (Catopuma badia)
Gato dourado asiático (Catopuma temminckii)
Caracal
Serval (Leptailurus serval)
CaracalCaracal (Caracal caracal)
Gato dourado africano (Caracal aurata)
lineageOs caracais domestícanse con facilidade, polo que a súa velocidade e axilidade foron aproveitadas en distintas épocas no antigo Exipto,[41][42] Persia e a India para a caza. O propio caracal considerouse tamén durante moito tempo como unha valiosa presa, razón pola cal foi obxecto de caza desde tempos moi antigos.
Foi utilizado polos humanos para cazar coellos e lebres, e tamén grandes aves.[43] Esta práctica antiga, xa abandonada, estaba reservada na India para a nobreza,[44] e da o Oriente Medio, pero tamén na de Italia na Idade Media.[45]
Na actualidade, o caracal utilizouse nunha base aérea militar de Suráfrica para cazar aves.[46]
O caracal é unha especie protexida cucas poboacións asiáticas figuran no Apéndice I da CITES e as africanas no Apéndice II. A UICN cualifícase como LC (pouco preocupante) debido á súa presenza relativamente abundante no sur de África.[1]
A caza da especie está prohibida en Afganistán, Alxeria,[47] Exipto, a India, Irán, Israel, Xordania, Casaquistán, o Líbano, Marrocos,[48] Paquistán, Siria, Taxiquistán, Tunisia, Turquía, Turkmenistán e Uzbekistán.
Na África subsahariana, a caza do caracal está prohibida en aproximadamente a metade da súa área de distribución. En Namibia e Suráfrica, considérase unha praga debido ás súas depredacións nos rabaños de ovellas, o que permite aos criadores matalo sen restricións. Porén, a súa presenza segue a ser xeralizada no sur de África.
Só a subespecie de Asia corre un auténtico perigo.[49]
O caracal, é unha especie de mamífero carnívoro da familia dos félidos, subfamilia dos felinos. É un felino de tamaño medio (entre 60 e 92 cm de longo, sen incluír a curta cola) que vive nas sabanas e zonas semidesérticas de África e no oeste de Asia, desde Turquía até o sur de Casaquistán e o noroeste da India.
Evita as zonas excesivamente boscosas. Non se coñece moito sobre a súa bioloxía, pero parece que prefire moverse de noite, descansando durante o día escondido entre as rochas.
Ao caracal chámanlle en ocasións, pola súa aparencia, "lince africano" ou "lince do deserto", seguramente debido que o "lince" dos antigos gregos e romanos fora probabelmente o caracal, e o nome "lince" ás veces aínda se lle aplica, pero, como veremos, non está estreitamente emparentado cos linces propiamente ditos. Parece estar máis relacionado evolutivamente co serval, un pequeno e patilongo felino africano co que en catividade pódese cruzar, xerando híbridos chamados "caravais" e "servicais".