O camarón do Báltico[1] (Palaemon adspersus, Rathke 1837) é unha especie de crustáceo malacostráceo da orde dos decápodos e familia dos palemónidos. É un camarón propio das augas do Atlántico nororiental moi frecuente no mar Báltico, onde é obxecto de activa pesca polos daneses. En Galicia non é moi común, aínda que tamén se pesca e se consome como os outros camaróns presentes nas nosas augas.[2]
A especie foi descrita por Carl Linnaeus en 1758 como Cancer squilla.[3] O xénero Palaemon foi fundado por Friedrich Weber en 1795, e este camarón recibiu ao longo dos anos numerosos sinónimos (véxase sinonimia no cadro da clasificación científica, á dereita).[4] O nome válido na actualidade deullo Rathke en 1837.
Palaemon adspersus é unha especie moi semellante a Palaemon elegans, de tamaño un pouco maior, 7 cm como máximo, pero que non chega aos 10 do Palaemon serratus, o camarón máis frecuente, e máis apreciado, en Galicia.
Distínguese deste último polo seu rostro, moito menor (ademais de polo tamaño), e de P. elegans porque o seu rostro é máis rectilíneo e ancho, e dentado ao longo de toda a súa marxe superior, como en aquel, pero cun só dente protorobitario e outro mesmo por riba da órbita do ollo;[2] ademais, leva distintivas manchas de pigmento na metade inferior.[5]
O corpo, deprimido lateralmente, e translúcido, ten unha coloración gris amarelada parecida á de P. elegans aínda que poida que un algo máis azulada.[2]
Palaemon adspersus é pouco común na maior parte do noroeste de Europa, pero é a base dunha significativa pesquería de camarón nos estreitos daneses.[6]
No mar Báltico pode tolerar salinidades por debaixo do 5 ‰, pero pasa o inverno en augas máis profundas e máis salinas, preto da costa.[6]
En Dinamarca, P. adspersus está estreitamente relacionado con fondos con praderías de Zostera, e é substituído por P. elegans onde faltan estas praderías.[6]
Linneo describiu esta epecie baixo o nome de Cancer squilla no seu Systema Naturae (1758, 1761). Como moitos máis xéneros, foi máis tarde separado do Cancer linneano, e a nosa especie foi coñecida como Leander squilla, namentres que o xénero Palaemon, que fundara en 1810 Pierre André Latreille, era utilizado para outras especies. En 1897, Mary Jane Rathbun deuse de conta que a especie tipo do xénero Palaemon, que elixira Latreille para describila, era Cancer squilla. Isto requiría que o xénero daquela coñecido como Leander pasara a Palaemon, mentres que o xénero entón coñecido como Palaemon tenría que pasar a Macrobrachium. Non todos os biólogos seguiron a nova nomenclatura, e a confusión finalmente resolveuse por unha decisión da Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica (ICZN), que declarou que a especie tipo de Palaemon era Palaemon adspersus.[7]
En 1958, Lipke Holthuis solicitou á ICZN que suprimise o nome de Linneo Cancer squilla, porque era utilizado para a especie Palaemon elegans, aínda que a descrición orixinal era dunha especie diferente.[8] A pesar da oposición de algúns carcinólogos, entre eles Robert Gurney, a ICZN estivo de acordo, deixando dispoñíbel Palaemon adspersus Rathke, 1837 —polo principio de prioridade—, para esta especie.
O camarón do Báltico (Palaemon adspersus, Rathke 1837) é unha especie de crustáceo malacostráceo da orde dos decápodos e familia dos palemónidos. É un camarón propio das augas do Atlántico nororiental moi frecuente no mar Báltico, onde é obxecto de activa pesca polos daneses. En Galicia non é moi común, aínda que tamén se pesca e se consome como os outros camaróns presentes nas nosas augas.
A especie foi descrita por Carl Linnaeus en 1758 como Cancer squilla. O xénero Palaemon foi fundado por Friedrich Weber en 1795, e este camarón recibiu ao longo dos anos numerosos sinónimos (véxase sinonimia no cadro da clasificación científica, á dereita). O nome válido na actualidade deullo Rathke en 1837.