Neotragus pygmaeus é unha especie de mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos, subfamilia dos antilopinos,[2][3] propio das selvas tropicais húmidas da África occidental.[1]
É un antílope diminuto, do tamaño dun coello, o menor de todos os antílopes, de todos os ungulados e de todos os ruminantes do mundo.[4][5][6][7][8][9] De corpo delicado e compacto, sen cristas no curuto da cabeza, e lombo arredondado. Só os machos presentan cornos, que son rectos, pequenos e rematados en punta. As orellas son máis ben curtas. O fociño está espido. Os pezuños interiores son estreitos e apuntados. Presenta glándulas preorbitais e nos pezuños, e carece de glándulas inguinais. As ubres das femias teñen catro tetos.[10][11]
A cabeza e o pescozo son de cor parda escura (agás nos lados da cara e do pescozo, que son de coloración parda amarelada brillante), que se torna máis clara na parte superior do dorso. As patas e os flancos do tronco son máis claros, de cor parda amarelada, que contratan coas parte inferiores do corpo, que son de cor branca pura. Presentan un colar rubio na garganta. A cola é mías ben longa, está moi poboada de pelo, parde escura por riba, agás na parte final, que é branca, o mesmo ca parte interior. Os cornos (só nos machos) son moi pequenos, de 2,5 a 4 cm, pralelos, lisos en toda a súa lonxitude, incinados cara atrás e rematados en puntas moi finas. As femias son similares aos machos, pero sen cornos.[11]
A lonxitude da cabeza e o tronco oscila entre os 40 e os 50 cm, a cola mide de 3 a 8 cm, e a alzada (altura na cruz) é duns 25 xm. O peso pode variar entre 1,8 e 2,5 kg.[10]
Vive nas selvas tropicais húmidas da África occidental, podéndose encotrar en Costa do Marfil, Ghana, Guinea, Liberia e Serra Leoa.[1]
Os seus principais depredadores son o leopardo, o ratel, as aguias, a serpe pitón e os varanos.[Cómpre referencia]
A especie foi descrita por Linneo en 1758 na páxina 69 do volume I da 10ª edición do seu Systema Naturae,[2] baixo oi nome de Capra pygmaea.[12]
O nome específico, pygmaeus, é un substantivo do latín científico tirado do grego antigo πυγμαῖος pygmaĩos, 'anano'.[13][14]
(Para a etimoloxía do xénero, ver o artigo Neotragus).
Ademais de polo nome actualmente válido, a especie foi recoñecida tamén polos sinónimos seguintes:[12]
Nos diferentes idiomas coñécese como "antílope real", "antílope anano" e "neotrago" (coas adaptacións pertinentes en cada lingua).[10][11]
Segundo Eva V. Bärmann, da Universidade de Cambridge, e o seu colega Tim Schikora, do Centro de Investigación da Biodiversidade e o Clima de Frankfurt, a pesar de que as especies de antílopes ananos se reuniron comunmente na tribo dos neotraguinos debido á súa aparencia morfolóxica xeral, as análises filoxenéticas demostraron que non todos están estreitamente relacionados, polo que suxeriron restrinxir o nome de Neotragini ao xénero tipo Neotragus. No seu estudo utilizaron secuencias do citocromo b mitocondrial e medicións lineais do cranio para investigar máis a fondo a similitude das tres especies de Neotragus. Estas análises apoian a estreita relación de N. moschatus e N. batesi. Porén, N. pygmaeus, a especie tipo —que nunca antes se incluira nas análisis filoxenéticas— non está estreitamente relacionada. Segundo estes autores, podería compartir un antepasado común máis recente con outro "antílope anano", o Oreotragus oreotragus, e cos duiqueros do taxon Cephalophini. Polo tanto, suxeriron resucitar o xénero Nesotragus Von Dueben, 1846 para Nesotragus moschatus e N. batesi, e deixando a Neotragus pygmaeus como a única especie do xénero.[15]
Neotragus pygmaeus é unha especie de mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos, subfamilia dos antilopinos, propio das selvas tropicais húmidas da África occidental.