Canis é un xénero da familia Canidae, orde dos carnívoros; o número exacto de especies é obxecto de disputas, se se consideran ao can e ao dingo coma subespecies de Canis lupus ou coma especies en dereito propio e se se consideran ou non Canis rufus e Canis lycaon, ambas con dúbidas sobre a súa validez. Polo tanto inclúe 6 especies seguras e outras 4 posíbeis.
O xénero orixinouse probabelmente en América do Norte a finais do Plioceno ou comezos do Plistoceno, hai arredor dun millón de anos. Hoxe atópase en estado salvaxe en toda América, en Europa, en África, Asia e Australia; a distribución do can é case coextensiva coa do ser humano, cubrindo case todo o globo.
As especies de Canis amósanos unha gran variedade de tamaños, dende os 75 kg que pode acadar C. lupus —máis aínda en razas especialmente seleccionadas, coma o gran danés ou o mastín napolitano— até os 12 de C. mesomelas —considerabelmente menos en variedades domésticas de can, que ás veces non superan o quilogramo. Aínda así, non son infrecuentes os cruces cando a fisonomía o permite, o que complicou considerabelmente o establecemento das relacións xenéticas das distintas especies.