A ra vermella[1] ou ra do monte (Rana temporaria) é unha especie de anfibio anuro da familia dos ránidos (Ranidae).
É común en Europa e o noroeste de Asia. Vive en lugares húmidos e pasa gran parte da súa vida adulta na terra, volvendo á auga só para agocharse cando a atacan e para reproducirse.
As ras vermellas reprodúcense en primavera. Os machos chaman ás femias cun particular croar, parecido a un gruñido e tras o apareamento as femias poñen grupos flotantes de milleiros de ovos.
É a máis típica das ras pardas, aínda que a morfoloxía das poboacións galegas pode afastarse bastante da do resto das poboacións ibéricas e euoroasiáticas da especie. É máis grande, grosa e robusta que a Rana iberica, aínda que nas bisbarras galegas de baixa altitude pode ser relativamente pequena.[2]
Os machos miden entre os 33 e os 55 mm de lonxitude de cabeza e tronco, e pesan entre os 4 e os 17 g. Cómpre destacar que os exemplares adultos de 33 mm e 4 g, achados en poboacións que viven na provincia da Coruña, son os máis pequenos coñecidos para esta especie. As femias son maiores, de 45 a 65 mm de lonxitude e de 6 a 30 g de peso (nas montañas orientais de Lugo e Ourense algúns individuos alcanzan os 90 mm).[3]
A cor dorsal é, en xeral, máis clara e menos variábel que na ra patilonga, predominando as tonalidades amareladas, alaranxadas, avermelladas, ocráceas ou pardas. Os machos poden ser agrisados (até nun 30 % dos casos nalgumnhas poboacións). Xeralmente teñen algunhas manchas escuras sobre o dorso, e un barrado ou punteado nas extremidades.[3]
Poden mimetizarse, aclarándose ou escurecéndose para pasaren inadvertidas. E non é descoñecida a aparición de inusuais coloracións, tanto negras como vermellas, e volverse azuis na época de apareamento. Así mesmo, coñécense individuos albinos, coa pel amarela e os ollos vermellos.[4]
Ben espallada polo centro e o norte das provincias da Coruña e Lugo, onde se pode encontrar nun amplo rango de altitudes, chagando até o nivel do mar; máis ao sur queda restrinxida ás serras, por riba dos 400–500 m de altitude en Pontevedra, acadando os 1 700 m nos Ancares e no Courel e os 1 900 m en Pena Trevinca, Ourense (nos Pireneos supera os 2 500 m).
As poboacións galegas pertencen á subespecie Rana temporaria parvipalmata Seoane, 1855, de tamaño pequeno ou moi pequeno en relación coa subespecie tipo R. t. temporaria, cor frecuentemente avermellada con manchas negras pouco abundantes e o palmado interdixital moi reducido (de onde vén o nome da subespecie). En Galicia, as poboacións das serras acadan un tamaño moito maior que as das terras baixas; as do leste de Lugo (Ancares) son moi semellantes na súa morfoloxía ás ras vermellas doutras zonas de cordilleira Cantábrica, polo que quizais poderían pertencer á subespecie típica, R. t. temporaria Linnaeus, 1758.[5]
A ra vermella ou ra do monte (Rana temporaria) é unha especie de anfibio anuro da familia dos ránidos (Ranidae).
É común en Europa e o noroeste de Asia. Vive en lugares húmidos e pasa gran parte da súa vida adulta na terra, volvendo á auga só para agocharse cando a atacan e para reproducirse.
As ras vermellas reprodúcense en primavera. Os machos chaman ás femias cun particular croar, parecido a un gruñido e tras o apareamento as femias poñen grupos flotantes de milleiros de ovos.