Ailurops ursinus é unha especie de mamífero marsupial australidelfo da orde dos diprotodontes, suborde dos falanxeroideos, familia dos falanxéridos e subfamilia dos ailuropinos.[2][3] unha das dúas que integran o xénero Ailurops, o único da subfamilia.[4][5]
Ailurops ursinus ten unha lonxitude de cabeza e tronco duns 56 cm, unha cola, prénsil, duns 54 cm de lonxitude e un peso de até os 7 kg.[6]
Presenta un fociño curto e pequenas orellas peludas.
A capa está formada por unha pelaxe suave e laúda cuberta por pelos longos e grosos que a protexen, e pode ser de cor negra, gris ou parda, con tonalidades máis claras no abdome e nas extremidades. A coloración pode variar segundo a distribución xeográfica e a idade do animal.
A cola, prénsil e carente de pelo na súa poción distal, é case tan longa como o resto do corpo, e o animal utilízaa, xunto coas patas dianteiras (con dous dedos opoñíbeis) e a sindactilia dos pés das traseiras, para desprazarse polas árbores.
Xunto co seu parente, o cuscús ursino das Talaud (A. melanotis), é o máis primitivo representante da familia dos falanxéridos, e presenta características primitivas nos dentes e na forma do cranio.[7]
O cuscís ursino común está presente na illa Célebes, así como nas veciñas illas de Butung e Peleng, nas illas Togian e, quizais, na illa de Muna.
Vive nos bosques tropicais, desde o nivel do mar até máis de 600 m de altura.
Ailurops ursinus adoita vivir en parellas ou en pequenos grupos de tres ou catro individuos.
Estritamente arbóreo, móvese lentamente desprazándose dunha árbore a outra grazas á súa cola prénsil e ao forte agarre coas patas dianteiras. Pasa a maior parte do día en repouso e dedica pouco tempo á nutrición e ao aseo do pelo.
Crese que ten un comportamento diúrno e nocturno, alternando períodos de actividade con períodos de descanso.
A súa alimentación baséase principalmente no consumo de follas, pero tamén pode comer, en menor medida, froitos inmaturos, flores e brotes.
As femias paren unha ou dúas crías unha ou dúas veces ao ano. As crías pasan os seus oito primeiros meses de vida dentro do marsupio da nai, e ao saíren del seguen coa súa nai durante un curto tempo. Descoñécese a idade á que alcanzan a madurez sexual.
A especie foi descrita en 1824 polo naturalista neerlandés Coenraad Jacob Temminck, en Monographies de mammalogie. 1: 10.[2] obra en varios volumes editada por Dufour & d'Ocagne en París e Leiden entre 1827 e 1841. Temminck encadrouna no antigo xénero Phalangista, que describiran en 1795 Étienne Geoffroy Saint-Hilaire e Georges Cuvier, e que hoxe está obsoleto,[8] designándoa co nome de Phalangista ursina.
Posteriormente o xénero Phlangista foi reclasificado no xénero Phalanger, que creara en 1780 Storr, pasando a nosa especie a denominarse Phalanger ursinus (Temminck, 1824). Posteriormente foi trasladada ao xénero Ailurops, polo que chegou ao seu nome actual Ailurops ursinus (Temminck, 1824).
A día de hoxe recoñécense na especie as catro subespecies seguintes:[2][3]
A pesar de ser intensamente cazados pola súa carne, o cuscús ursino común é aínda moi numeroso nalgunhas áreas, pero a diminución da súa poboación producida nos últimos anos fixo que a UICN cualificara a especie como VU (vulnerable). Á parte da caza, a poboación desta especie está ameazada pola destrución do seu hábitat e á captura de exemplares que se usan como animais de compañía.[1]
Ailurops ursinus é unha especie de mamífero marsupial australidelfo da orde dos diprotodontes, suborde dos falanxeroideos, familia dos falanxéridos e subfamilia dos ailuropinos. unha das dúas que integran o xénero Ailurops, o único da subfamilia.