Aerodramus sawtelli, denominada kōpeka na lingua maorí das Illas Cook,[2] é unha especie de ave da subclase das neornites, infraclase dos neognatos, orde dos apodiformes, familia dos apódidos e tribo dos colocaliinos (salanganas), unha das integradas no xénero Aerodramus.[1][3]
A especie foi dscrita en 1974 polo científico británico David Holyoak.[4]
Anteriormente foi coñecido como Collocalia sawtelli,[5] e como a subespecie Aerodramus leucophaeus sawtelli (Holyoak, 1974).
É unha ave escura e veloz voadora. Mide 10 cm de lonxitude, e é de cor café escuro polas partes superiores, e lixeiramente máis claro polas inferiores.[6]
A especie está restrinxida á illa de Atiu, no arquipélago das Cook, aínda que existe un posíbel rexistro histórico temperán en Mitiaro.[7]
Cando se recolectou en 1973 na cova Anatakitaki había preto de 60 niños, e os habitantes locais informaron que había algunhas colonias máis pequenas noutras partes da illa.[4]
Segundo observadores locais a poboación da especie eran maiores hai varias décadas.[8]
En 1987-1988, un reconto detallado rexistrou 190 niños activos en dúas covas.[9] En 1994 e 1995 realizáronse recontos adicionais e, aínda que o número de niños activos en cada cova varía de ano en ano, os totais mantivéronse estábeis entre os 172 e os 175.[10]
Endémica da illa de Atiu, nas Illas Cook, o seu hábitat natural son as matogueiras tropicais e zonas mixtas cultivadas, onde se alimenta, e aniña nas covas calcarias da zona.[11]
A especie ten o seu hábitat en bosques, zonas de fentos, terras de cultivo, e áreas mixtas de horticultura, pero evita o anel de coral seco (makatea) de Atiu. Estas aves vense con maior frecuencia alimentándose a 3-5 m do solo, aínda que ocasionalmente descenden aos bordos de árbores ou arbustos.[12]
A especie aniña en colonias en covas de pedra calcaria de makatea.[13]
Aínda que está case en perigo de extinción, a súa poboación é estábel, calculándose en 350 individuos adultos e un pouco máis de 170 niños por ano.[14].
A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UINC), considerando que a especie ten unha poboación pequena, confinada nunha illa, e que se reproduce en covas e, polo tanto, é susceptíbel a eventos estocásticos e a accións, cualifícaa como VU (vulneábel). De demostrase que a poboación está en declive, podería xustificar o paso a unha categoría de ameaza máis alta.[1]
Aerodramus sawtelli, denominada kōpeka na lingua maorí das Illas Cook, é unha especie de ave da subclase das neornites, infraclase dos neognatos, orde dos apodiformes, familia dos apódidos e tribo dos colocaliinos (salanganas), unha das integradas no xénero Aerodramus.